Pontevedra: mesa redonda Diálogo sobre a crítica literaria hoxe en Galicia

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Este vindeiro martes 14 de abril, e no seo das actividades abertas ao público que se desenvolverán na cidade de Pontevedra por mor da reunión do xurado dos Premios da Crítica, organizados pola “Asociación Española de Críticos Literarios”, que neste ano se celebrarán en Pontevedra do 16 ao 18 de abril, terá lugar unha mesa redonda coordinada por Olivia Rodríguez González, vogal da crítica galega na AECL, baixo o título de Diálogo sobre a crítica literaria hoxe en Galicia.
Neste acto, que se celebrará na Casa das Campás pontevedresa, ás 19:30 horas, participarán, alén de Olivia Rodríguez, Isabel Mociño -secretaria da Asociación Galega da Crítica-, María Xesús Nogueira -presidenta da Asociación Galega da Crítica- e quen isto escribe. Será un pracer dialogar e debater sobre a nosa crítica nesta actividade, insisto, aberta a todas as persoas interesadas.”

A Esmorga, película máis galardoada nos Premios Mestre Mateo

DesdeA Esmorga filme Galaxia:
“No Palexco da Coruña celebrouse na noite do sábado 11 de abril a gala dos Premios Mestre Mateo que recoñecen as mellores producións audiovisuais de Galicia. A Esmorga foi a máis galardoada da noite, concretamente con seis premios, concretamente para o o actor Antonio Durán ‘Morris’, (que conseguiu dous premios a mellor actor de reparto, polo Códice, e mellor protagonista por A Esmorga), mellor maquillaxe, música orixinal (para Zeltia Montes), vestiario (a Mar Fraga), dirección de fotografía (a Diego Romero Suárez-Llanos) e dirección de arte (a Ángel Amaro).”

Luís Valle: “En poesía tan importante como crear é destruír”

EntrevistaLuís Valle de Carme Vidal a Luís Valle en Sermos Galiza:
“(…) Este domingo día 12 de abril presenta As cicatrices do Sol en Fornelos de Montes. Será no acto no que o poeta Luís Valle reciba o Premio Lueiro Rey de Poesía nun acto que contará coas acteriores gañadoras Eli Ríos e Silvia Penas, os críticos Ramón Nicolás, biógrafo de Lueiro Rey, e Armando Requeixo, representante do xurado, ademais do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.
– Sermos Galiza (SG): Como recibe as críticas que falan, maiormente, da excelencia da súa obra e da singularidade da súa voz poética?
– Luís Valle (LV): A verdade é que non me recoñezo nelas. Supoño que o traballo, a dedicación, o agarimo e a paixón que lle pos á actividade que elixes na vida ten que dar resultados. No meu caso decidín hai vinte anos escribir poesía e poñerlle todo o meu empeño. Cando algo forma parte da túa vida de xeito tan íntimo acábase notando. Ao meu ver a clave está aí, a xente que vive intensamente a literatura valora que outra persoa se empeñe e procure facer as cousas do mellor xeito. Escribir poesía ten moito a ver co traballo e a emoción. Precísase técnica e esforzo, pulir e tentar chegar ao poema en cada ocasión, que non sobren versos, que non sobren palabras, que o son, a imaxe e o contido intelectual se axusten.
– SG: Mais no feito creativo hai algo máis que traballo, é dicir, non todo o mundo que o intenta o consigue.
– LV: Existen moitos discursos sobre o que é o talento e o xenio mais no meu caso non me valoro como escritor talentoso nin, desde logo, xenial. O que son é poeta vocacional, son e síntome poeta as vintecatro horas ao día e ao final o traballo acaba tendo valor literario, acaba sendo poesía. Compre ser autocrítico e merece a pena ler, reler e analizar a propia obra. Normalmente antes de dar ao prelo un libro paso bastante tempo con el, con momentos en que vexo inconsistencias, nos que non me recoñezo e preciso volver a pensar. No traballo poético tan importante como crear é destruír, ser quen de liberarte e esquecer o tempo. Desexo deixar unha obra poética, nada transcendente, mais a miña, cun camiño poético propio. (…)”

Crónica fotográfica do 2015, ano Lois Pereiro, que tivo lugar o sábado 11 de abril en Monforte

Estas son algunhas das fotografías do acto 2015, ano Lois Pereiro, que tivo lugar o sábado 11 de abril en Monforte. Pódese ver a galería completa aquí.

