O
venres 15 de novembro chega á Cachada de Boiro unha das pezas máis divertidas e sorprendentes da escena teatral galega: #camiños, de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego. Neste caso, a cita será dobre, xa que pola mañá poderán desfrutar os adolescentes de boiro, ás 11:30, e xa pola noite, ás 21 horas, están convocados á cita todos os veciños e veciñas. Trala función, a compañía cambia de provincia xa que o domingo, ás 18:30, serán os lugueses e luguesas as que poderán desfrutar da peza no Auditorio Municipal Gustavo Freire.
Quen somos os galegos e as galegas do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade? Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores desta peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser.
Para tecer este mapa botaron man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
Tanta festa se xuntará no Auditorio de Goiáns que estarán presentes As churrascas, lideradas por Carrodeguas, que levarán a escena “aDiosRíos_aDiosFontes”, o título do seu primeiro “hit” de música electrónica cos versos de Rosalía de Castro. Un hit que suma xa 4.000 visitas en Youtube e que veu realizado por Fran X. Rodríguez, rianxeiro que non deixa de sumar premios no eido audioviosual
Crónica videográfica da XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú (I)
A
XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, coa que se tentou, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas/os especialistas na materia, propoñer unha reflexión ao conxunto da sociedade sobre a evolución da nosa cultura popular. A xornada tivo lugar o sábado 26 de outubro de 2019 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Inauguración. Maite Ferreiro, Vicepresidenta da Deputación de Lugo:
– Inauguración. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG:
– Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, língua e normalização (I), por José Luís Forneiro:
– Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, língua e normalização (II), por José Luís Forneiro:
– Conferencia: O romance tradicional; relación entre texto e melodía, por Dorothé Schuberth, Antón Santamarina, Lucía López Cedrón e Cástor Castro Vicente:
A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Tito Pérez
Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Tito Pérez, celebrado o pasado 9 de novembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Vigo: presentación de Galicia, o país das marabillas, de Claudia Castro
Bases do Premio Lazarillo de creación literaria 2019. Modalidade xuvenil (o prazo amplíase ao 16 de decembro)
A Estrada: entrega do Premio Manuel García Barros 2019 a Berta Dávila
O
15 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, celébrase a entrega do Premio de Novela Manuel García Barros 2019. No acto intervirán a gañadora Berta Dávila, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o alcalde da Estrada, José López e o Concelleiro de Cultura, Manuel Constenla Carbón.
A gala contará coa actuación musical da man dos músicos Suso Vaamonde e Xosé Luis Romero.
Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Desde
Fervenzas Literarias:
“Citerea de Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
Javier Rodríguez, natural de Ourense, álzase como gañador da VIII edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, Premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto dun cento de orixinais recibidos.
O segundo premio recaeu na obra titulada A ferida, da que é autor, Manuel López Rodríguez, de Noia. Pola súa banda a viguesa Branca Trigo Cabaleiro, acadou o terceiro premio coa obra presentada baixo o rótulo O heroe de vidro. (…)
O xurado desta edición estivo formado por Aura Ramil, Armando Requeixo e Chema Felpeto.
O premio Leiras Pulpeiro leva convocándose dende o ano 2012 coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A entrega do premio terá lugar o sábado, día 23 de novembro de 2019, segundo o seguinte programa:
– 12:00 h. Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:15 h. Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
– 12:45 h. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”









