Paseos pola Coruña literaria – Outono 2016

Osbannerpaseosoutono2016acorunha Paseos pola Coruña literaria – Outono 2016 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

HORARIO:
– Sábado 24 de setembro (12:00-13:30 h.)
– Sábado 15 de outubro (12:00-13:30 h.)
– Sábado 29 de outubro (12:00-13:30 h.)
– Sábado 12 de novembro (12:00-13:30 h.)

DURACIÓN:
Unha hora e media.

INSCRICIÓN (PREVIA E OBRIGATORIA)
ONDE:
Na conserxaría do Centro Ágora (Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos), nas seguintes datas:
Paseo do sábado 24 de setembro con Xosé Duncan: inscrición desde o venres 9 de setembro.
Paseo do sábado 15 de outubro con Lucía Aldao: inscrición desde o luns 3 de outubro.
Paseo do sábado 29 de outubro con Eli Ríos: inscrición desde o luns 17 de outubro.
Paseo do sábado 12 de novembro con Xulio López Valcárcel: inscrición desde o mércores 2 de novembro.

PREZO:
De balde, con inscrición previa.

REQUISITOS:
Inscrición previa (55 prazas, en cada paseo). Maiores de 16 anos.

PASEOS POLA CORUÑA LITERARIA 2016

Hai moitas formas diferentes de pasear a cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na nosa cidade: Xosé Duncan, Lucía Aldao, Eli Ríos e Xulio López Valcárcel.

O sábado 24 de setembro retomamos estes paseos que xa comezamos en 2014 e que tanta demanda tiveron entre a cidadanía.

Os 4 seguintes paseos que imos realizar son:

– Sábado 24 de setembro (12.00-13.30 h): paseo con Xosé Duncan.

– Sábado 15 de outubro (12.00-13.30 h): paseo con Lucía Aldao.

– Sábado 29 de outubro (12.00-13.30 h): paseo con Eli Ríos.

– Sábado 12 de novembro (12.00-13.30 h): paseo con Xulio López Valcárcel.

24 de setembro: Xosé Duncan.
Unha viaxe desde A Coruña de hoxe até a Negruña do século XXIV
A historia de Negruña non é máis que a da idade adulta da Coruña. Perdida a inocencia do século XX e castigada polas decepcións do XXI, a cidade aprendeu a marcar os seus propios ritmos, a ditar as súas propias normas. Durante a nosa andaina, asistiremos á convocatoria de emprego no Arquivo do Reino de Galicia, presenciaremos como os mariñeiros enfermos son recluídos no Castelo de Santo Antón e formaremos parte da reunión clandestina dos Fillos do Gas no Campo dos Menhires, da xestación desa revolta coa que os desposuídos queren castigar esa cidade que renegou deles.

15 outubro: Lucía Aldao
1º de Poeta
Eu son Lucía. Unha rapaza dos Mallos. Coma quen di, “una pava cualquiera”. E ademais, poeta. Porque nos Mallos me criei, e aínda hai quen me tose, a pesar do que me aconteceu por causa miña.

29 outubro: Eli Ríos
Viaxe exprés das orixes á actualidade
Neste camiño mergullarémonos no berce da cidade e da literatura a través da literatura oral. As lendas, contos, textos… que forman o imaxinario das palabras.

12 novembro: Xulio L. Valcárcel
No ecoar dos pasos
“No ecoar dos pasos” será unha volta, unha recuperación da memoria doutro tempo a través da vida e da obra de autores/as que moraron nese espazo da Cidade Vella: Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Francisca Herrera, Miguel González Garcés…

paseos outono 2016 a corunha

A Escritora na súa Terra: Helena Villar Janeiro. Rianxo, 2016. Crónica videográfica (I)

O sábado 25 de xuño tivo lugar unha nova edición de O/A Escritor/a na súa Terra, dedicada neste 2016 a Helena Villar Janeiro, en Rianxo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:

Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

Descubrimento do Monólito conmemorativo:

Intervención de Helena Villar Janeiro:

Ramón Nicolás: “O Medievo é un pozo de historias”

