Bases do III Premio Antón Risco de Literatura Fantástica

“Urco Editora, a Fundación Vicente Risco, Auga Editora, Âncora Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e A Fábrica de Vilanova, convocan conxuntamente o «III Premio Antón Risco de Literatura Fantástica» coa fin de homenaxear o escritor e teórico da literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández. Continuador do gusto polo fantástico do seu pai, don Vicente Risco (a quen podemos considerar introdutor do xénero fantástico na literatura galega coa obra Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros en 1919), Antón Risco foi un profundo teorizador da literatura fantástica con obras como Serpentáguila (Notas de un lector de poesía), Quebec (Canadá), Ediciones Hipogrifo, 1986; Literatura fantástica de lengua española (Teoría y aplicaciones), Madrid, Taurus, 1987; Viaxes á América Latina á procura de literatura fantástica. Sada (A Coruña), Edicións do Castro, 1987. Tamén cómpre salientar o seu labor de editor en Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega, Vigo, Galaxia, 1991. Asemade, foi prolífico escritor de novelas e relatos fantásticos, moitos deles aínda inéditos.

Por tal motivo e co fin de continuar o seu labor de divulgar o xénero fantástico convoca este premio conforme ás seguintes BASES:

Primeira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa, cunha extensión mínima de 150.000 caracteres con espazos e máxima de 600.000.
Segunda: O prazo de entrega remata o día 30 de outubro de 2017 e os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora, en Rúa do Avío, 11 baixo – 15705 Compostela, ben de xeito presencial, ben por correo postal ou mensaxería, sen que consten no exterior datos identificativos do/a autor/a.
Terceira: Os orixinais presentaranse en formato PDF, ODT ou DOC, gravados nun CD ou nunha memoria externa, maquetados en formato DIN-A4, en letra Times ou semellante de corpo 12 e a dobre espazo. Alternativamente, poden enviarse en papel, caso no que deberán entregarse 5 copias debidamente encadernadas.
Calquera orixinal entregado en letra Comic Sans será automaticamente descartado e o/a autor/a denunciado/a ante as autoridades competentes.
Os orixinais, veñan en CD ou en papel, irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.
Cuarta: A obra gañadora será premiada con 3000 euros (suxeitos ás retencións fiscais pertinentes) e a publicación do libro. Urco Editora e Âncora Editora serán as encargadas da edición e publicación da mesma en lingua galega ou portuguesa e Auga Editora da tradución, edición e publicación en lingua española.
Quinta: O xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura e da edición.
Sexta: Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do xurado, o premio poderá declararse deserto.
Sétima: A contía do premio considérase en concepto de anticipo polos dereitos de autoría, polo que Urco Editora, Auga Editora, Âncora Editora e demais convocantes, resérvanse o dereito de publicación da primeira edición da obra gañadora en lingua galega ou portuguesa e castelá. O/A beneficiario/a do premio, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada en cada lingua e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%. Asemade, a persoa gañadora do premio será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición. Se os dereitos de autoría xerados polas vendas superasen a contía do premio, procederase a liquidar periodicamente os mesmos con normalidade.
Oitava: As entidades convocantes resérvanse o dereito a publicar, xunto co fallo, os lemas das obras finalistas cuxa publicación recomendase o xurado, mais sen abrir a plica, para respectar así o seu anonimato. Os/As autores/as das obras mencionadas que así o desexen, poderán poñerse en contacto coas entidades convocantes para trataren o tema da publicación.
Novena: Os orixinais que non resulten premiados serán devoltos aos seus autores e autoras no caso de o requiriren por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do xurado.
Décima: O fallo do xurado terá lugar en Allariz, na Fundación Vicente Risco, durante o mes de febreiro de 2018.
Undécima: A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelábel.”

