XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral

A XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

Esa metade da humanidade que corresponde ao xénero feminino soe aparecer nos documentos de todo tipo subordinada ao masculino; por tanto, subordinada ao poder político e relixioso, sen ou con escasa liberdade de decisión ou de acción, confinada a funcións subalternas que se reflicten en todas as formas de transmisión de valores e de coñecementos. Tamén os diferentes xéneros da literatura de tradición oral proxectan ese papel secundario da muller, esa imaxe de ser dependente cando non reprobábel se non se comporta consonte o canon imperante.
Para recuperar, pero sobre todo para actualizar ese saber herdado, nesta undécima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral tentamos, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas especialistas na materia, propoñer unha reflexión crítica ao conxunto da sociedade sobre o rol tradicional da muller na nosa cultura popular.

XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na Literatura de Tradición Oral
Matrícula para o certificado homologado: desde 25/09/2018 até 25/10/2018 (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).

Matrícula para o certificado emitido pola AELG: Desde 25/09/2018 até 25/10/2018 (oficina@aelg.org)

Data: 27 de outubro de 2018
Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 e tarde de 16:00 a 20:30h.
Lugar de celebración: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8,27001, Lugo)
Número de prazas: 100
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación (certificado homologado):
Prazas reservadas: 25% Número máximo de prazas: 25%

Obxectivos previstos:
1. Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relación coa cultura popular tradicional.
2. Facilitar un foro de reflexión para comprender e transmitir os valores da nosa cultura.
3. Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.
4. A importancia do coñecemento destes temas da cultura transmitida por vía oral na formación do alumnado.
5. Formas e xéneros sobre cuestións de xénero na Literatura de Tradición Oral.

Programa:
10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10.30-11.30 Conferencia
A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas
Camiño Noia
11.30-12.30 Conferencia
Muller que sabe latín, non serve para min
Estefanía A. Lodeiro Paz
12.30-14.00 Mesa redonda
A muller imaxinada como paradigma da muller de carne e óso
Camiño Noia e Estefanía A. Lodeiro Paz
Coordina: Antonio Reigosa
16.00-17.00 Conferencia
Meigas: as mulleres sanadoras contra a orde masculina
Anxos Sumai
17.00-18.00 Conferencia
Pendentes de Ouro Negro. Mulleres e Wolframio
Faia Díaz Novo
18.00-19.30 Mesa redonda
Botando as contas da leiteira. Fantasía ou crúa realidade?
Anxos Sumai e Faia Díaz Novo
Coordina: Lois Pérez
19.30-20.30 Sesión práctica
Regueifa 2.0. Educando en igualdade
Alba María e Lupe Blanco

Plano de avaliacion da actividade para o certificado homologado:
– Asistencia ao 85% das horas.
– Seguimento do desenvolvemento da actividade.
– Entregarase unha enquisa que será cuberta polos/as asistentes.

Destinatarios-as do certificado homologado:
Profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes.

Destinatarios-as do certificado emitido pola AELG:
Outras persoas que queiran un certificado de asistencia.

A entrada é libre.

Criterios de selección para o certificado homologado:
Por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os socios-as da AS-PG e da AELG.

Importe da matrícula e tipos:
Gratuíto en todos os casos.

Escola de Escritoræs. Obradoiros literarios Poesía e Mar, impartidos por Antonio García Teijeiro e Miriam Ferradáns, no Grove e Bueu

Os Obradoiros literarios Poesía e Mar, da Escola de Escritoræs da AELG, impartidos por Marta Dacosta, Antonio García Teijeiro e Miriam Ferradáns contan coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, e os Concellos de Baiona, O Grove e Bueu.

Nesta ocasión, buscan encontrar a conexión entre a palabra poética e o mar desde perspectivas diferentes, en tres emprazamentos privilexiados da provincia de Pontevedra.

CALENDARIO DOS OBRADOIROS PENDENTES

Poemando o Mar
Data: 27 de outubro de 2018
Horario: De 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.
Lugar de realización: O Grove. Museo da Salga, Punta Moreiras (-como chegar-)
Dirixido especialmente a profesorado e persoas interesadas no ensino
De Brea e Mar
Data: 10 de novembro de 2018.
Horario: De 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 h.
Lugar de realización: Bueu. Estaleiro de Purro (Avenida de Montero Ríos, ao carón da praia da Banda do Río)

INSCRICIÓNS

– Máximo de 25 prazas por obradoiro.
– Inscrición previa, necesaria e gratuíta, en oficina@aelg.org, no teléfono 981133233 (de 09:30 a 14:00 h. os días laborábeis), ou no móbil 696581971 (no mesmo horario, por chamada telefónica, WhatsApp ou Telegram).
– Indicaranse os seguintes datos:
  • Título do roteiro
  • Nome e apelidos
  • Documento de Identidade
  • Contacto telefónico

As prazas asignaranse por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.

