Antídoto, de Emma Pedreira, gaña o Certame Literario de Vilalba
Desde
El Progreso:
“O libro da coruñesa Emma Pedreira titulado Antídoto resultou ser o gañador do primeiro premio do XLIII Certame Literario de Vilalba deste ano 2017, que organiza o Concello de Vilalba. Debido a un cambio de formato no galardón, esta é a única obra premiada aínda que o diñeiro que obtén é maior que o doutros anos, ascendendo a 7.000 euros.
O concelleiro de Cultura de Vilalba, José Antonio Pita, o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director do Grupo de Radio Principal, Fidel Fernán Vello, e o xornalista Xulio Xiz, foron os membros do xurado que emitiron o veredito.
A Casa da Cultura de Vilalba acolleu o luns 21 a presentación dos dous libros que resultaron vencedores o ano pasado. O primeiro premio foi entón para Xosé Otero Canto pola súa obra Telúrica. María Xosé Lamas, con Sonetos preposicionais, acadou o segundo posto. Ambos libros xa están á venda tras ser imprimidos pola editorial Alvarellos.”
Monforte: actos destacados da Feira do Libro no xoves 24
O
xoves 24 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Recital-presentación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima, por Chan da Pólvora. Participan Imanol Bértolo, Alicia Fernández e Antón Lopo.
– 19:30 h. Miguel Garrido asina exemplares de A Ribeira Sacra. Guía práctica, publicado por Xerais, na caseta da Secretaría.
– 20:00 h. Presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, coordinado por Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, publicado por Alvarellos.
Elena Gallego Abad: “Esta novela [O xogo de Babel] é especial”
Desde
Xerais:
“A emisora Onda Cero emitiu unha entrevista con Elena Gallego Abad sobre a súa nova novela O xogo de Babel.
A entrevista pode escoitarse nesta ligazón a partir do minuto 0:37.”
A Distancia por Lorena Conde
Artigo de Lorena Conde desde A Sega:
“Hai entre a teoría e a praxe, entre os principios e os actos, entre os ideais e a vida diaria unha distancia que é ás veces dunha profundidade insalvable.
E delas fala Patricia A. Janeiro no seu recente Manual básico de hostalería. Un libro breve, lixeiro e armado cunha intelixencia retranqueira que fai imposible a súa lectura discreta no autobús ou na consulta do médico. Proben e verán.
A historia, como a propia autora di, non é complicada: tres camareiras en situación precaria vense envoltas, sen saber moi ben como sucedeu, nun crime. Dende aí, Janeiro lanza cordas a outras tramas paralelas que se enredan na principal e miden esas distancias das que falabamos: a distancia entre o que se agarda dos xestores da cousa pública e o seus cuestionables intereses persoais; a distancia entre o ideario dos empresarios da esquerda e as súas prácticas, a distancia entre a honestidade esixible aos medios e as súas servidumes e, finalmente a distancia entre o que di a letra de calquera convenio e as condicións reais de traballo; asunto este que, hai que recordar, non é só unha cuestión de mala praxe puntual, senón unha práctica constante e mesmo desculpada como algo menor no caso de determinadas profesións (…)”
Ledicia Costas: “Estamos militando na resistencia. Oxalá algún día non esteamos nela”
Entrevista
de María Obelleiro a Ledicia Costas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Teu nome xa está á par de grandes da literatura galega como Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo, Fina Casalderrey e Paco Martín, tamén gañadores do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España. Que representou para ti este premio?