Feira do Libro de Mondoñedo: actividades literarias destacadas do luns 24

O luns 24 de xullo comeza a Feira do Libro de Mondoñedo (na rúa da Fonte), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Pregón a cargo de Antonio Reigosa.
20:00 h. Falando de libros con… Antonio Reigosa e Felipe Galán, moderados por Carlos G. Fernández.

“O ascenso ao Pico Sagro resgata o espírito de Castelao”

Desde Sermos Galiza:
“Malia a chuvia, foron perto de dúas centas as persoas que asistiron á convocatoria da federación Galiza Cultura, da A. C. O Galo de Santiago e da A. C. Vagalumes da Estrada para ascender ao Pico Sagro e rememorar así o Alba de Groria de Castelao. Unha actividade de marcado carácter reivindicativo que ten lugar desde 2011 e que recupera a subida á montaña, fonte de numerosas lendas e contos populares, de Castelao e outros membros das Irmandades da Fala, en plena ditadura de Primo de Rivera.
Castelao e os membros das Irmandades que aquel 19 de xullo de 1924 coroaban o Pico Sagro “coñecían os mitos asociados a este cume e entendían que a lenda da raíña Lupa, recollida no Códice Calixtino, aínda con todos os seus elementos fantásticos, o que simboliza é a historia, ou mesmo a prehistoria, da nosa nación”, explicou na súa intervención a escritora Marica Campo, a encargada de dar lectura ao manifesto de benvida na chaira da capela deste monte. Unha intervención de marcado carácter literario.
“Cando a montaña é un símbolo”, salientou, “o que importa é a ascensión, a tensión de avance”. “Convídovos a subir ao Pico Sagro, símbolo o seu cumio dos soños do país. Coroalo e coroalos. Agarrando a bandeira, coma funambulistas na corda frouxa, para non perder o equilibrio, para entendermos desde a perspectiva histórica a conexión co futuro”, agregou.
Marica Campo lembrou como as citadas asociacións “pretenden reavivar aquel espírito de outrora para reivindicar que temos que recuperar os nosos, seguir construíndo a historia, ascender á posesión dos atributos propios da dereitos nación que somos” e apelou a que “nada nin ninguén nos coute o ascenso”. “Somos estirpe de liberdade. Temos un lugar na Alba de Groria que Daniel soñou por e para nós. Somos nós. É tempo de chegarmos ao cumio”, finalizou a escritora, cuxa intervención completa está dispoñíbel en Sermos Galiza.
En declaracións a este medio, María Pilar García Negro, presidenta de Galiza Cultura, sinala que a subida ao Pico Sagro, un símbolo do nacionalismo galego desde o citado ascenso de 1924, é “un prólogo á celebración do Día da Patria Galega”. “Desde Galiza Cultura e as asociacións O Galo e Vagalumes, temos todo o interese en resgatar datas significativas da nosa historia e sempre cun espírito non unicamente de recordación, senón de reivindicación e modernización, entendendo por tal que toda a defensa política e patriótica da Galiza que eles fixeron hai case cen anos hoxe continúa tendo non só sentido senón aínda moitísimos máis argumentos a favor”, afirma. (…)”

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Lucía Novas, o 24 de xuño

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria do sábado 24 de xuño, con Lucía Novas. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Compostela: presentación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima

O venres 21 de xullo, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), de Santiago de Compostela, preséntase a antoloxía 13. Antoloxía da poesía galega próxima, publicado por Chan da Pólvora Editora. No acto participan o editor, Antón Lopo, a antóloga Chus Nogueira, o coordinador Anxo Quintela e as poetas Alicia Fernández, Berta Dávila, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Samuel Solleiro, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco.