1428908975338AnoLoisPereiro-Monforte_20150411-151428919295072100_33501428919295747100_33551428919298622100_33991428919298930100_34021428908980955AnoLoisPereiro-Monforte_20150411-12

Fran Alonso: “Se perdemos a capacidade de ironizar, de provocar, a arte é un servizo funcionarial”

EntrevistaFran Alonso de Montse Dopico a Fran Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): Foi, así, na práctica, autoedición. Ti maquetaches e buscaches audios, vídeos, links… Como foi ese proceso de edición do libro [Poétic@.gal]?
– Fran Alonso (FA): Efectivamente, eu maquetei e busquei absolutamente todos os materiais, ligazóns, vídeos e recursos. Foi un proceso lento e, sobre todo, interminable, porque a cada paso íanseme ocorrendo novas cousas que engadir. É un traballo de asociación de ideas tan sedutor que te absorbe ata tal punto que tes que poñerlle punto final para que non sexa infinito. En realidade foi un proceso moi fascinante, que me serviu para aprender a potenciar o texto a través da tecnoloxía e dos recursos alleos que están a disposición do público na rede. Eu buscaba un perfil o máis innovador posible sen perder nunca as posibilidades de conectar cos lectores e lectoras. Nese sentido, identifícome co que me dixo un bo amigo, tamén escritor, por correo electrónico con respecto a Poétic@: “xa desapareceu ese aroma a experimento, propio das instalacións virtuais”. Eu non o pensara pero, efectivamente, creo que é preciso innovar transmitindo a idea de que estamos diante dun novo camiño e non dun novo experimento, algo frecuente na literatura electrónica noutras linguas.
– P: Máis que poemario, é instalación poética, explicas. Con estrutura de arañeira. Uns poemas remiten a outros, de xeito que o libro pode lerse de varias maneiras, con voltas adiante e atrás, saíndo e entrando nos poemas a través de links, vídeos… É a fragmentación propia da era dixital. Como agardas que se lea o libro, nese sentido?
– FA: Eu reivindico a autonomía absoluta dos lectores e lectoras. Feito público, o texto deixa de ser meu e cadaquén faino seu como desexe. A deseñadora e mais eu trazamos unha vertebración tradicional, con paxinación e mesmo un certo sombreado de páxina. Iso convida a unha lectura ordenada e garda relación co libro en papel. Pero unha vez que comezas a lectura e interactúas, acabas saíndo do itinerario convencional e creas o teu propio itinerario. Eu creo que Poétic@ dá esa enorme liberdade para que cadaquén poida lelo como queira. A lectura cambia moito se se prescinde, por exemplo, das ligazóns, porque engaden novos significados e outras dimensións. Ás veces, mesmo contradín as teses iniciais. Pódense facer lecturas textuais, lecturas gráficas, lectura hipertextuais, lecturas de audio… ou todo conxuntamente en itinerarios á carta. Na rede, o protagonismo dos lectores e lectoras aumenta exponencialmente. (…)
– P: Un dos xogos máis presentes é o que ironiza sobre a relación do creador ou creadora co mercado. Se a poesía é libre por ser minoritaria e non vivir sometida ao mercado, cando liberamos a narrativa?, pregunta un poema. O poeta en paro ofrécese para escribir poemas. O propio libro ofrécese para a súa venda, en prezo crecente segundo avanza o poemario. Cal é e debe ser a relación dos poetas co mercado?
– FA: É que eu creo que ese tipo de discursos son moi contraditorios e este libro o que fai é, precisamente, poñer de manifesto moitas contradicións. Se, con respecto ao mercado, a poesía tivese as vendas da narrativa e a narrativa as da poesía, nesas condicións a narrativa sería considerada a literatura “liberada”. As perspectivas enganan moito. Por outra banda, o “malditismo” tamén é valorado cun plus extraliterario de literaturalidade, de autenticidade. Ora, non existe ningún tipo de relación canónica nin preestablecida da poesía ou do poeta co mercado igual que non existe tampouco unha relación canónica do narrador co mercado. Tamén hai narradores “malditos”. Todo depende de cales sexan os obxectivos, as prioridades, as intencións e o espírito dos e das creadoras. En calquera caso, na miña opinión, cadaquén debe ter claro o que pretende. Outra cousa moi distinta é a relación que unha literatura en lingua minorizada establece co mercado. Aí os condicionantes están por riba de calquera tipo de vontades. (…)
– P: Hai outros temas de fondo: poesía e xénero, poesía e nación (o poeta nacional), poesía e revolución social… Que quixeches salientar, en concreto, sobre estas cuestións?
– FA: A miña intención era cuestionalo todo, poñer as cousas patas arriba, como diría Galeano. Efectivamente, busquei cuestións moi emblemáticas para facer que os versos tremesen nos ollos das persoas que os lesen, como cando treme a terra, para facernos sentir inseguridade, para deixar claro que as aparencias enganan. E fíxeno, evidentemente, desde o humor, desde o sarcasmo, que durante tanto tempo desterramos da nosa literatura porque unha certa posición defensiva nos obrigaba –nos obriga– a permanecer á espreita. En calquera caso, se alguén me vai matar, que vexa o meu sorriso irónico, por favor. (…)”