Información básica sobre Protección de Datos. O Responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é atender a súa solicitude de inscrición nesta actividade e a base legal do mesmo é o seu consentimento como persoa interesada. Ten dereito a acceder, rectificar, suprimir os seus datos e outros dereitos. Pode consultar a nosa cláusula adicional premendo no epígrafe Aviso Legal da páxina principal da web da AELG (aelg.gal).

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018: Ana Acuña e Fina Casalderrey, o 27 de outubro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Para inscribirse nestes paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 25 de setembro.
A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico.
Prazas limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 27 de outubro
A Pontevedra de María Victoria Moreno, con Ana Acuña e Fina Casalderrey.

Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018: Olga Patiño

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Os Paseos pola Coruña Literaria constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

Terán lugar os sábados indicados para cada paseo, de 12:00 a 13:30 h., aproximadamente.
Están dirixidos a maiores de 16 anos e son gratuítos para as persoas interesadas (hai un límite de 55 prazas por paseo).
É necesaria a inscrición previa, que se abrirá a partir das datas indicadas para cada un dos paseos. Pode facerse dos seguintes xeitos:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora.
– No teléfono 981 189 888 (a partir das datas indicadas para cada paseo).
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

  • Sábado 27 de outubro (a partir das 12:00 h): paseo con Olga PatiñoA Cidade Vella. A inscrición ábrese o 15 de outubro a partir das 09:00 h.

Este vai ser un percorrido pola luz das pedras. Por esa luz subterránea que nos achega ao bafo dos ancestros. Para a paisaxe invisíbel do tempo está a voz d@s poetas, cuxas pegadas nestas pedras da Cidade Vella foron e son capaces de facer o instante eterno, de vagar pola sinuosidade do vento e achegármonos á hora involuntaria do asombro nas pálpebras dos soños certeiros…

María Xosé Queizán e Antía Cal gañan o Premio Otero Pedrayo

Desde Sermos Galiza:
“A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo, convocado polas catro deputacións e a Xunta e organizado nesta edición pola Deputación da Coruña. O premio está dotado con 16.000 euros.
O Premio Otero Pedrayo recae por primeira vez en dúas mulleres, pioneiras no mundo do ensino e do uso do galego na escola no caso de Antía Cal e na defensa dos dereitos das mulleres desde todos os ámbitos, de maneira especial desde o literario, ensaístico e activista, María Xosé Queizán. Desde a súa creación hai xa máis de corenta anos, a pasada edición foi a primeira vez que unha muller, Margarita Ledo.
A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía que busca en modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Ademais de ensinar, trata de completar a educación creando materiais didácticos dos que nace a enciclopedia O libro dos nenos e o volume A arte e a súa historia, escritos en galego nos anos cincuenta. Do encontro cos novos movementos pedagóxicos nace a Escola Rosalía de Castro que ela crea en Vigo, un centro laico, plural, diverso, democrática e conectada co mundo que a rodeaba. Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos, un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, a súa lingua e a súa cultura e exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega.
A escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939) conta cunha intensa traxectoria na literatura e tamén no activismo centrado, de maneira especial, na defensa dos dereitos das mulleres. Queizán é pioneira na teorización do movemento feminista desde a situación que vivían e viven as mulleres galegas que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou.
O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galiza. (…)”

“Rachar a débeda con Francisco Carballo”

