Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2026: Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. Paula Carballeira: “Contar os medos”, o 8 de outubro

A edición de 2026 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil vai ter lugar baixo o título xeral de Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño González, Carla Míguez, María González Cerdeira e María Vázquez Fernández (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os días 8, 15, 22 e 29 de outubro de 2026, ás 18:00 horas, na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.

A inscrición é de balde e pode facerse aquí.

Está en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección.

O programa é o seguinte:

8 de outubro
Inauguración
Paula Carballeira
Contar os medos

15 de outubro
Xosé Miranda
O fantástico e o arrepiante

22 de outubro
Ramón D. Veiga
O sorriso detrás do medo: monstros que fan cóxegas

29 de outubro
Fina Casalderrey
A xoaniña que bebeu na folla

A Coruña: IX Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, o 28 de outubro

Destacado

A AELG participa nas IX Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, en colaboración coa Universidade da Coruña ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

Esta nova edición chega baixo o título de Morreu o demo e viñeron os monicreques!. Terá lugar na cuarta feira/mércores 28 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Desde a Universidade colaboran con esta actividade as profesoras Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente.

Participan:
– Anxo García, quen falará sobre o Proxecto Barriga Verde: da barraca á aula.
– Larraitz Urruzola, quen fará un Obradoiro de monicreques.

A entrada é libre e gratuíta.

Boiro: presentación de Quen conduce o Estado. Arte, ideas, artistas e movementos que deron forma á vitoria do Estatuto de Galicia de 1936, de Iria-Friné Rivera Vázquez, o 3 de outubro

Paseos Literarios por Compostela 2026

Os Paseos Literarios por Compostela 2026 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela. No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2026, terá lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. O punto de saída en todos eles será a propia SELIC, na Praza da Quintana.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:
– A Conferencia Ambulante de Serafín Andante.
Carlos Labraña
Data: sábado 3 de outubro, ás 12:00 h.

– A cidade e os milagres
Daniel Asorey
Data: quinta feira/xoves 8 de outubro, ás 17:00 h.

– A Conferencia Ambulante de Serafín Andante.
Carlos Labraña
Data: sábado 10 de outubro, ás 12:00 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Compostela: Galiza con Palestina. Resistencia, Liberdade e Paz. Manifestación nacional o 4 de outubro

Chamamento de organizacións e entidades galegas á Manifestación Nacional

Tres anos despois do inicio do xenocidio do pobo palestino en Gaza, a un ano do falso Plan de Paz anunciado o 10 de outubro de 2025, e cando se cumpren 78 anos de ocupación da Palestina coa complicidade dos aliados do sionismo e a pasividade da chamada comunidade internacional, as entidades asinantes:

  1. Denunciamos que, malia o anuncio dun Plan de Paz en outubro de 2025, os ataques de Israel contra a poboación civil de Gaza non cesaron: segundo Nacións Unidas, máis de 1.300 persoas palestinas foron asasinadas e máis de 4.400 feridas desde a entrada en vigor do acordo. Denunciamos igualmente a intensificación da violencia colona e as expulsións forzadas na Cisxordania ocupada. 
  2. Exiximos un alto o fogo real: cesamento total dos ataques, abertura plena e permanente de todos os pasos fronteirizos, fin do bloqueo e entrada masiva e sen trabas de axuda humanitaria, auga, combustíbel e material sanitario e educativo. 
  3. Exiximos unha investigación exhaustiva e independente do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel, en liña coas conclusións da Comisión de Investigación da ONU, que en 2025 xa cualificou os feitos como xenocidio, e apoiamos sen reservas o proceso aberto ante a Corte Internacional de Xustiza. 
  4. Condenamos a complicidade da Unión Europea e dos seus estados membros cos intereses do sionismo. Malia as declaracións públicas e os anuncios de “plans de paz” impulsados por terceiros Estados, a UE mantén practicamente inalteradas as súas relacións comerciais e diplomáticas coa entidade sionista. 
  5. Exiximos da Unión Europea a suspensión inmediata e efectiva do Acordo de Asociación e de todas as relacións preferentes con Israel, mentres non cesen as violacións do dereito internacional. 
  6. Denunciamos o incremento do gasto militar e os plans para favorecer a chamada “economía de guerra”, que implica o desvío de fondos sociais para armamento e en última instancia só serve para nos empobrecer. 
  7. Exiximos do Estado español que, alén de conferencias internacionais e palabras de recoñecemento formal do Estado, faga efectiva a ruptura das relacións comerciais e militares coa entidade xenocida —incluída a venda e tránsito de armamento— e que impulse activamente medidas de rendición de contas a nivel internacional. 
  8. Exiximos o fin da lei mordaza e das medidas de represión do Estado español contra a solidariedade e a defensa dos dereitos humanos. A denuncia dos crimes do sionismo e do xenocidio do pobo palestino non é antisemitismo! 
  9. Exiximos da Xunta de Galiza que deixe de se pór de perfil e tome postura clara na defensa da legalidade internacional, cancelando calquera relación institucional, comercial ou de cooperación que manteña, directa ou indirectamente, con entidades cómplices da ocupación. 
  10. Exiximos a aplicación plena do dereito internacional, en particular o dereito de autodeterminación do pobo palestino en toda a Palestina, do río Xordán ao mar Mediterráneo, e o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas. Urxe impedir que o falso cesar-fogo sirva para perpetuar o bloqueo e a fragmentación territorial, permitir novos planos de desprazamento demográfico, e que Israel continúe a roubar terras, colonizar a Cisxordania e manter estruturas de apartheid sobre todo un pobo.

Aquí podes apoiar a manifestación.