Cuestionario Proust: Samuel L. París

DesdeSamuel L. París 2015 o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Samuel L. París:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo?
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non descubran a persoa que realmente son.
4.– A súa principal eiva?
– Difícil escoller, pero gustaríame ser menos agonías.
5.– A súa ocupación favorita?
– Divertirme co que sexa.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha pachanga na praia de San Francisco de Louro no verán e despois darme un baño e beber unha birra ben fría.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Deixarme ir.
8.– Que lle gustaría ser?
– Diría algo como “unha persoa nova cada día” (e, en parte, é verdade), mais realmente gustaríame ser insultantemente rico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Son quen de ser feliz e infeliz en calquera sitio e papahostias hainos en todas partes, así que tanto me ten.
10.– A súa cor favorita?
– Todas.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A da Kritikal Bilbo.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera cociñado con bo gusto.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son devoto de ninguén, a verdade.
14.– E na poesía?
– Tampouco. Non hai poesía á que lle teña fe cega.
15.– Un libro?
– Un pobo só prosperará cando na educación primaria se obrigue a ler Pulir de Nacho García.
16.– Un heroe de ficción?
– Dhalsim, do Street Fighter II da SNES. Ía lento e cuspía lume.
17.– Unha heroína?
– Mandy Cohen, do filme “Life of Brian”.
18.– A súa música favorita?
– Calquera que me faga suar.
19.– Na pintura?
– Miguel Noguera.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Xulia Mintoni.
21.– O seu nome favorito?
– Micaela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Odio a goma de mascar e a calquera persoa que a teña na boca a menos de cinco metros de min.
23.– O que máis odia?
– Aburrirme.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ningunha especialmente.
25.– Un feito militar que admire?
– O 11-S.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Axilidade, porque son unha toupa.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Ao final dun redobre de tambor levándome por diante a toda a humanidade.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que nacen do medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Meu pai: Lema.”

Arteixo: presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias

OCesáreo Sánchez Iglesias venres 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, intervirá Teresa Seara.

Convite Caderno do Nilo

Recinto Gris, de Ledicia Costas, destacado polo IBBY

Recinto Gris, deLedicia Costas Ledicia Costas, publicado en Xerais, foi escollido para formar parte da colección dos mellores libros do mundo para rapaces e rapazas con discapacidade, na IBBY Collection 2015 Collection of Books for Young People with Disabilities.
O libro será incluído no Catálogo que se presentará en roda de prensa o 30 de marzo de 2015 na Feira Internacional do Libro de Boloña, “Bologna Children’s Book, 2015”.

Vigo: obradoiro de escrita creativa con Francisco Castro, o xoves 5 de febreiro

OFrancisco Castro xoves 5 de febreiro, entre as 17:00 e as 19:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Francisco Castro dirixirá un obradoiro de escrita creativa gratuíto e aberto a toda e todo aquel que queira asistir.
“Dende o minuto un do Obradoiro escribiremos e faremos literatura. O director do Obradoiro proporá actividades que actuarán como catalizadores da creatividade. Logo, sobre os resultados obtidos (os poemas, os relatos, a descrición dos personaxes, a literaturización dalgún aspecto da realidade…), será o momento de teorizar e amosar como grandes autores e autoras da literatura universal constrúen o seu universo de ficción.
O Obradoiro é eminentemente práctico e participativo e nel practicaremos o relato breve ou a creación de personaxes, todo co único obxectivo de escribir e gozar do feito de crear literatura, aprendendo, ao tempo, as técnicas básicas da creación literaria.”
Esta actividade está enmarcada no Congreso Exploring Liminality in Anglophone Studies, entre cuxos organizadores participa María Alonso Alonso, a quen agradecemos o envío da información.

Armando Requeixo visita as casas literarias desde Criticalia

ArtigoArmando Requeixo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Son espazos con evocación literaria, que gardan dunha ou outra maneira a memoria de quen as habitou, homes e mulleres que viviron nelas algunha parte da súa vida e, nalgunhas ocasións, deixaron tamén pegada nas súas propias obras. “A idea cerna é recoller un catálogo ou repositorio de vivendas emblemáticas de escritores e escritoras que atesouran a nosa tradición literaria porque son espazos que xeraron vidas que foron literarias”, explica o crítico Armando Requeixo que publicou xa dúas entradas da nova sección no seu blogue Criticalia, a casa de Castelao en Rianxo e a de Alfredo Brañas en Carballo.
“Non quero que sexa unha sección de carácter museístico. Haberá vivendas que son sedes de fundacións ou casas protexidas e outras en estado de abandono, esquecidas. Algunhas facilmente identificábeis e outras case descoñecidas”, anota Requeixo dun proxecto que ten vontade de percorrer toda a xeografía galega dando conta das casas que habitaron algunhas dos principais nomes da nosa historia literaria e tamén outras máis descoñecidas.
As entradas de cada unha das casas referirán o estado actual de conservación do inmóbel, a relación do autor ou autora que alí naceu ou viviu e tamén a presenza, de a haber, na súa escrita. “Quero compoñer o puzzle da nosa tradición literaria a partir dese imán que son as vivendas que ofrecen tamén información dos autores”, engade o crítico.
A sección servirá tamén para poñer á vista o estado no que se atopa o patrimonio arquitectónico relacionado coa nosa literatura. “Ver a casa de Aquilino Iglesia Alvariño fai que caia a alma aos pés. Son xa só catro paredes porque non se coidou a tempo. Posibelmente a sección acabará tendo un certo aire de alerta sobre un patrimonio que pode dinamizar o país porque, de se coidaren, as vivendas literarias son lugares atractivos para a súa visita”, defende Armando Requeixo que é autor da primeira tese sobre Díaz Castro e precisamente para a conservación da súa casa nos Vilares apoia a campaña popular promovida por Alfonso Blanco Torrado e a Asociación Cultural Xermolos. “Neste caso está aínda en estado recuperábel, infelizmente outras son xa insalvábeis”, apunta ao tempo que explica que, en certa maneira, o estado das casas son tamén “espello” de como a obra e a figura de quen as habitou foi recoñecida na súa contorna.
Aos poucos, as distintas casas irán aparecendo no blog Criticalia, coa vontade de contribuír a elaborar un mapa literario sobre o noso territorio. “Hai cidades e vilas que son museos arredor dos seus autores, non só polas casas senón tamén por outra localizacións, como, poño por caso, os propios cemiterios. Nós temos tamén un patrimonio que defender e poñer en valor”, engade, deste proxecto para o que convida aos seus lectores e lectoras a contribuír identificando vivendas que teñan relación coa nosa historia literaria e tamén con quen a creou.”