Entrevista a Santiago Prol en Sermos Galiza:
“Medio cento de persoas participaron no roteiro cultural pola vila de Maceda para percorreren os lugares de Francisco Carballo cando se van facer catro anos do seu falecemento.
O punto de partida foi a cafetaría Castillo, onde o escritor, presbítero, teólogo e historiador Francisco Carballo (Maceda, 1925-Salamanca, 2014), un dos máis entusiastas impulsores de Sermos Galiza, facía parte dun faladoiro cada vez que regresaba ao seu lugar de orixe. “Alí sempre quedaba Carballo coa xente de Maceda, xuntábase con quen tiña vínculos con el”, explica, en conversa con este medio, Santiago Prol, impulsor da Asociación Amigos de Francisco Carballo, entidade que organiza os roteiros na súa lembranza. O último tivo lugar o sábado, día 20, na vila de Maceda.
Máis tarde o medio cento de persoas que quixo honrar Carballo visitou o Museo do Médico Rural, “aínda non está aberto, mais permitíronnos a visita por deferencia e alí lembramos como os médicos de hai setenta ou cen anos ían en besta desde Maceda até aldeas como a de Celeirón, de onde el era natural. Agora a xente vén ao centro médico pero antes os facultativos tiñan un trato máis humano e directo cos pacientes”.
A Biblioteca Pública Francisco Carballo foi outro dos epicentros do roteiro. Ademais de contar coa biblioteca particular que o propio homenaxeado doou ao concello, abeira un espazo dedicado a el con todos os seus libros e con imaxes e cartaces que lembran a súa traxectoria.
Un blog que recolle a traxectoria de Carballo
“Tamén aproveitamos para impulsar a bitácora da asociación, que suma 170 achegas nos dous anos que ten de vida”, afirma Prol, “Carballo dá moita cancha porque era teólogo, xornalista, historiador, facía recensións de libros constantemente e produciu unha cantidade enorme de artigos e publicacións”. As últimas entradas versan sobre o roteiro; sobre Castelao, coincidindo coa chegada do cadro A derradeira leición do mestre a Galiza, e sobre o libro Conversas con Francisco Carballo, do xornalista Xan Carballa e de Santiago Prol e editado en A Nosa Terra.
“Francisco Carballo escribira unhas memorias que non chegara a publicar. Titulábanse Na fronteira do eclesial e no corazón do debate social pero, finalmente, decidírase por facer o libro de conversas. Aínda así hai aspectos das memorias que non saíron no libro e que publicaremos no blog”, sinala o impulsor da asociación.
Outro dos contidos máis esperados é a entrevista da xornalista Tareixa Navaza a Francisco Carballo emitida na TVE. Conversa que se proxectou o sábado no roteiro por Maceda, onde se xuntaron antigos alumnos, teólogos, curas, ex curas, amigas e amigos e familiares.
Unha figura brillante
Santiago Prol lembra a volta de Carballo a Galiza, “hai que ter en conta que cando vén de Salamanca era reitor do Teologado, estaba na cúpula máxima dos Paúles a nivel Estado. Propóñenlle ser bispo, mais prefire vir a Vigo e romper con todo iso”. O punto de inflexión, afirma Prol, foi un Terra e Tempo, editada pola Unión do Povo Galego. “Estando en Trastévere (Roma), deu cun Terra e Tempo e iluminóuselle o cerebro. Viu que existía xente organizada no mundo do nacionalismo, ao redor da UPG e da AN-PG, e en 1973 marchou a Sobrado dos Monxes para pensar e foi cando tomou a decisión drástica: ir para Vigo”, engade.
Por que Vigo? Vigo era “a cidade onde se cocía todo na Galiza”, di Prol. Foi alí onde “revolucionou a Cultural de Vigo” e en 1979, por iniciativa de Francisco Rodríguez, concorre na candidatura do BN-PG ao Senado, “iso para a Igrexa foi o no va más”. “Aí empeza un Carballo que despois fai moitas máis cousas, o Carballo que crea esa especie de escola de historiadores e que considera fundamental crear a nosa propia historia desde Galiza”.
Falta de recoñecemento
O membro da asociación amigos lamenta que “a Galiza oficial” ignore Carballo. “Morre en 2014 e seguimos esperando a que a Galiza oficial dea, cando menos, un pésame, ou un agradecemento polos servizos prestados ao país. Ninguén o fixo”, denuncia. Coa “Galiza oficial” refírese ás institucións políticas e universitarias. “Loitamos durante anos polo recoñecemento de Carballo como doutor honoris causa da Universidade de Vigo, mesmo estando el en vida, mais seguimos sen conseguilo”, agrega, “o país ten unha débeda con Carballo e mesmo o nacionalismo debería ter máis xestos con el”.
A asociación, modesta, intenta manter vivo o legado e a memoria de Carballo, un home que, malia non se considerar creador, “escribiu toda a vida, ensaios e columnas de tipo político e histórico”, salienta Prol. Os seus referentes: o padre Sarmiento, Bóveda e Castelao.”