Entrevista
de Alberto Ramos a Ramón Nicolás en Praza:
“(…) – Praza (P): Sobre a estrutura e o xénero do libro [O espello do mundo] quería preguntarlle unha cuestión. Temos trazos dun xénero epistolar, pero non é unha novela epistolar. Podería mesmo considerarse que falamos dun certo xeito de manuscrito achado, pero tampouco. Hai unha parte que é novela histórica, pero non é novela histórica. Entón, como podemos definir este libro? Hai pegadas de moitos xéneros, pero non se decide por ningún.
– Ramón Nicolás (RN): Si, efectivamente. A verdade, non sei como poderiamos clasificala. Hai certa sensación de indeterminación de carácter xenérico. É unha novela histórica? Si, pero non. É un libro de carácter epistolar? Pois tampouco, porque lemos as cartas de Hildegard, pero non as respostas da ona Guiomar. Só temos unha parte desa relación epistolar. Despois, hai certa intriga en todo o que se refire a Martiño, o profesor de historia, o personaxe contemporáneo, que intenta descubrir a historia das cartas e os manuscritos. En realidade, poderiamos dicir que son anacos de distintos xéneros e que xogan a indeterminación. Penso que á novela lle acaía ben estes distintos planos: un plano contemporáneo, outro histórico e outro epistolar. Agora ben, non sei se foi axeitado ou non, pero o xogo da indeterminación pode atraer a distintos públicos máis aló do lector de novela histórico. (…)
– P: Por que un crítico literario decide poñerse a escribir unha novela?
– RN: Este asunto da novela xa me leva roldando a cabeza bastante tempo, mesmo anos. Tiña investigado, tiña bastantes notas e houbo un momento en que me propuxen darlle forma. Ese momento chegou probablemente o ano pasado, cando me decatei que cumpría 25 anos facendo crítica literaria de forma continuada. Entón quixen afrontar o desafío de construír un texto narrativo. En certo xeito era, por un lado, un desafío e, polo outro, unha celebración. (…)
– P: Falamos do seu 25 aniversario como crítico literario. E as efemérides sempre convidan a facer unha pregunta tan sinxela como global: Que balance facemos?
– RN: Particularmente, eu non adoito relerme, pero está claro que os textos que escribín fai 25 anos e os de agora son ben diferentes. Co paso dos anos, non sei se para ben ou para mal, un vai aprendendo certas cousas. A nivel persoal, direi que neste tempo o estilo muda e os intereses particulares tamén. E tamén diría que as referencias que fun adquirindo e a perspectiva xeral, despois de moitas lecturas, permitíronme identificar algúns cambios que viviu o panorama literario nestes anos. Quizais, o máis impactante foi atoparse coa crise económica, que tivo efectos tanto no sistema editorial coma en aspectos temáticos. É dicir, hai moitas novelas que chegan agora sobre os efectos devastadores da crise en personaxes e individuos concretos. Esa temática nos anos noventa estaba practicamente ausente. (…)”
Entrevista a María Solar nos Premios Xerais 2016
Pontevedra: conferencia de Siro López sobre José María Cao Luaces
Entrevista a David Pérez, Premio Merlín de Literatura Infantil 2016
Contos Estraños nº 0 (1ª parte)
Artigo
de Xosé Duncan en Lermos:
“A finais de 2011 saíu do prelo o primeiro volume da revista Contos Estraños que foi numerado coa cifra 0 e titulado ‘Amañeceres Estraños’. A diferenza dos seguintes, este número non tivo unha temática definida xa que foi o único, polo menos no 100%, que contou con relatos de achega libre (algo obvio por ser a primeira convocatoria e na que só se fixo un chamamento ao envío de textos de fantasía, misterio ou terror, mais sen determinar unha temática concreta). Foi, tamén, o único no que todos os participantes eran homes (érano no momento de escribiren os relatos e seguen séndoo agora). Veremos que a maioría masculina mantívose nos seguintes volumes e que os editores tentaron resolver esa disparidade co número 5 ‘Verbas de Atenea’ no que se levou o 100% da participación ao campo das autoras. Outra curiosidade máis deste número 0 é que xa nel se instaurou o sistema híbrido de relatos e mais novelas curtas por entregas. Formato que, finalmente, remataría por ser abandonado en prol do volume único de relatos. O deseño da capa era de José María Picón que, malia que non volvería facerse cargo do traballo gráfico até o número 4 de ‘Nadal impío’, converteríase co tempo no ‘portadista’ habitual da revista. (…)
Unha vez presentado este número 0, imos falar con algúns dos autores nun formato de mini-entrevista que repetiremos ao longo de toda a serie. (…) Sigue lendo
Ourense: presentación de De camiños, viaxeiros e camiñantes, de Santiago Lamas e Alfonso Mato
A Coruña: visita guiada á exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, por Pepe Barro, o martes 28 de xuño
O
martes 28 de xuño, ás 19:30 horas, Pepe Barro creador do proxecto, deseño e coordinación da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, realizará para a A. C. Alexandre Bóveda unha visita guiada. A exposición organizada pola Deputación da Coruña, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego para conmemorar o centenario das Irmandades da Fala está aberta na Fundación Barrié da Coruña até o 30 de xuño.
