Deusto: exposición As Cantigas de Santa María e a banda deseñada
Ferrol: presentación de Lembranzas dunha vida, de Francisca Rodríguez Cabanas
Cuestionario Proust: María Canosa
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María Canosa:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sinceridade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Integridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– A excesiva orde.
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar coa xente que quero.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Só creo nos momentos felices. E eses, querería compartilos con quen se aledase comigo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Unha enfermidade sen cura.
8.– Que lle gustaría ser?
– Algo relacionado coas letras.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, o meu. Pero gobernado e poboado por xente que o ame.
10.– A súa cor favorita?
– Depende do día e para que, pero poderiamos xeralizar co azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As rosas do xardín de casa, con pingas de auga despois da choiva.
12.– O paxaro que prefire?
– O colibrí.
13.– A súa devoción na prosa?
– Concha Blanco.
14.– E na poesía?
– Hai tantos poemas que me gustan, que nin sequera podería quedarme con un, como elixir un autor… Imposible. Non podo.
15.– Un libro?
– Cousas, de Castelao.
16.– Un heroe de ficción?
– Asterix.
17.– Unha heroína?
– Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– Pode ser moi diferente segundo o estado de ánimo…
19.– Na pintura?
– Son dos clásicos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meu avó. Miña madriña.
21.– O seu nome favorito?
– Ana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade sistemática. Valoro moito o tempo, porque nunca volve, nin regresa, nin se recupera.
23.– O que máis odia?
– As inxustizas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera que se levara algunha vida por diante para conseguir o seu obxectivo.
25.– Un feito militar que admire?
– O desembarco de Normandía.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha intelixencia extraordinaria.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen decatarme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Activa. En loita.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non afectan a terceiros.
30.– Un lema na súa vida?
– Confía, e agarda.”
Xabier P. DoCampo: “O único que non serve para nada é non saber nada. Somos seres chamados a coñecer”
Entrevista de Montse Dopico a Xabier P. DoCampo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): [A illa de todas as illas] É un libro de libros. Unha homenaxe aos libros de aventuras que máis che gustaron…
– Xabier P. DoCampo (XPD): Si, é esas dúas cousas. O tema do libro é a lectura: o que a lectura fai de nós. E o libro é tamén un tributo aos libros que nos fixeron lectores. Libros de aventuras, libros sobre a soidade do ser humano, sobre as illas como lugares que nos acollen cando queremos estar sós, ou das que escapar cando non queremos estar sós. Illas que nos protexen de que outros entren, e ao mesmo tempo nos condenan a non poder saír… Primeiro foi un conto, no que xa saían Robinson Crusoe e A illa do Tesouro. Pois A illa do Tesouro é a novela da miña vida, a que me fixo lector.
– MD: Só con algúns dos personaxes se aclara que proceden de libros. O resto van aparecendo e só ao final nos explicas a que novelas pertencen. Con todo detalle. Para convidarnos a lelas, supoño.
– XPD: É iso, si. Quero mellor que se lean as novelas das que falo que a miña! O libro vai dando pistas de que son personaxes doutros libros. E os propios rapaces descobren rápido que parte deles son da historia de Robinson Crusoe. Do que non son conscientes é de que eses personaxes cos que se van encontrando os van conducindo ao embarcadoiro, que é onde queren ir. E iso é así porque iso é o que é a lectura. Unha guía que nos leva, sen que nos decatemos. A razón de ser da literatura infantil e xuvenil, -e o que vos obriga ás persoas que facedes crítica a ser moi esixentes coa calidade da literatura infantil e xuvenil-, é que forma lectores. É un dos camiños de formación para todo lector. E digo isto sen entrar no tema dos complexos de se é literatura menor ou non, se é visible ou non: iso aquí dáme igual. Non hai bo lector que non teña que pasar pola literatura infantil e xuvenil. Ademais, todo libro nas mans dun neno ou dun adolescente convértese en literatura infantil ou xuvenil. Cando me din que hai libros que non son axeitados para eles porque non os entenden eu pregunto: e logo ti si o entendiches? Ou cada vez que o les enténdelo mellor? Acaban de facer unha tradución do Ulises, que é un libro que, para lelo, tes que ter moitas lecturas previas, e que vas entendendo a medida que o les… (…)”
A Coruña: recital poético de Yolanda Castaño
O venres 14 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Extramuros (Rúa Monforte, 8) da Coruña, terá lugar un recital poético de Yolanda Castaño, que incluirá un pequeno adianto do seu novo libro A segunda lingua. A entrada é de 4 euros.
