“Coser e descoser”, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Sega:
“Escoller A balada dos unicornios de Ledicia Costas era unha aposta segura para unha tarde de lectura tranquila e apracible. Viaxar da man da autora ao Londres victoriano e acompañar as aventuras de Ágata McLeod na Escola de Artefactos e Oficios. Encántame o steampunk e a escrita coidada de Ledicia Costas. Estaba segurísima que a precisión lingüística que caracteriza as súas obras me ía facer gozar do ambiente de cascos voadores, teteiras motorizadas, arañas articuladas e, sobre todo, de unicornios moi especiais. A balada dos unicornios, un sofá e un café. O plan perfecto se non fose porque a autora tiña outros propósitos para nós, queridas persoas lectoras: aquí non hai un momento de tregua! nada de monear diante das páxinas!
Desde as primeiras liñas hai personaxes coas que imos leirar e outras que nos van enfadar (e moito) e non porque a narradora nos faga descricións interminables, non. Son as propias personaxes as que nos revelan o seu caracter polo que fan ou din:
̶ Vixía o teu saco de ferralla, non vaia ser que desapareza nun despiste ̶ apuntou a gobernanta atuándoa de xeito deliberado.(páx. 16)
Linguaxe descarnada, nunha acción constante, na que as personaxes non son maniqueístas. Non hai boas ou malas persoas. Hai circunstancias nas que os sentimentos de rabia, odio, etc, dominan a protagonistas e antagonistas e, tamén, ao contrario. A amizade esporea a Ágatha McLeod para facer cousas imposibles (ou que cría que eran imposibles), pero, tamén, o amor infinito de Cornelia polo seu fillo lévaa a mover ceo e terra para liberalo. Si, Cornelia, a mesma que afirma “O da túa amiga, esa dos dentes de aceiro, non foi nada persoal. Devorei o seu corazón coma tantos outros ao longo da miña vida. Iso si: recoñezo que este me soubo a gloria. Relámbome só de recordar o seu sabor doce e intenso” (páx 142). (…)”

Obras premiadas no XXXII Certame de poesía en lingua galega Rosalía de Castro 2018

“O sábado 24 de novembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella (Barcelona) que este ano acada a súa XXXII edición, no que se lle concedeu o primeiro premio a Isaac Xubín polo seu poema Antígona.
Un día que comezaba cheo de cultura e literatura galegas co recoñecemento e homenaxe que a A.C.G. Rosalía de Castro quixo ter co Patriarca das Letras Galegas en Cataluña, o Catedrático Don Basilio Losada Castro entregándolle a medalla da entidade de recoñecemento á súa labor de difundir e posta en valor a Cultura e a Literatura galegas en Catalunya, desde a súa actividade educativa na Universidade de Catalunya, así como a súa colaboración e apoio a colectividade galega a través das diversas entidades galegas, e moi especial coa A.C.G. Rosalía de Cornellà, acto ao que asistiron ademais dos compoñentes do Xurado do Certame de Poesía así como numeroso socios da Entidade tamén estivo presente o Secretario Xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, que se desprazou a Cornellà para imporlle a distinción honorífica ao homenaxeado.
Pola tarde, o acto de concesión dos premios, foi precedido dunha conferencia a cargo do Profesor Armando Requeixo, que baixo o titulo A Irmandade literaria Galego-Catalana nos deu unha exhaustiva e esplendorosa lección sobre as colaboracións culturais e literarias de ambas as dúas culturas, desde os tempos do medievo ata a actualidade, un relato de autores e textos nos que se amosa esa irmandade cultural. O acto contou coa asistencia de numeroso publico, así como a presencia do alcalde de Cornellà Antonio Balmón, que se encargou de pechar o acto agradecendo a colaboración do conferenciante coa diversidade cultural que a cidade de Cornellà representa, na que a Asociación Rosalía de Castro é fundamental.
Pola noite e no transcurso dunha Cea celebrada no restaurante da Asociación galega de Cornellà, e presidida polo seu presidente, Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, composto por:
Presidente: Armando Requeixo, Investigador, Profesor e Crítico Literario.
Vicepresidente: Míriam Ferradáns, Poeta galega.
Vogal 1: Ana Vázquez, Documentalista, Licenciada e Doutora en Hispánicas.
Vogal 2. Xulio Simón, Profesor Licenciado en Galego e Portugués.
Vogal 3: Xosé Lamela, Enxeñeiro e Escritor galego.
Secretario: Xulio Cougil, Profe. Licenciado en Galego e Portugués, Xubilado.
Deu a coñecer aos gañadores deste ano 2018 na 32 edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que son os seguintes:
– Primeiro premio: conseguiuno Isaac Xubín, da Coruña, polo seu poema titulado Antígona: o alento que embaza o vidro.
– Segundo premio: para Manuel Antonio Piñeiro, da Coruña, polo poema Larega.
– Terceiro premio: para Gonzalo Hermo, de Barcelona, polo seu traballo Memoria do Cervo.
Ademais, o Xurado concedeu unha mención especial ao poema Foise silandeira, mainamente, de Azucena Arias Correa, de Pontevedra.