Marcos Calveiro regresa para gañar o García Barros cunha novela protagonizada por Vilagarcía

Entrevista a Marcos Calveiro en Sermos Galiza:
O xardineiro dos ingleses, que verá a luz en Galaxia a finais de ano, nace -segundo o autor- dunha nova de xornal: “Hai uns anos as autoridades británicas condecoraron en Vilagarcía un home que durante 50 anos coidou desinteresadamene do Cemiterio dos Ingleses que hai na recta de Rubiáns, onde se soterraban os mariñeiros ingleses de Vilagarcía, cando alí atracaban as escuadras inglesas antes da I Guerra Mundial. E a partir desa anécdota nimia que eu vin no xornal construín toda unha historia sobre por que alguén coida desinteresadamente dun xardín onde están soterrados os mariñeiros. Hai un misterio e iso foi o que me puxo na pista da novela”.
Marcos S. Calveiro (Vilagarcía, 1968) considera que a súa cidade natal é a protagonista desta novela. “Vivo en Vigo e xa me considero de Teis, pero os primeiros anos da miña vida paseinos en Vilagarcía, e tiña unha débeda que saldar. A novela reflicte un pouco a historia de Vilagarcía, as cousas que eu escoitei cando eu era rapaz”, explica.
A primeira protagonista é Vilagarcía, defende, “e logo unha muller, da que conto a vida desde que é unha mociña a comezos do século XX até o 36, pero por extensión tamén se conta o relato do seu fillo e dun escritor que investiga o pasado do seu avó, que ten algunhas contas familiares que axustar. Está Vilagarcía, está Londres, Turquía, é unha novela bastante viaxeira”.
Esta é a súa cuarta novela para adultos, a primeira que ve a luz desde que anunciara o seu adeus á literatura. Esta historia, afirma é a última que tiña gardada na gaveta. “Quédame unha pequena obra infantil e nada máis. Todo está escrito antes de que decidira abandonar. A versión definitiva desta novela é de 2012″. (…)”

Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 22 e domingo 23

O domingo 23 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 22
12:00 h. Teatro: A galiña azul, de Carlos Casares, por Fran Rei.
13:00 h. Encontro con X. Ricardo Losada, arredor de Bótame deste mar fóra, publicado por Toxosoutos. No Salón de Plenos do Concello de Rianxo.
20:30 h. Presentación do libro Corredora, de María Reimóndez, publicado por Xerais. No acto participa, xunto á autora, Manuela Vázquez Coto.

Domingo 23
13:00 h. Presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, coordinado por Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, publicado por Alvarellos. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello. No acto, coorganizado pola editora, o Concello e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, participan, xunto aos coordinadores, Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.

Premio de Novela Do Peirao 2017

Edicións Do Peirao convoca o Premio de Novela Do Peirao coas seguintes bases.

«Primeira. Poderase presentar unha única obra orixinal e inédita firmada con nome e apelido, ou ben pseudónimo, e datos de contacto; sendo condición indispensable ser maior de idade.
Segunda. Os orixinais deberán estar escritos en galego a dobre espazo, con tipo de letra Arial ou Times New Roman a tamaño 12; cunha extensión mínima de 120 páxinas.
Terceira. Outorgarase un único premio consistente na publicación da obra gañadora, dándose a coñecer o fallo o 23 de outubro de 2017.
Cuarta. Os orixinais deberán ser enviados exclusivamente en formato dixital xunto cos datos da autora ou autor á dirección concurso@dopeirao.eu, sendo o último día de presentación o 29 de setembro de 2017.
Quinta. A gañadora ou gañador subscribirá un contrato de edición pola obra dunha duración de cinco anos, recoñecéndoselle un dez por cento (10%) das vendas como dereitos de autor nesa primeira edición e sucesivas. Sendo estas libremente determinadas pola editorial.
Sexta. Edicións Do Peirao resérvase o dereito de opción preferente para publicar aquelas obras que presentadas a concurso e non sendo premiadas, puideran interesarlle, procedendo á súa edición previo acordo coas creadoras.
Sétima. A participación neste premio implica de forma automática a plena e total aceptación, sen reservas, das presentes bases. Para calquera diferenza que houbese de ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao propio foro e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais de Santiago de Compostela.»

En Santiago de Compostela, a 19 de xullo de 2017.