Noia: conferencia arredor de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira
O venres 14 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura Avilés de Taramancos de Noia (Rúa da Paz, 16), terá lugar unha conferencia arredor do libro Historia de Galicia, pronunciada polo seu autor, Anselmo López Carreira.
Guitiriz: o centenario de Díaz Castro inaugura os actos do ano dedicado ao poeta
Desde Sermos Galiza:
“O ano no que a Academia decidiu adicar o Día das Letras Galegas a Díaz Castro é tamén o do seu centenario. Será o próximo 19 de febreiro a data na que con distintos actos en Guitiriz se conmemore os cen anos do seu nacemento, saída tamén para un ano de festexos arredor do autor de Nimbos, levados adiante pola A. C. Xermolos.
Unha ofrenda poético-floral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no cemiterio de Guitiriz ás 17.00 horas iniciará unha sesión de tarde na que se darán cita no concello natal de Díaz Castro algunhas das máis madrugadoras iniciativas do ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Será ocasión tamén para inaugurar a exposición Nimbos de luz da Xunta, que quedará aberta na Casa Habanera e que conta con Alfonso Blanco -amigo e estudoso do autor- como comisario nun acto que contará tamén coa intervención do escritor Luís González Tosar e o investigador e crítico Armando Requeixo, autor a súa vez da primeira biografía do ano arredor do autor titulada Xosé María Díaz Castro. Vida e obra que se presentará a seguir.
A estrea do documental O instante eterno. de Xosé A. Cascudo, porá fin á xornada de homenaxe aberta ao público en Guitiriz, concello no que, desde primeiras horas da mañá, a lembranza será continua, de parte do alumnado da comarca, en especial, do centro que leva o seu nome.
O programa escolar comezará ás 10:30 coa visita á exposición por parte dos CEIP de Parga e Guitiriz. O espectáculo musical Zapatiños para Díaz Castro, de 2naFronteira inclúese tamén nunha xornada e mañá na que desde as 12:30 están convidados os colexios de Friol e o IES Urbano Lugrís da Coruña á festa da aniversario de Díaz Castro.”
O pozo da ferida, de Medos Romero, por Eli Ríos
Artigo de Eli Ríos en A Sega:
“Hai libros que, co paso do tempo, van madurecendo na memoria e, tempo despois, volves encontrarte con eles. Ese instante de redescoberta leva implícito un proceso lector de mudanza no que lemos, sendo unha persoa diferente, as mesmas letras, as mesmas frases, o mesmo poemario pero cun significado diferente. Diferente? Si porque temos unhas experiencias vitais que nos achegan ou nos afastan da primeira lectura.
O pozo da ferida de Medos Romero foi publicado no 2006, pola Deputación da Coruña, despois de acadar o Premio Gonzalez Garcés de Poesía. Este poemario é dunha beleza inusual onde a linguaxe carece de adubos innecesarios e preséntase sen artifícios para denunciar a alienación do ser humano, a dor das mulleres que sofren violencia en toda parte do mundo. A prostitución, as enfermidades de transmisión sexual, os malos tratos, a pobreza, a ligazón á terra, o espolio dos recursos naturais, o desterro, etc, habitan estes versos chamándolle polo seu nome, sen eufemismos, a “ese xeito de sermos/ negadas sen medida” as mulleres en calquera latitude. (…)”