O escritor X. Ricardo Losada gaña o Torrente Ballester da Deputación da Coruña cunha obra sobre a relación do poeta Manuel Antonio coa súa nai

Desde a Deputación da Coruña:
O rosario e a buguina de X. Ricardo Losada Vicente foi a obra escollida polo xurado como gañadora do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega composto polos gañadores da edición anterior Álex Alonso e Antón Riveiro Coello, a xornalista Susana Pedreira e as escritoras Inma Otero e Beatriz Maceda e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e a xefa de servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat. como secretaria. O premio está valorado en 6.500 € máis a publicación da obra gañadora.
O xurado destacou a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo xeito de se enfrontar á morte próxima. “A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada”, destacou o xurado que sinalou tamén que a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar.
X. Ricardo Losada recrea na súa novela o final da biografía de Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar. “Sempre tiveran unha relación moi tirante, con amor, si, mais tamén con enfrontamento, e neste caso o conflito relixioso acentúase de maneira especial pola vontade dela de que o poeta reciba a extrema unción e a negativa del a aceptala”, explica o autor dunha novela que convida á reflexión sobre a vida, a liberdade e a morte.
Con anterioridade, o escritor asinou tamén unha obra, neste caso de ensaio e investigación, sobre a figura de Manuel Antonio que agora ficciona na novela gañadora. (…)”

Crónica videográfica da V Xornada de Literatura Dramática (I)

V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias foi unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:

Inauguración. Rómulo Sanjurjo, Director da Área de Cultura do Concello da Coruña, Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG:

Miro Villar: “Gustaríame ter escrito Estirpe

Entrevista de César Lorenzo Gil a Miro Villar en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
– Miro Villar (MV): Hai moitos. Se falamos da nosa literatura creo que a Nova crónica das Indias, obra narrativa do poeta Antón Avilés de Taramancos, debería ter moita máis trascendencia da que tivo no seu momento. Na miña opinión é unha descuberta. (…)
– B: Que novela lle gustaría protagonizar?
– MV: Cando era mozo envexaba a afouteza do capitán Ahab do Moby Dick, de Melville, e sempre me vén á cabeza Gregory Peck no filme de John Huston. Era loucura. Hoxe estou lonxe das aventuras, coido que me conformaría con ser aquel libreiro de 84 Charing Cross Road, de Helen Hanff.
– B: Que novela o reconciliou coa literatura?
– MV: Semella que as preguntas sempre se dirixen á novela como o xénero maior e debo dicir que nas miñas lecturas é a poesía. Porén, no seu momento, calquera de Gabriel García Márquez, e dos últimos anos non esquezo Desgraza, de Coetzee, que agora pódese ler tamén na nosa lingua. (…)
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– MV: Non hai dúbida, aínda que eu xa escribía poesía e prosa con premios escolares e xuvenís, para min foi fundamental coñecer a Darío Xohán Cabana cando era garda municipal en Corcubión. Influíu moito en min, de feito aquel primeiro libro de poemas que citei leva o seu prólogo e é un sonetario, influenciado polos sonetos do propio Darío (todos premiados naquela época, libros como A fraga amurallada, Amor e tempo liso, Patria do mar, etc.) (…)
– B: