Antón Riveiro Coello: “A miña literatura está moi apegada á terra que habito e aos territorios da infancia”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Magazine Cultural Galego:
“Naufraxios afectivos habitan Acordes náufragos (Galaxia), o último libro de Antón Riveiro Coello. Case todos erguidos sobre a base de historias de amor. O autor de Laura no deserto volve nesta obra ao relato, aínda que anuncia xa que está a preparar unha nova novela, ambientada na actualidade e relacionada coas ilusións rotas das xeracións máis novas. Falamos con el.
– Montse Dopico (MD): Xa contas no libro que son relatos de distintas épocas, ligados ao mar e ao amor. Por que reunilos nun libro?
– Antón Riveiro Coello (ARC): A idea primeira era recuperar A canción de Sálvora, unha noveliña curta que tivera certo éxito cando saíra publicada na colección Relatos Históricos da desaparecida editorial A Nosa Terra. Pero despois, mentres botaba a ollada atrás e repasaba moitos dos relatos publicados en diferentes formatos durante os últimos vinte anos, decateime de que había case unha ducia deles nos que se daban certas complicidades, non só temáticas e de estilo. E por iso decidín darlles unha volta e recuperar aqueles que, baixo o meu punto de vista, tiñan máis calidade e podían formar parte dun conxunto no que se daban diversas constantes como o fantástico, o amor, o naufraxio ou a música.
– MD: Trátase de relatos fantásticos, que non deixan de ter, algúns, unha base histórica. En realidade, isto é algo que fixeches moito nas túas obras anteriores. Pero desta volta decántaste máis pola fantasía. Era, se cadra, necesario para ti, como autor, tras o proxecto de Laura no deserto?
– ARC: Laura no deserto foi posterior a todos estes relatos e, aínda que a base histórica adoita estar presente tanto nas miñas novelas coma nos relatos curtos, sospeito que en min cohabitan dous escritores, un máis realista que se ocupa das distancias longas e outro máis fantástico que opta polas curtas. De feito, se repaso a miña narrativa curta o tema fantástico preside os máis dos relatos. E isto coido que se debe a que, para min, o relato é o mellor instrumento co que podemos afrontar o fantástico. Manter esas pautas nunha novela para adultos é dende logo un reto moi difícil, por non dicir case imposible. Non obstante, co relato hai como un pacto co lector e, nesta medida, máis aceptada, pódese crear unha visión nova sobre os obxectos cotiáns e ofrecer un mecanismo para converter en realidades palpables os pequenos misterios das cousas. (…)”

Margarita Ledo suma a súa curtametraxe ao Proxecto Nimbos

Desde Sermos Galiza:
Noite do mundo é o poema que a directora de cine e académica Margarita Ledo Andión recrea na  curtametraxe coa que participa no Proxecto Nimbos do blog Acto de Primavera, creado polos autores, críticos e programadores Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande. Con imaxes evocadoras e poéticas, é a propia voz da autora a que recita os versos de Díaz Castro, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas e protagonista do proxecto que convoca a máis de trinta cineastas. Margarita Ledo é autora, entre outros, dos filmes A cicatriz branca, Liste, pronunciado Líster e Santa Liberdade.

Convocado o II Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz

Desde Ozocogz:
“Xa está de volta o noso concurso literario! O 2º Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz está en marcha!
O ano pasado celebrouse con grande éxito de participación o 1º Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz, e, en vista do bo resultado, vimos de poñer en marcha a segunda edición deste concurso. Desta volta, a temática é a música e podedes enviar as vosas propostas desde xa até o día 30 de abril deste 2014.
O xuri é o seguinte:

Tempo hai abondo, agora só tendes que darlle ao maxín e remitirnos as 140 palabras da vosa creatividade! Velaquí podedes consultar as bases do concurso.”

A AELG homenaxea o teatro galego cos seus premios

Desde Sermos Galiza:
“Os Premios da AELG deste ano terán ao teatro como protagonista. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere así recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará, en distintas categorías, a representantes de todas os ámbitos da escena galega. A compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional mentres Achádego de Lugo, que cumpre 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega homenaxearase no premio que a entidade concede á Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
A AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará ao proxecto Buxiganga, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego. Tamén a área de cultura de Deputación da Coruña, polo premio Rafael Dieste, foi valorada pola asociación profesional literaria. Narón e Tui entran no palmarés da AELG como concellos que dedican un especial destaque ás artes escénicas.
En canto iniciativas privadas, a editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son os dous proxectos que merecen destaque da asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias.
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.
Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.
Ao longo do mes de maio, a AELG dedicará tamén actos de homenaxe ás escritoras Xela Arias e Luísa Villalta, ao se cumpriren dez ano do seu falecemento.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego. Decidiuse, entre outras cousas, que a Gala das Letras terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra. Tamén se aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector e socio colaborador para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación.”

