Vigo: actividades destacadas do sábado 31 de maio na Feira do Libro

Os sábado 31 de maio e domingo 1 de xuño finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para o sábado 31:

12:00 h. Sinatura de Eli Ríos na caseta da Libraría Andel.
13:30 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na Caseta da Libraría Andel.
18:00 h. Encontro coas crianzas, no que Iván Sende, ilustrador e María Reimóndez, autora de Volvo! O regreso de Usha, publicado por Xerais, contarán como se escribiu e ilustrou o libro.
19:00 h. Sinatura de María Reimóndez na caseta da Libraría Andel.

Donas, Gondomar: conversa con Carlos Negro arredor de Penúltimas tendencias

Desde Espazo Lectura:
“Este sábado 31 de maio a partir das 20:30 h. a Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas, Gondomar) acollerá a sesión de peche da tempada do Comando Le, que terá como actividade central un encontro dos rapaces e rapazas co poeta Carlos Negro para conversar sobre o seu último libro, Penúltimas tendencias. Con esta sesión despídense ata outubro as actividades do Comando Le, o grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos que funciona desde outubro de 2012 dentro da programación de Espazo Lectura.
Carlos Negro, que xa participara nas actividades do Comando Le impartindo un obradoiro de poesía, volve a Gondomar para falar cos rapaces do seu último poemario, Penúltimas tendencias, un libro de versos que rompen as costuras do silencio, un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo, un álbum secreto para todas aquelas mozas que tentan ir máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas, fuxindo da ditadura dos espellos.”

Bueu: III Festival Poético do Morrazo. Xosé María Díaz Castro

Carlos Labraña gaña o Concurso de Teatro Infantil da A. C. O Facho de 2014

“A Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de comunicar-lhes o falho do concurso de Teatro Infantil na convocatória do ano 2014, segundo acordo do júri formado polos dramaturgos: Manuel Lourenzo, Carme Martínez Mosqueira e Rubén Ruibal.

– Obra: Moito morro corporation Sociedade Ilimitada.
– Autor: Carlos Labraña.

Agradecemos a colaboraçom das editoriais: Galaxia, Toxosoutos, Xerais; assim como a participaçom de todos os/as concursantes e felicitamos especialmente ao ganhador. Também queremos recordar que o acto de entrega de diplomas e prémios será o dia 6 de Junho às 19:00 horas, no Salom de actos da ONCE, Cantom Grande, 3 – Crunha.
Parabéns e cumprimentos.

Assinado: Henrique Sánchez Rodríguez, da Agrupaçom O Facho e Secretario do Júri.

Na cidade da Crunha, 24 de Maio de 2014.”

Na cidade do dragón, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“En Suíza andei por Zug e Basel, no cantón xermano da Confederación. Fun alí convidado pola Federación de Sociedades Galegas, que manten vivo, con orgullo, o facho da galeguidade na diáspora.
En Zug impartín a tarde do 24 unha charla sobre Díaz Castro arroupado polo presidente da entidade A Nosa Terra, Xosé Rodríguez, quen xunto ao seu secretario, Carlos Rey, fixeron que a miña intervención se desenvolvese no mellor dos marcos posibles, cun moi participativo grupo de galegas e galegos emigrantes que moito se interesaron pola figura do homenaxeado.
Ao día seguinte foi a quenda de Sementeira, o centro galego de Basel, a cidade do dragón, pois a ese animal mitolóxico, o basilisco, remite o nome da localidade.
En Basel, na Wettsteianallee 141, pronunciei unha conferencia a mañá do 25 acompañado do carismático presidente de Sementeira, Ramón Carreira Collazo e varios dos seus máis estreitos e activos colaboradores: Gaspar Silva, Preciosa, Lina Boado ou Eusebio Arnáiz. Con eles, pero tamén con outras galegas e galegos que alí se deron cita, celebramos a palabra diazcastriana e tamén a festa da galeguidade, pois á miña intervención púxolle o broche a actuación do Grupo Semente e un xantar de fraternidade no que participaron moitos dos congregados á xuntanza.
A visita aos airiños da Helvecia que cantaba Noriega deume a oportunidade de comprobar, máis unha vez, que a Galicia espallada polo mundo vive con inusitada intensidade a cultura da terra como sinal de identidade e que a conmemoración do Día das Letras é para eles unha celebración de primeiro relevo, a escusa perfecta non só para regresar ás orixes da palabra que os identifica, senón tamén de xunguirse ao ritmo cultural que dende o Finisterrae flúe e chega por emotivas arterias a todo o tecido emigrante que irriga o planeta. (…)”

Lisboa: presentación de Politicamente incorreta, de Teresa Moure

A sexta feira 30 de maio, ás 19:00 horas, na Livraria Fabula Urbis (Rua Augusto Rosa, 27, zona da Sé) de Lisboa, Teresa Moure presenta Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, publicado por Através Editora. A autora será apresentada por Isaac Lourido (Centro de Estudos Galegos, FCSH/NOVA).