Rosalía Fernández Rial: “O teatro vale para aprender linguas”

Entrevista a Rosalía Fernández Rial en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿En que consistiu o estudo [Aulas sen paredes]?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): É unha experiencia didáctica con alumnado de primeiro da ESO do Xelmírez I, que agora están en cuarto da ESO. Tamén se fixo un documental, que se adxunta como cedé. Consiste en propor unha nova metodoloxía didáctica para o ensino e a aprendizaxe de linguas, que aplicamos nas aulas de Galego e de Castelán, e que serve tamén para outras linguas.
– LVG: ¿Que utilidade ten?
– RFR: A idea é que se aplique como un método na aula e ver como o alumnado mellora as habilidades no día o día.
– LVG: ¿En que se nota a mellora?
– RFR: En que estudantes que tiñan moita inhibición van perdendo o medo a falar e melloran a comunicación a través do teatro, que é, pois, unha ferramenta que vale para aprender idiomas e permite traballar os contidos e habilidades curriculares, e tamén outros. (…)
– LVG: ¿Como foi a investigación?
– RFR: Foi un estudo no departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, orientado polo profesor Bieito Silva Valdivia. Primeiro fixen a investigación teórica do método, centrado nas posibilidades comunicativas de aprender linguas, que o alumnado se expresase. De aí o interese do teatro para mellorar as ferramentas do profesorado.
– LVG: ¿Utilizaron obras de teatro?
– RFR: Utilizamos textos elaborados polo propio alumnado, que representaron ao final. (…)”

Vigo: presentación de Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz

O mércores 15 de febreiro, ás 19:30 horas, no salón de actos do MARCO (Rúa Príncipe, 54), en Vigo, terá lugar a presentación da novela Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Beatriz Suárez Briones e Manuel Bragado.

“Onte 1825: Aforismos do riso futurista presentado en Moito Conto”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Case un cento de persoas participaron o martes 7 na presentación de Aforismos do riso futurista na libraría Moito Conto da Coruña. Antes que dezaoito dos autores e autoras da obra lesen os seus aforismos, interviron Francisco Pillado e Xavier Seoane, os coordinadores dun proxecto que pretende promover o xénero do aforismo na literatura galega. Pillado lembrou a presenza de aforismo nas obras de clásicos como Shakespeare, Valle Inclán ou Oscar Wilde e a escasa presenza na literatura galega de libros de aforismos coas honrosas excepcións dos de Xavier Seoane, Arca cotidiana. Irispaxaros (1984) e A rocha imantada (2009).
Pola súa banda, Seoane explicou que o libro naceu do chamamento que se fixo aos membros da AELG de promover o xénero do aforismo en galego: “pedimos que se escribisen até un máximo de trinta aforismos que non pasasen das tres liñas, sen ningunha outra limitación temática nin formal”. “Ao noso chamamento responderon 48 autores e autoras. O resultado é un libro moi ameno e variado a nivel estético, conceptual e formal. Hai algúns textos máis achegados ao xénero poético e outros ao narrativo. Sobrancea a temática política, social e histórica, expresión da preocupación polo momento de perplexidade e de gran perigo histórico que vivimos”. “O aforismo é un xénero aditivo, que vai moito co espírito do noso tempo. Nunha frase pode condensarse toda unha visión do mundo. Vivimos un gran momento aforístico, aínda que hai un risco de que caiamos na banalidade. O libro que hoxe presentamos é unha colección aberta que abre un camiño para a publicación doutras na nosa lingua”.”

A Coruña: presentación de Bolxeviques/Bolcheviques, coordinados por Teresa Moure

A terza feira 14 de febreiro, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32), na Coruña, terá lugar a presentación dos libros Bolxeviques. 1917-2017 e Bolcheviques 1917-2017 coordinados por Teresa Moure (coord.), e publicados por Xerais e Através. No acto participan, xunto á coordinadora dos volumes, Carlos Velasco e Mario Regueira, coa presenza dos editores.