A Coruña: recital de Darío Xohán Cabana e Aurélia Lassaque no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 23 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Darío Xohán Cabana e Aurélia Lassaque. Máis información aquí: Folletos Poetas Di(n)versos abril 2018.

Ribeira: presentación de Un home estraño, de Antonio Tizón

O venres 20 de abril, ás 20:30 horas, na Casa do Concello de Ribeira, terá lugar a presentación da novela Un home estraño, de Antonio Tizón, publicado por Xerais. A obra foi a gañadora do VI Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

Ferrol: actos destacados do sábado 21 e domingo 22 na Feira do Libro

O sábado 21 e domingo 22 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 21
12:00 h. A ilustradora María Brenn asina exemplares de Soños de nenos, publicado por Embora.
18:00 h. Obradoiro de ilustración Debuxando contos, con María Lires.
20:00 h. Presentación do álbum ilustrado Lúa, de Pepablo Patinho, publicado por Embora.

Domingo 22
12:00 h. Siro López asina exemplares da súa antoloxía Siro, na caseta de Central Librera.
12:00 h. Miguel Anxo Romero e Leandro Lamas asinan exemplares de Poemas con Canela, na caseta de Edicións Embora.

Fran Alonso foi nomeado Director de Xerais

Desde Xerais:
“O Grupo Anaya decidiu nomear con data de hoxe a Fran Alonso Director Editorial de Edicións Xerais de Galicia. Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria profesional no ámbito do xornalismo e pertence ao cadro de persoal de Xerais desde 1992, onde desempeñou diferentes funcións no ámbito editorial. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, e Máster en Promoción da Lectura e Literatura Infantil (2001-2003) pola UCLM. Desde 2001 viña exercendo como Subdirector para a Edición Xeral en Xerais, ocupándose principalmente da edición literaria. Entre 2006 e 2010, ocupou o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editoras e na actualidade pertence á súa Xunta Directiva. Tamén foi un dos membro fundadores da asociación Espazo Lectura en 2008.”

O xurado do certame aRi[t]mar escolleu as poesías finalistas publicadas en Galiza e en Portugal en 2017

“O certame aRi[t]mar Galiza e Portugal da música e da poesía galego-portuguesa, iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, abrirá o proceso de votación despois do xurado ter seleccionado as vinte (10+10) poesías portuguesas e galegas finalistas. As persoas que quixeren participar poderán votar a través da web da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, desde as 00:00 h do día 20 de abril até ás 23:59 h do día 20 de maio, e participarán posteriormente nun sorteo dun lote de libros.
As poesías finalistas desta edición son as galegas: Arróstrasme ítacas (Eli Ríos), Cinco adolescentes sentadas (Fran Alonso), Blues do rei Bergman = B.B. King (Lois Pérez), Afixécheste a encollerte (Lupe Gómez), Tira a roupa (Marta Dacosta), Herdanza (Olalla Cociña), Se vas morrer na guerra leva un libro (Pura Tejelo), Esquecer ter cousas (Sther F. Carrodeguas), Agoiro (Xulio L. Valcárcel) e Palabras na beira (Xurxo Alonso); e as portuguesas: Com o ritmo da chuva (Alexandre Brea Rodríguez), Poderei ser uma daquelas pessoas que lêem sinais (Rosa Oliveira), Sou mulher de vestígios fáceis e dignos (Cláudia R. Sampaio), Contrato social (Madalena de Castro), Música antológica and todos contentes (José Miguel Silva), Estamos parados de olhos postos (Rui Almeida), Somos daqueles que limpam os ouvidos (Golgona Anghel), Aprendizagens (Ana Luísa Amaral), Memórias da casa da China e de outras visitas, à maneira de Yuan Mei (Manuel Afonso Costa) e Revel (Nuno F. Silva).
aRi[t]mar é um proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.
Coa organización da Equipa de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas e, posteriormente, escóllense mediante votación popular online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, neste caso en 2017. A finais de outubro os gañadores participarán nunha Gala de entrega de premios en Santiago de Compostela.”