Cornellà, 25 de novembro de 2018
Antonio Díaz Fernández”

A Casa de Rosalía, gañadora do Premio do Público Culturgal 2018

Desde Culturgal:
“Pechábanse as votacións na medianoite do venres 23 de novembro e os votos falaron. A Casa de Rosalía (Padrón), con 444 votos, resultou ser o Premio do Público Culturgal 2018, fronte ás candidaturas de Chanfaina’Lab (341 votos) e Rede Cultural da Deputación de Cultura (403). Case 1.200 persoas participaron na votación online. O domingo 2 de decembro celebrarémolo co acto de entrega na Feira, ás 18:45 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Case cinco décadas de historia, unha referencia dentro e fóra de Galicia e, ademais, desde hai un lustro axitando con novos aires o legado da autora galega por excelencia. A Casa de Rosalía (Padrón) ocupa un lugar privilexiado no mapa cultural do país; alí concéntrase a vixencia da figura e obra de Rosalía de Castro. Con ambición a Casa de Rosalía enfronta presente e futuro, cunha remodelación e adaptación a novas necesidades e un proxecto museográfico que destaca a relación da autora coa contemporaneidade. A Casa de Rosalía do século vinte e un é unha casa aberta e consciente do símbolo vivo que representa.
Na Casa da Matanza, a autora viviu os seus últimos anos e é unha realidade como museo desde 1972 cando se inaugurou con Agustín Sixto Seco como presidente do padroado, Andrés Fernández-Albalat como arquitecto e Xosé Filgueira Valverde como primeiro director. Nas seguintes décadas habilítanse sala de xuntas, almacéns, servizos públicos, auditorio e arquivo. En 1999, o Centro de Estudos Rosalianos. Tamén se adquiren ao longo do tempo outras propiedades, como a vivenda para a encargada da Casa-Museo. Desde 1971 ata o ano do seu pasamento, 1998, a actriz Maruxa Villanueva foi coidadora da Casa de Rosalía na Matanza, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante en Arxentina desde os 20 anos, onde foi cantante de éxito e actriz.
A Casa de Rosalía, xestionada pola fundación que preside na actualidade Anxo Angueira, mantén unha actividade constante: abertas as súas portas a cotío, promovendo ou acollendo diversas iniciativas culturais: os premios, como o anual de poesía escolar ou o novo premio de investigación e ensaio Ramón Baltar Feijoo. Mais tamén dá acubillo a iniciativas como o Caldo de Gloria no Día de Rosalía, que busca implicar a todo o país na divulgación da obra de Rosalía; o Festival Abride a Fiestra na propia Casa da Matanza o 15 de xullo; a Inchadiña Branca Vela, unha homenaxe das xentes do mar á escritora; os Encontros na Casa de Rosalía da Universidade de Vigo; alén doutras moitas actividades como concertos, presentacións, conferencias, etc.
O 150 aniversario de Cantares Gallegos, en 2013, supuxo un punto de inflexión para o recinto, con reinauguración incluida, pero ademais coa posta en marcha de novas estratexias que tiñan en conta, nas palabras de Angueira, o simbolismo decisivo da autora. A Casa de Rosalía como un proxecto referencial, espello, foco, pero sen exclusividades: internacional, aberto e difusor. Como di o presidente da Casa de Rosalía -e tamén poeta- “poucos países do mundo teñen como “escritor nacional” a unha muller”.”