O martes 1 de abril, ás 20:00 horas, no local social da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o libro Nunha presa de terra, de Paco Castro Alvarado, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participa Xosé Manuel Pereiro.
Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXII)
O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES Pintor Colmeiro, de Silleda, do seguinte xeito:
“Nós reinventamos a chamada da AELG e Bernardo e as súas mozas de plástica pasaron horas de frío tecendo este mural. A intervención foi realizada nun muro que nos ofreceu o Concello, no patio da Casa da Cultura de Silleda. Non deixedes de visitalo!”
Santiago: presentación de Maternosofía, de Inma López Silva
O martes 1 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase Maternosofía, de Inma López Silva, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Malós Cabrera e Francisco Castro.
María Reimóndez: “As alternativas están aquí mais é preciso darlles visibilidade”
Entrevista de Carme Vidal a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O seu ensaio [A alternativa está aquí] parte dunha crítica da que define como cooperación que opera coa caridade. Trátase aínda dun modelo imperante?
– María Reimóndez (MR): As ONGs son produto dunha sociedade que construíu certas estruturas que beben da lóxica dominante, herdeira da caridade cristiá e da colonización. Calquera persoa que se achegase a ese mundo tanto hai vinte anos coma hoxe o primeiro que atopaba era este sistema de cooperación que chegaba á cidadanía mediante potentes mecanismos de mercadotecnia. As persoas que tiñan inquedanzas eran os primeiros espazos que atopaban. Esa foi unha das razóns da creación de Implicadas no Desenvolvemento, crear novos espazos que son minoritarios no sector, tamén polo apoio social que teñen. O número de persoas que contribúen con asociacións que traballan desde a caridade é inmenso comparado coas que o fan con entidades críticas. O traballo que desenvolven as organizacións hexemónicas é mesmo contraproducente, reafirma os conceptos nos que se basea a pobreza e son organizacións que operan na superficialidade, nas intervencións e nas mensaxes. Seguen o impulso da caridade e non van ás raíces dos problemas, que están sobre todo no imaxinario. (…)
– SG: A alternativa está aquí chega ás librarías pouco despois de publicar tres libros de poesía, Presente continuo, Moda galega reloaded -revisión do publicado en 2002- e Cousiñas. A poesía responde ás mesmas preocupacións que o ensaio?
– MR: Dáse unha continuidade. Os temas que me interesan ou me conmoven son os mesmos cando escribo ensaio, narrativa ou poesía. A crítica patriarcal ecoa ás veces sobre a miña escrita e a doutras autoras feministas que facemos narrativa moi ensaística mais eu creo que é ao revés, que no meu caso e no doutras moitas autoras empregamos as capacidades como autoras de ficción para o ensaio e a min persoalmente interésanme que os libros de pensamento en calquera formato teñan a capacidades de chegar polo entretemento, polo lúdico ou polas emocións, que son tan humanas como a suposta razón. A poesía é un vínculo excepcional entre persoas porque crea comunidades de consensos afectivos arredor dos textos. É un espazo de encontro que vive tamén na oralidade. Na alternativa poderían estar incluídos tamén recitais e actos literarios que se realizan en moitos lugares. A poesía é tamén unha maneira de reflexionar e de chegar ás emocións novamente, niso tamén é moi feminista. Permite chegar a persoas moi diversas e provocar pensamento, que é o que me interesa da escrita. (…)”
A Coruña: conferencia de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo
O martes 1 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo, nun acto organizado pola A. C. O Facho, dentro do seu ciclo Língua, Literatura e Naçom.
Cuestionario Proust: Manuel Portas
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Manuel Portas:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A tenacidade (obstinación ou terquidade, visto desde outro prisma).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A modestia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade e alegría.
4.– A súa principal eiva?
– A impulsividade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Non facer nada, ler e escribir, por esa orde.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade dos que me rodean.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer, obviamente.
8.– Que lle gustaría ser?
– De maior, ser escritor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Visitar, todos os que puider. Vivir no meu, aínda que máis libre.
10.– A súa cor favorita?
– O azul turquesa, o vermello, o verde mazá, o negro,…
11.– A flor que máis lle gusta?
– O lirio selvaxe.
12.– O paxaro que prefire?
– A bubela.
13.– A súa devoción na prosa?
– Ufff, moitas devocións: Duras, Cunqueiro, Bolaño, Saramago, Flaubert, Eça,…
14.– E na poesía?
– Moitas tamén: Rosalía, Benedetti, Pessoa, Prevert…
15.– Un libro?
– O Merlín, sen dúbida.
16.– Un heroe de ficción?
– Obelix.
17.– Unha heroína?
– Emma Bovary
18.– A súa música favorita?
– Moitas, depende do momento, mesmo a comercial. Pódeme o ritmo.
19.– Na pintura?
– Varios, moitos. Matisse, Goya, Miguel Ánxelo, Laxeiro,…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non existen.
21.– O seu nome favorito?
– Os dos meus fillos, claro.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia, a arrogancia, o papanatismo.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, porque Aznar non ten dimensión histórica.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. A violencia nunca merece admiración.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A prudencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha maneira. En todo caso, durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría hiperactiva.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”
Uxía Casal: “O momento máis eufórico da creación é posiblemente o inicio”
Entrevista a Uxía Casal en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Como é, para ti, o proceso de creación?
– Uxía Casal (UC): Resulta difícil contar de xeito racional como o fas. Tes unha idea do que queres escribir, e vas dando forma aos personaxes, teñen que crecer e evolucionar. Xenoveva tiña que viaxar, ver moito, bo e malo? Logo hai que comprimir, o relato esixe economía de medios, o reto é expresar o máis posible con menos. É coma un cadro impresionista, tes unha visión de conxunto, ves o cadro ao lonxe.
