Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez, faise coa terceira edición do Premio Selic

Desde Nós Diario:
“A concelleira de Acción Cultural do Concello de Compostela, Mercedes Rosón, fixo o anuncio da obra gañadora da terceira edición dos Premios Selic (Semana do Libro de Compostela), que recaeu en Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez. Outras dúas pezas, O novelo, de Óscar Senra e Partida salvada, de Fernando Epelde, foron merecedoras de cadanseu accésit.
De Baleiro o xurado quixo destacar a súa orixinalidade, pois Gabriel Gómez propón un futuro distópico no que se debuxa un cambio na situación política da Galiza e tamén unha historia persoal. “A proposta supón unha novidade argumental”, explican, “no panorama da narrativa actual, na que a crítica e o tratamento irónico do cotián están moi presentes”.
No referido ás novelas galardoadas con accésit, O novelo e Partida salvada, o xurado destaca da primeira “o retrato da cidade de Compostela elaborado desde diferentes perspectivas e personaxes diversos mediante o xénero policial”.
Unha narración que o autor, Óscar Senra, explicou, en rolda de prensa, que non define como novela, senón como unha serie por capítulos.
“Unha obra que vén a completar o universo das outras que publiquei, moi centrada no presente, escrita no confinamento”, que define “como me sentía no momento”, conclúe.
En Partida salvada, peza de teatro de Fernando Epelde, o xurado valorou a combinación de historias xeracionais e historias persoais, ao tempo que achega unha reflexión sobre os usos da lingua.
Segundo Mercedes Rosón, a esta edición dos premios presentáronse 34 obras: 18 de poesía, nove de narrativa, seis de teatro e unha de ensaio, incorporada este ano á convocatoria. Ademais a contía dos galardóns incrementouse, sendo de 6.000 euros para a obra gañadora e de 1.500 para cada accésit.”

Vigo: mesa redonda arredor da exposición Berta Cáccamo: Papeis 1988-2018

O 4 de xaneiro, ás 18:00 horas e ás 19:30 en segunda quenda, na Galería Trinta (Rúa da Virxe da Cerca, 24), en Santiago de Compostela, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carlos López Bernárdez e Juan de Nieves, integrantes do Legado Berta Cáccamo, participarán nunha mesa redonda na que explicarán a tarefa que, como albaceas da obra da artista, asumiron co obxectivo de revitalizar o coñecemento do seu traballo e situalo no panorama galego, estatal e internacional. Así mesmo, manterán unha conversa arredor de diferentes aspectos relativos á obra de Berta.
Juan de Nieves, comisario da exposición Berta Cáccamo. Papeis 1988-2018, aproveitará a ocasión para realizar unha visita guiada da mostra, que supón un percorrido polos trinta anos de traballo da artista e unha reivindicación da importancia que o debuxo e a obra sobre papel tiñan para ela.
A capacidade do espazo é limitada, polo que as persoas interesadas deben anotarse no mail trinta@trinta.net ou Whatsapp / teléfono 657914540.

A Fundación Fraguas e o Museo do Pobo dan ao prelo a obra Os animais de Fraguas, co apoio da Xunta

Desde a Xunta de Galicia:
“Co apoio da Xunta de Galicia, a Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego dan ao prelo a obra Os animais de Fraguas, que recolle un texto do polígrafo cotobadés, ata o de agora inédito, sobre crenzas populares arredor dos animais. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da fundación e do museo, Xusto Beramendi, presentárona en San Domingos de Bonaval, nun acto no que tamén participaron Miguelanxo Prado, que ilustrou o libro, Kiko da Silva, encargado da dirección artística e Fuco Sangiao, coordinador editorial. (…)
O libro ilustrado Os animais de Fraguas recupera un texto inacabado e ata agora inédito de Antonio Fraguas sobre crenzas populares arredor de distintos animais, editado coa colaboración do filólogo Antón Santamarina e ilustrado por Miguelanxo Prado baixo a dirección artística de Kiko da Silva e a coordinación editorial de Fuco Sangiao. Nel, as linguaxes visual e textual dialogan para compartir lendas, consellos, coplas populares e crenzas arredor de animais como as cobras, o lagarto, a sabandixa, o sapo, a toupeira, as arañas, o alacrán, a denociña, o lobo, o raposo, o can, a galiña, o galo, as pegas, o cuco, do paspalló, o pimpín, o chasco, as anduriñas, a lavandeira, a carriza, o crego marelo, o corvo, a rapiña, a curuxa ou os biosbardos; en suma, dos animais de don Antón Fraguas, exemplo de quen traballou por e sempre para Galicia, por amor á nosa Terra.”