O venres 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Letras nómades. Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega, coordinado por Ana Acuña, e editado por Frank & Timme. O acto, que contará coa presenza da coordinadora do volume, así como das colaboradoras Manuela Palacios, Olivia Rodríguez, María Xesús Nogueira e Susana Sánchez Arins, finalizará cunha lectura colectiva do texto Viaxar para ler o mundo. Viaxar para lerme, de Begoña Caamaño, incluído no volume.
Compostela: presentación de Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga
O xoves 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Xavier Senín.
Bandeira: presentación de Vagalume de versos, de María Canosa
Vigo: presentación de Da casa nova, de Daniel Landesa
Compostela: recital poético e musical a propósito da exposición Imaxinar que soño, de Alfonso Costa
Outeiro de Rei: Uxía canta a Manuel María no ciclo de concertos De corazón a corazón
Vigo: presentación do número 203 da revista Grial
O Diario Cultural da Radio Galega gaña o Premio do Público Culturgal 2014
Desde Culturgal:
“O programa da Radio Galega, Diario Cultural, que dirixe a xornalista e poeta Ana Romaní, fíxose co Premio do Público Culturgal 2014. Desde o pasado 30 de outubro até o 18 de novembro os e as internautas puideron votar a través da web de Culturgal entre tres candidaturas: Diario Cultural, Cineuropa e o Salón de Cómic Viñetas desde o Atlántico. Finalmente o programa da Radio Galega obtivo 361 votos, o festival de cine compostelán 269 e o salón de banda deseñada da Coruña, 171. (…)
Recoñecer un proxecto cultural destacado no ámbito social a través da participación popular é a finalidade do Premio do Público Culturgal. Para seleccionar as tres candidaturas finais valoráronse especialmente por parte das asociacións que forman parte de Culturgal aquelas propostas que se relacionan directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.
O diploma acreditativo do Premio do Público será entregado nun acto festivo o domingo 7 de decembro ás 17:00 h., dentro da programación Culturgal 2014.”
Fran P. Lorenzo: “Achegueime á novela rosa pola súa condición popular e para relatar unha historia de amor homosexual””
Entrevista a Fran P. Lorenzo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cabalos e lobos responde á profecía cumprida? É dicir, en certa medida parecía agardarse que nalgún momento vostede se descubrise como escritor…
– Fran P. Lorenzo (FPL): Existía esa percepción porque levo moitos anos dedicándome ao oficio da escrita na prensa e, polo tipo de información que fixen, polas persoas ás que entrevistei e polos temas que tratei podíase intuír unha certa preocupación literaria. Iso mesmo ao que te refires percibiuno xente coa que traballei e tamén que me lía. Por outra parte, cando comecei a escribir o blogue notábase tamén que os temas respondían a unha preocupación literaria, no tratamento que lle daba podíase intuír que tiña a teima de escribir, que me viña xa desde sempre. O xornalismo, en certa maneira, era o oficio que me permitía estar máis apegado a aquela idea, á escrita. Desde neno soñaba con ser escritor e facía poesía. En certo xeito, esta novela cumpre esa dupla expectativa, a que había ao arredor e a miña propia. Desde neno agardaba que isto pasaba mais tamén sabía que hai cousas que non podes escribir ate certo momento. Foi, por así dicilo, un proceso demorado de decantación.
– SG: A súa escrita coñecíase polo seu traballo xornalístico e polo blogue Un país en lata, a novela vai sorprender aos lectores?
– FPL: Agardo que si. Non é a novela que se agarda do autor de Un país en lata. Tiven, desde o inicio, vontade de non duplicar o estilo. Na escrita literaria predominou a preocupación por ser depurado, por ir máis ao gran. Na escrita para o blogue son máis barroco, talvez máis elaborado tamén. Na novela tiven a pretensión dunha escrita que fluíse moito, moi accesíbel, que se lese moi ben. Quería que puidese acceder a ela a maior parte da xente, que fose un estilo diáfano, sen interrupcións. Iso vai sorprender ao lector habitual. As preocupacións, as obsesións mesmo están aí. A memoria, a cidade como espazo, a defensa da liberdade e a denuncia da censura e a represión transitan a novela e tamén presiden as temáticas do blogue mais a escrita é ben distinta. (…)”