Finalistas do 28º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

“O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (por orde alfabética de autor):
A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo.
Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas.
A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez.
A cerimonia de entrega de premios celebrarase o próximo 9 de maio, xoves, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo, e contará coa actuación de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.
O Certame de Arteixo acrecenta en 2019 a dotación dos premios en máis 1.300 euros, ofrecendo 4.000 € para o primeiro, 1.500 € para o segundo e 600 € para o terceiro, ademais da publicación da obra nun volume colectivo.
Rematado o acto, que incluirá unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado no próximo Día das Letras, ofrecerase un viño de honra.
A coordinación agradece tamén este ano a colaboración na formación do xurado (por regra, paritario) da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega así como da Asociación Galega da Crítica, o que axuda a asegurar un criterio literario cun rigor e unha calidade fóra de toda dúbida.”

Porriño: actividades destacadas do 9 de maio na Feira do Libro 2019

O 9 de maio comeza a Feira do Libro de Porriño (na Rúa Ramón González), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:30 h. Acto de inauguración da feira: con pregón da escritora Clara do Roxo.
20:00 h. Presentación de libro: Actrices secundarias, de Clara do Roxo, publicado por Elvira Editorial.

Pisa: Encontro sobre a literatura galega onte e hoxe

O martes 7 de maio terá lugar un encontro na Universidade de Pisa onde se presentarán as tres obras que desde os Centros de Estudos Galegos de Italia se publicaron no ano 2018. A esta cita acudirán os directores dos tres centros que existen neste momento en Italia: Giovanni Borriero da Universidade de Padova, Attilio Castellucci da Universidade La Sapienza de Roma e Carlo Pulsoni e Marco Paone da Universidade de Perugia. Con eles conversarán Fabrizio Cigni e Valeria Tocco en representación da Universidade de Pisa.
Organiza o encontro a cátedra Antero de Quental–Camões integrada no Departamento de Filoloxía, Literatura e Lingüística da Universidade de Pisa. Cómpre destacar a vitalidade dos Centros de Estudos Galegos de Italia xa que no ano pasado deron ao prelo os volumes Lois Pereiro. Poesia ultima di amore e malattia a cargo de Marco Paone e publicada pola editorial Aguaplano, unha tradución do célebre libro do autor monfortino; La letteratura galega. Autori e testi, a cargo de Giovanni Borriero e Gemma Álvarez Maneiro publicada pola editorial Carocci, e La lingua delle cantigas. Grammatica del galego-portoghese, a cargo de Pär Larson e publicada tamén por Carocci.
De feito, esta última editorial, de grande prestixio no ámbito universitario italiano, habilitou a colección Finisterrae coa finalidade de dar a coñecer textos relacionados co ámbito cultural galego. A selección e edición dos volumes da serie Finisterrae corre a cargo dos tres directores dos centros de Estudos Galegos en Italia.

Coñécense as obras gañadoras do II Premio de Poesía Estratosférica