Sabela González: “O obradoiro é a escusa perfecta para usar a imaxinación”

Entrevista a Sabela González en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que decidiu inscribirse no obradoiro de escrita creativa?
– Sabela González (SG): Creo que vin a convocatoria a través do Facebook e nese momento xa me apuntei. Pensei que sería a escusa perfecta para usar a imaxinación e ademais, por ser un obradoiro con máis xente, unha boa forma de perder a vergoña de amosar o que escribes. Tiña xa cousas a medio facer pero nunca daba conseguido acabalas, e nese sentido tamén foi unha axuda, igual que aprender a criticar o que escribes e saber criticar e apreciar o que escriben os demais.
– LVG: Daquela, o seu era xa un caso de vocación pola escrita.
– SG: Si, tiña vocación. O libro xa empezara a escribilo, pero as sesións no obradoiro foron unha axuda para atopar os camiños polos que tirar cando me atopaba perdida ou non sabía como seguir. Empezara no 2001 pero por traballo ou estudos sempre se demoraba. Os obradoiros tamén foron unha boa forma para obrigarme a rematalo e compartir as opinións foi moi útil, sabendo ademais que Francisco Castro é editor, polo que valoras os seus consellos xa non só como autor, senón tamén como alguén responsable de publicacións.
– LVG: Din que a escrita é unha actividade solitaria, pero tamén existe esa dimensión social e participativa.
– SG: É certo que escribes só, pero tamén son boas esas postas en común. Cada vez que remataba unha sesión saía con moitos ánimos, coas forzas necesarias para darlle un novo impulso ao que escribo. E tamén necesitas distanciarte, coller perspectiva e así achegarte mellor á túa propia escrita.”

A Coruña: obradoiro Laboratorio das letras, dirixido por Antía Otero

Laboratorio das letras, obradoiro impartido por Antía Otero, tratará de achegar os participantes ao entramado literario dende unha visión actual e contemporánea a través da teoría e a práctica. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do inmediato, do pequeno, facendo fincapé na construción do texto.

OBXECTIVOS:
– Coa mestura da teoría e da práctica, aportar chaves que axuden á elaboración e creación de textos partindo da mirada única de cada participante.
– Poñer en relación o literario co interdisciplinar: cinema, música, artes plásticas…
– Atopar os silencios no lenzo.
– Bucear nas propias creacións ao redor da imaxinación, a escoita, o concreto, os diálogos, o eu e os personaxes, o tempo, o espazo, o silencio.
– Debater, ler, compartir buscando o verso e o reverso.

TEMAS:
– Descubrir/redescubrir as palabras.
– Atrapar as ideas.
– Camiñar entre o abstracto e o concreto.
– Traballo de ritmos e tonos.
– De John Cage ao lenzo en branco.
– A personalización do tema.
– Entre o eu e os personaxes.
– O tempo da acción.
– O conflito.
– A presenza do adxectivo.
– Metáforas.
– Tallar un texto: como Miguel Anxo dentro do bloque… atopar a escultura.
– Do literario ao interdisplinar: materializándonos a través das palabras pero tamén a través das imaxes, a pintura, a fotografía, a música, o cine…
– Comentario e lecturas de textos de diferentes autores e autoras referentes da literatura contemporánea galega e internacional.

OBSERVACIÓNS:
– Cada alumn@ terá dereito a unha titoría personalizada.
– Ao finalizar o obradoiro haberá a posibilidade de realizar unha mostra.

Datas: todos os martes entre o  25 de febreiro de 2014 e o 13 de maio de 2014.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: aula de obradoiros de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: un mínimo de 8 e un máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 1 até o 15 de febreiro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña, seguindo estas instrucións:
• elixa o obradoiro no que quere inscribirse.
• prema en “ver máis”.
• siga a ligazón “inscrición”.
• seleccione o xeito de pagamento e confirme.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es