– LVG: Parece que o relato é fácil de ler, pero moitos esixen unha segunda lectura.
– UC: O relato para o público xeral, coma Vidas exemplares, ou Saturno tamén é deus, require un esforzo do lector, quen ten que completalo. Hai suspense, terror, e o final está sempre moi traballado.
– LVG: Fálame da novela.
– UC: Non me sinto cómoda escribindo novela negra. Escribín algunha de ficción e suspense, O faro de Arealonga, por exemplo, que tivo boa acollida. Ten acción, misterio, tamén reflexión. Trata da autonomía, do afán de superación, protagonizada por unha anana xornalista amiga dun fareiro científico. (…)”
O número de libros editados en galego caeu case á metade en 2013
Reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza:
“Póñanlle o adxectivo que queiran. Pero o dato é significativo por si mesmo: os libros publicados en galego en 2013 representan pouco máis da metade dos publicados o ano anterior, consolidando unha tendencia á baixa iniciada en 2008, ano no que, con 2.070 títulos, se rexistrou o récord histórico. A edición en galego atravesa unha crise moi fonda, cun número de títulos inferior ao que se acadaba antes do ano 1999. Esta é a realidade que amosa a Estatística da Produción Editorial de 2013, presentada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
É certo que o descenso é xeral en toda España e en todas as linguas, de xeito que o número total de títulos editados no Estado cae dende os 69.668 de 2012 até os 56.435 de 2013 (un 19% menos), e igualmente queda moi lonxe dos 86.330 de 2008. Porén, a caída da produción das editoriais galegas, por unha banda, e de obras en galego, pola outra, é moito máis importante. Cómpre sinalar, a este respecto, que se en 2008 se editaban 3.747 títulos en Galicia, hoxe esa cifra é de 1.869, máis ou menos a metade. E que, así mesmo, se en 2008 as editoriais galegas achegaban o 4,34% de todas as obras públicadas en España, hoxe a súa importancia relativa caeu até o 3,31%.
O 42,38% dos títulos que se editaron en Galicia en 2013 fórono en galego, fronte a un 52,06% en castelán e un 3,21% en idiomas estranxeiros. A proporción é semellante á acadada en 2012, aínda que nun ano o galego perdeu dous puntos (dende o 44,96%). Mesmo así, Galicia segue sendo, despois de Baleares, a comunidade autónoma na que a edición en lingua propia representa unha proporción meirande. (…)”
Vinte e sete obras finalistas compiten polos Premios AELG 2014
Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2013 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística (nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente), son:
Blog Literario
- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
- Criticalia, de Armando Requeixo
- Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández
Ensaio
- A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo (Euseino? Editores)
- Estilística da Lingua Galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato (Xerais)
- Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais)
Literatura Infanto-xuvenil
- A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo (Xerais)
- A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar (Biblos)
- Todos somos, de Marcos Calveiro (Xerais)
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2013
Narrativa
- A lúa da colleita, de Anxos Sumai (Galaxia)
- A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais)
- O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila (Galaxia)
Poesía
- Habitación do asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello (Espiral Maior)
- Ningún precipicio, de Olalla Cociña (Toxosoutos)
- Raíz da fenda, de Berta Dávila (Xerais)
- Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos Editora)
Teatro
- Isóbaras, de Gustavo Pernas (Xerais-Xunta de Galicia)
- O refugallo, de Paula Carballeira (Xerais-Xunta de Galicia)
- Obras Completas (Vols. I, II e III), de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas)
Tradución
- Desgastei cadeas estrañándote, de Ahmed Arif, traducido por Pepa Baamonde e Irfan Güler (Espiral Maior)
- Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo (Galaxia)
- Viaxe ao futuro. Relatos de ciencia ficción, VV. AA., en tradución de Alejandro Tobar (Vicens Vives)
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
Premio AELG 2014 “Institucións Culturais”
A AELG valora tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará:
-
O proxecto Buxiganga, da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego.
-
Tamén a Área de Cultura de Deputación da Coruña, polo Premio de teatro Rafael Dieste.
-
Narón e Tui entran no palmarés como concellos que dedican un especial esforzo ás artes escénicas.
Premio “Mestras-es da Memoria” 2014
A segunda edición do premio Mestres e Mestras da Memoria, que se concede nesta ocasión a Elba Requeijo e Xavier Blanco, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional
Escritor Galego Universal 2014
O escritor Bernardo Atxaga será o Escritor Galego Universal, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana. O autor vasco ofrecerá o día 2 de maio, en Pontevedra, unha conferencia con título Reaccións ante unha pedra raiada, e ao día seguinte recollerá o premio na Gala das Letras. Con este nomeamento Atxaga súmase á listaxe conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro e mais Lídia Jorge.
No transcurso da gala a AELG tamén entregará a distinción “Bos e Xenerosos”, coa que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará representantes de todas os ámbitos da escena galega:
-
A compañía Sarabela Teatro, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional.
-
Achádego Teatro de Lugo, que fai 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador.
-
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, en nome de todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega.
-
A Editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son outros dous proxectos que merecen destaque da AELG.
Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXI)
O Día de Rosalía 2014 celebrouse no Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, do seguinte xeito:
“Convocados pola AELG, o día 24 de febreiro celebraron o día de Rosalía de Castro. Durante a semana anterior traballouse nas aulas a figura da nosa escritora máis sobranceira e, ese día, logo da lectura en común dunha escolma de poesías rosalianas, unha representación de cada aula, saíu adornar o colexio coa poesía de cores coa que a homenaxeamos..”