O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como gravacións musicais e discursos e artigos de persoeiros da época. Pódese contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas a acción das Irmandades e dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.
A través de dez espazos, faise un achegamento á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas.
Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola “igualdade absoluta, política e civil da muller e do home”.
Se desexas vir a esa visita guiada debes anotarte no correo acab@mundo-r.com ou chamando por tfno ao 981200869 (de 19:00 a 21:00 h.) antes do vindeiro xoves 23 de xuño.
A páxina web da AELG superou os 24 millóns de visitas
UNHA WEB AO SERVIZO DA NOSA ESCRITA
Os
datos de que dispomos constatan un crecemento progresivo (superáronse os 10 millóns de visitas en febreiro de 2012, os 15 millóns a finais de 2014 e os 20 millóns a fins de 2015) desde a súa creación en 2003.
Para nós, a web é unha casa aberta á espera de recibir convidadas e convidados a calquera hora, pois temos sempre dispoñible este espazo para fecundar o coñecemento e a paixón pola nosa escrita. Aquí tedes un pequeno roteiro:
No Centro de Documentación pode accederse aos materiais xerados polos escritores e escritoras, así como á súa actividade social; a Fototeca permite axudar á súa visibilización; a Videoteca achéganos a presenza audiovisual, con lectura das obras e entrevistas ás autoras e autores; a Literatura na rede conéctanos cos seus outros espazos persoais en internet, ao tempo que podemos coñecer a información sobre os premios literarios de interese e achegármonos tamén ás obras editadas pola propia AELG.
Se queredes coñecer mellor a asociación, aquí explicamos que é, como asociarse e os servizos que prestamos. Tedes tamén información sobre as nosas actividades, os manifestos e comunicados e, entre outras cousas, a nosa repercusión nos medios.
Para alén do anterior, podedes visitar e dar uso ao Espazo Didáctico, as actividades da Escola de Escritoras/es, a sección do Territorio do/a Escritor/a, o espazo de Palabra Audiovisual, o universo da Sección de Literatura de Tradición Oral ou o traballo de recuperación das Palabras con Memoria, entre outros apartados da web.
As seccións máis visitadas até agora son, por orde, o Centro de Documentación, dentro da que destaca nomeadamente a Fototeca, seguidas pola dedicada aos Roteiros Literarios no Territorio do/a Escritor/a, e a continuación a sección de Escritores/as do mes.
Desde 2005, data en que se puxo en marcha o Centro de Documentación e foi desenvolto un entorno de administración para o mantemento e xestión dos seus contidos, así como o Espazo Didáctico, a páxina recomezou a súa andaina tal e como a coñecemos hoxe, enriquecéndose progresivamente con diversas actualizacións e novos contidos. Para 2016 o esforzo centrarase na ampliación da sección “Fototeca”, para convertela noutra de maior entidade, “Arquivo fotográfico dos/as escritores/as”, que permita xunguir os contidos existentes na web, tanto na propia Fototeca como nas respectivas galerías fotográficas das actividades da AELG. Esta nova plataforma permitirá a socios/as e visitantes da web, ao estilo do que se fai nunha rede social como Facebook, subir e etiquetar fotos relativas ao sistema literario galego, contando cun sistema de administración que permita revisar os contidos achegados antes de se faceren públicos.
Na AELG parabenizámonos por terse convertido xa a páxina web nunha ferramenta central para o coñecemento e divulgación da literatura galega entre todas aquelas persoas e entidades que manifestan interese polas nosas letras, ás que agradecemos as visitas que lle dan vitalidade e un uso crecente deste espazo, razón fundamental da súa creación e mantemento. E, evidentemente, convidamos a toda a cidadanía a coñecer máis e mellor a creatividade cultural que enriquece, desde a nosa lingua, o desenvolvemento individual e colectivo, mostrando a capacidade de indagación e reflexión sobre o existente e, ao tempo, dándolle corpo á imaxinación para iluminarmos o futuro desde a escrita.
Crónica videográfica da I Gala do Libro Galego (I)
O
sábado 14 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo lugar a I Gala do Libro Galego, convocada conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Entrega do Premio na categoría de Ensaio (recollen Antía Otero e Dores Tembrás):
– Entrega do Premio na categoría de Tradución (recolle Alejandro Tobar):
– Entrega do Premio na categoría de Proxecto Literario na rede (recolle Fran Alonso):