Un investigador descobre unha obra de teatro inédita de Cunqueiro

ArtigoÁlvaro Cunqueiro de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“A letra inconfundíbel de Álvaro Cunqueiro é o indicador máis claro da autoría da obra de teatro titulada Alalá das Curuxeiras que o investigador Isidro Fernández ten no seu poder despois de adquirir a un particular o arquivo procedente da Falange de Mondoñedo. Trátase dun documento manuscrito en seis páxinas nas que se recolle unha obra teatral de carácter popular que podía ter sido escrita para a conmemoración dos Maios que nos anos trinta se estaban a recuperar na localidade.
“Está escrita polo puño e letra de Cunqueiro e iso é indubidábel. Aparece antecedida por unha páxina na que constan os personaxes e a música como anotación da propia obra que ía ser, segundo se sinala alí mesmo, interpretada no atrio da Igrexa dos Remedios”, sinala Isidro Fernández do documento que obra no seu poder.
Unha infantiña que está bebendo auga na fonte, un romeiro que vai ofrecido, a moza que perdeu a cita do pelo, o vello que sabe historias, o mozo que atopou a cinta e a vella moi vella son os personaxes cos que o autor constrúe unha historia que posíbelmente o autor creara para actores infantís.
“Calculo que a obra puido ser escrita entre 1930 e 1935 e o feito de estar no arquivo da Falange pode indicar que o escritor estaba baixo sospeita, que a súa casa fora revisada e moitos documentos requisados aínda que logo se “adaptara” ás circunstancias”, explica Isidro Fernández, dun feito que, de se probar, evidenciaría que no inicio do réxime o escritor, militante do PG, non era persoa de fiar para o franquismo.
“Trátase dunha obra de carácter popular na que a música que indica para a súa representación eran os romances A Francia partió la niña, O Conde Olinos, un alalá e unha muiñeira, e está escrita toda a man e en galego, lingua que Cunqueiro utilizaba xa nos anos trinta”, relata o investigador para quen a obra de Cunqueiro aínda non está pechada. “En Mondoñedo escribía en moitos lugares e continuamente aparecen novos documentos da súa autoría nos máis diversos arquivos persoais e oficiais”, valora este investigador que conta cun importante arquivo persoal con materiais autógrafos que van desde Iglesia Alvariño a López Ferreiro pasando por Álvarez Villamil ou Pardo Bazán con especial dedicación á historia do século XIX e ao movemento carlista, de singular relevancia no seu Mondoñedo onde quere que, no futuro, continúe o importante arquivo que vén atesourando nos últimos anos.”