EntrevistaRamón Nicolás a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): É unha novela histórica ou de ficción [O espello do tempo]?
– Ramón Nicolás (RN): Hai unha figura histórica, a monxa alemá Hildegarda von Bingen, e a outra é unha personaxe que sitúo no mosteiro, Ona Guiomar. Ese diálogo que establecen esas personaxes é histórico e o contexto que as rodea. Arredor diso hai unha intriga contemporánea, da man dun historiador ao que lle chegan, dun xeito un tanto fortuíto, unha serie de papeis, e a partir de aí empeza a investigar. Mestura unha intriga cunha parte máis puramente histórica.
– LVG: Por que personaxes femininas?
– RN: Estaba obrigado porque o mosteiro de San Pedro foi un cenobio feminino, gobernado por unha ona, ou abadesa; reciben este nome só aí, é unha singularidade do galego-portugués da época. As personaxes femininas eran de regra porque poboaron ese mosteiro e gobernaban esas terras. A outra personaxe feminina, Hildegarda von Bingen, vén ao fío da propia Ona Guiomar. É contemporánea dela -falamos do século XII- unha persoa con moitos saberes no ámbito da protomedicina, da bioloxía ou da curación natural. Pareceume interesante poñelas a dialogar. A parte epistolar da novela está baseada nese diálogo entre as dúas mulleres.
– LVG: E lle dá esa capacidade intelectual porque tamén a tiñan nesa época medieval?
– RN: Hildegarda von Bingen é unha destas grandes mulleres da historia. Posuía moitos saberes e publicou libros. Ona Guiomar establece un diálogo con ela para aprender e lle amosa realidades do seu entorno que non son tan distintas das que comenta Hildegarda. (…)”

Guitiriz: presentación de Máscaras de espellos, de Raúl Gómez Pato

O Raúl Gómez Patomércores 7 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa Habanera (Rúa do Concello, 42), en Guitiriz, Raúl Gómez Pato presenta o libro Máscaras de espellos, gañador do I Premio de poesía Xosé María Díaz Castro, publicado por Edicións Espiral Maior. No acto participan, xunto ao autor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Luís González Tosar.

Tabela dos Libros de setembro de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis ―e xa vai alá un lustro― regresa a Tabela dos Libros cos títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Bo remate de verán e felices lecturas!”

2016_setembro_tabela

Onte 1743: Onde o mundo se chama Escudeiros, por Manuel Bragado

DesdeEscudeiros_03-09-2016_01-1024x768 Brétemas, de Manuel Bragado:
“Foi emocionante acompañar no serán de onte a Ramón Nicolás na presentación en Escudeiros d’ O espello do mundo, a súa primeira novela. Toda a comunidade xuntouse no Centro Social para celebrar a publicación da obra e para escoitar ao profesor Xesús Alonso Montero e aos seus escritores. Abriu o acto coa solemnidade que merecía o gaiteiro Manuel Ferro que deu paso ao escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, que presentou aos membros da mesa e contextualizou a novela de Nicolás nas terras do concello de Ramirás, tanto por desenvolverse no mosteiro de San Pedro, como pola forte presenza nestas páxinas de san Xoán de Escudeiros. Lembrou Alberte que a parroquia tiña unha importante tradición mineira, sendo identificada moitas veces como «Escudeiro dos comunistas».
A seguir interviu o historiador Carlos Méndez que lembrou un chisco emocionado a importancia de Escudeiros na historia, dende as súas primeiras pegadas prehistóricas, pasando pola presenza das ordes monásticas, o episodio dos tres pesos do coronel Guillade, co que remataron as guerras carlistas, até a biblioteca da Institución Libre de Enseñanza, que montou un mestre da República, e a presenza de Maruja Mallo na parroquia, formando parte das Misións Pedagóxicas, cando estalou a Guerra Civil. Citou despois, aos escritores de Escudeiros, Lois Antón e Xoán Carlos Domínguez Alberte, e lembrou o documental que filmou alí Rubén Riós. Rematou o profesor Méndez salientando a importancia da novela de Ramón Nicolás «a partir da que deixamos de ser o espello de Escudeiros para ser espello do mundo, nestas páxinas quedarán para sempre os nosos topónimos, as nosas palabras, nomes e xentes».
O profesor Alonso Montero celebrou falar por vez primeira «onde o mundo se chama Escudeiros» e cualificou a novela como «a obra dun creador que sabe construír un mundo de ficción». Detívose no carácter epistolar da novela e na singularidade da correspondencia intercambiada entra a abadesa de Ramirás, onde había un cenobio feminino, e a monxa alemá Hildegarda von Bingen. «As cartas están traducidas ao galego, pero o asombroso para o lector é que parecen escritas en latín clásico. Toda a novela está escrita nun galego clásico e unha prosa reverenvial que dá gusto».”

Bases do XLII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo 2016

BASES

1. FINALIDADE DO PREMIO. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Lalín (Pontevedra) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2. REQUISITOS PARA PARTICIPAR. Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3. TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR. Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4. TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN. As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 18 DE NOVEMBRO de 2016 a algún destes enderezos:
FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos, 627. Santiago de Compostela
CONCELLO DE LALÍN.
Praza de Galicia, 1 -36500- Lalín-Pontevedra
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5. PREMIOS. A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un (e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais). Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico)(***).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.

6. XURADO E DECISIÓN. O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritoræs (AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA) e do Concello de LALÍN (PONTEVEDRA). Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7. ENTREGA DE PREMIOS. Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Lalín (Pontevedra) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8. OBXECIÓNS E NORMAS DE INTERESE. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.”