– Ledicia Costas (LC): Foi un antes e un despois. Aquí hai unha materia pendente: escribimos estupendamente, hai grandísimas e grandísimos creadores, temos moito potencial e talento, pero non exportamos. É moi difícil saír de aquí, é moi difícil que unha autora ou autor saia da Galiza e saiban quen é. O Premio Nacional deume a oportunidade de acceder a un mercado no que doutro xeito probabelmente non estaría, coñecín outras autoras e autores, outros sistemas literarios… permitiume abrir camiños aos que, doutra maneira, tería tardado, no caso de chegar, moitos anos. Tiven esa sorte, que te posiciona, ademais desde o galego. Estiven o outro día en Avilés, no Festival Celsius, e a persoa que me presentou dixo “ademais es unha autora galega que reivindica, por encima de todo, o galego, e todo o mundo te coñece por ser a autora que escribe en galego, e podemos lerte”. E lenme en castelán, porque len as obras traducidas, pero saben perfectamente que está esa militancia. É algo moi gratificante, valoran moito ese esforzo, e aí si que estou levando sorpresas moi agradábeis.
– SG: Valórase ese feito máis fóra de Galiza que na Galiza?
– LC: Por suposto. Ás veces, aquí, pregúntanme: “¿Y por qué escribes en gallego?” e eu dígolles, “se vivise en Rusia, escribiría en ruso, e se escribise en Catalunya, en catalán. Eu estou na Galiza, en que vou escribir?” e entón din, “Ah! Pois si!” e fóra dano por sentado, vés de Galiza, e escribirás en galego.
– SG: Dalgún xeito, o Premio Nacional [estatal] serve tamén para poñer a literatura galega alén das fronteiras do país?
– LC: Si, eu sempre o digo, temos un sistema literario de calidade, en que as autoras e autores estamos á altura de calquera. Falla a lingua, a perda de falantes nas xeracións que veñen detrás. Iso falla, pero estrepitosamente. Falla o autoodio, eu creo que hai un rexeitamento moi potente cara ao noso, e non se entende que a lingua é o principal trazo de identidade dun pobo. Non hai conciencia de país. Estamos militando na resistencia e oxalá algún día non esteamos na resistencia. Sempre se refiren aos vascos e os cataláns, e a nós, ás veces, nin sequera nos mencionan como país, e iso é doloroso.”
Monforte: actos destacados da Feira do Libro no mércores 23
O
mércores 23 de agosto comeza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. (neste primeiro día só abrirá pola tarde), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Inauguración da Feira. Pregón inaugural a cargo de Yolanda Castaño, tras actuar a Banda de Gaitas de Monforte.
– 21:00 h. Presentación de A invención dun deus. Xesús de Nazaret I. De predicador a Mesías, de Xulio López Valcárcel, publicado por Laiovento. Participan no acto, xunto ao autor, Manuel Rajo e Pedro Corsino Fernández Vila.
Caldas de Reis: presentación de Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de Pilar García Negro
Xosé Estévez: “Na Galiza houbo represión nacional, contra nacionalistas”
Entrevista
de María Obelleiro a Xosé Estévez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que representa para vostede recibir o Premio Día da Galiza Mártir?
– Xosé Estévez (XE): Levei unha agradábel sorpresa, sobre todo por vir da man dunha fundación que leva o nome de Alexandre Bóveda, que para min é unha das figuras máis importantes do nacionalismo galego. Non pensei na miña vida que me fosen dar semellante agasallo, sobre todo porque eu teño traballado o Galeusca, a relación entre os nacionalismos galego, vasco e catalán; Castelao e a relación co nacionalismo vasco e o catalán; a soberanía de Galiza… De aquí en adiante, este agasallo suponme un compromiso firme á hora de recuperar figuras e de loitar a favor de que aquelas vítimas que foron silenciadas, esquecidas, fusiladas, paseadas… sexan recoñecidas e non estean no esquecemento.
– SG: Precisamente, na mesma cerimonia vanlle entregar o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico, concedido por Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia.
– XE: Vou facer 74 anos, levo desde o 73 en Euskadi de profesor, escribín moito sobre temas galegos, vascos e cataláns e este premio non me caeu tanto de sorpresa porque é ao meu labor historiográfico, que é bastante amplo en temas de historia contemporánea e moderna.
Estou sumamente agradecido e emocionado cos dous premios, pois foron os agasallos máis inesperados da miña vida. Que se lembren de un despois de 47 anos fóra da patria produce unha satisfaccion enorme. (…)”


