Quiosco: Grial 202

DesdeGrial 202 Cultura Galega:
“Xa está nos quioscos a nova entrega de Grial, correspondente ao número 202. O setenta aniversario da edición do Sempre en Galiza de Castelao centran boa parte dos contidos do volume, cun monográfico coordinado por Henrique Monteagudo e que inclúe, canda ao seu, nomes como Lourenzo Fernández Prieto, Álex Alonso Nogueira, Craig Patterson e César Domínguez. Ademais, o monográfico inclúe tres cartas de Castelao e unha de Virxinia Pereira. Un debate sobre diversidade lingüística na lusofonía, artigos sobre a situación de Cataluña, a renuncia do papa Bieito XVI ou as habituais seccións de crítica literaria e axenda completan os contidos do número.”

Lara Rozados: “O caderno amarelo nace dun tempo de precariedade e hiperactividade”

EntrevistaLara Rozados de Carme Vidal a Lara Rozados en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que titula o seu primeiro libro O caderno amarelo?
– Lara Rozados (LR): A obra é dispersa e foi escrita nun caderno de tapas amarelas co que me agasallara a miña tía e que non me atrevía moito a escribir nel. Só tiña a entrevista con Euloxio Ruibal que fixera para o A Fondo de Sermos Galiza e algunha cifra para guitarra. Unha noite comecei a escribir o que me rebumbiaba na cabeza pensando moito o que facía, case sen borróns e en dous meses naceu o libro. A coincidencia coa obra e Doris Lessing, O caderno dourado, gustoume. (…)
– SG: Os premios abren novos camiños?
– LR: Abren. Editar é complicado, non sendo que recorras á autoedición ou edición independente. Dalgunha maneira é o poemario dunha principiante mais desde entón non parei de escribir. Aspiro a formar unha linguaxe propia de meu e seguir escribindo.
– SG: Que características ten que ter esa linguaxe propia que desexa?
– LR: Gustaríame moito definila, mais será á volta do tempo. O que sei é que estou na mesma coordenada que outra xente do meu tempo e o meu contexto. Trátase de escribir unha poesía cunha linguaxe moi clara, moi directa, que tire máis polo colectivo que polo persoal. Quero depurar a linguaxe o máis que poida sen demasiados adornos. Teño a norma de eliminar adxectivos e que os poemas sexan contundentes. (…)”

Raros e curiosos, de Carlos López

EntrevistaCarlos López Raros e curiosos a Carlos López en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Con unha vizosa produción literaria centrada no público infantil e xuvenil, agasalla agora aos seus lectores cun libro tan sorprendente e máxico como o seu título: Raros e curiosos. Que lle motivou a afastarse desa liña de traballo infantoxuvenil e escribir este libro centrado nun público de máis idade?
– Carlos López (CL): Si, parece que me especialicei na escrita de literatura infantil, que por outra banda é un campo que me deu moitas satisfaccións e no que seguirei traballando no futuro. O que acontece é que dende hai xa un tempo eu viña escribindo varios dos relatos que aparecen en Raros e curiosos. Algúns deles publicáronse en diferentes medios e incluso tiven a fortuna de que se premiaron. Agora decidín xuntalos todos nun só volume, engadindo aos que tiña relatos novos.
– FL: Transmútase en Raros e curiosos en cronista e altofalante de todos eses personaxes singulares e estrambóticos que deambulan polo libro. Poderíamos afirmar que se trata doutro xeito de facer xornalismo ao realizado a diario na súa tira de Pinto & Chinto no xornal La Voz de Galicia?
– CL: Máis que relatos, o que aparecen en Raros e curiosos son retratos: retratos ao minuto. Un dos cualificativos que gusto de lles aplicar é o de crónica ficticia. Moitas pasaxes do libro teñen un corte claramente xornalístico, como se realmente aconteceran e eu fose cronista deses feitos. (…)”

Melide: I Roteiro de Música e Poesía

10665929_710246465728780_8269764924106165056_nSairá da Praza do Convento ás 11:30 horas e, previa visita ao Museo, levarán música e versos á Praza das Coles, Castelo, A Moa, San Pedro, Biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor, Parque Rosalía de Castro e cruceiro e capela de San Roque.
Algúns dos participantes serán: Xosé Vázquez Pintor, Antom Laia, Xulio Álvarez, Xosé Iglesias, Yeiko, Chago Prado, François Davo, María José Fernández López, Ánxela López, Rodrigo Osorio, Paco Veiga, Soqui Cea, Xosé García Rodríguez, Teresa Ramiro e Diego QS, entre outros. Haberá música a cargo de Xurxo Souto, Carlos Da Aira, Pepiño Blanco, etc.

Das filhas bravas ou das cantigas acendidas, por Susana Sánchez Arins

ArtigoSusana Sánchez Arins de Susana Sánchez Arins desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) E uma tarde do mês de julho assomou, na eira de Solheiros, no Esteiro de Muros, cantada polas filhas bravas de Chévere. Porém já não era um canto alegre e dançável, já não se aparecia como engenhosa sedução mas como luita calada entre forças desiguais. Porque As Filhas Bravas decidirom que fazia parte duma regueifa entre um abusador sexual e a sua vítima, mulher à que quiçás não lhe reste mais que o seu engenho literário para se defender, ou, quando menos, para deixar pegada da agressão. A regueifa resultou seca, brutal, e foi acompanhada com um duro silêncio polas mesmas espectadoras que segundos antes riavamos a cachão. Quantas dessas espectadoras não se sentiriam identificadas com a voz feminina que se defende como pode? Não sei, porém em mim esse silêncio na eira ainda ecoa.
Essa é a força do novo espectáculo de Chévere, a mudança (ou a inclusão, melhor) do foco no tratamento das cantigas tradicionais, contextualizadas desde uma perspectiva de gênero. As ventureiras protagonistas, filhas das silveiras, definem-se como mulheres livres, donas de si e da própria sexualidade e convidam às presentes a conhecer toda a simbologia que oculta, ou desvenda para quem saiba interpretar, o cancioneiro tradicional. A obra está dividida em três partes, nas que as protagonistas fam um recorrido por jotas e moinheiras, maneos e regueifas dando sentido aos elementos sexuais latentes nos versos, cantigas de tom acendido, esclarecidas com grande humor polas três marias que presidem o cenário. E não descrevem uma sexualidade capada para fazê-la acesível a qualquer público, mas uma sexualidade aberta e impúdica e, sobre todo, gozosa e autónoma. (…)”