Entrevista a Manuel Veiga en Tempo de lecer Ourense:
“(…) – Tempo de lecer Ourense (TlO): Presenta na Livraría Torga a novela titulada: Os xornalístas utópicos. Que nos pode contar desta obra -en canto ao seu argumento, personaxes…-?
– Manuel Veiga (MV): É un libro que comeza en 1977, coincidindo coas primeiras eleccións democráticas e remata no 2007-2008, ao pe da crise. Ten diversos escenarios: Madrid, Vigo, Monforte, un pequeno concello de Ourense, San Francisco, Porto. E ten un personaxe central, Obdulio Somoza, que é xornalista. Pódese dicir que se trata dunha autobiografía cunha parte imaxinada, incluso se podería dicir que é a memoria dunha xeración, e, por último, é unha sorte de historia dos últimos trinta anos. Isto último quizais resulta moi oportuno agora que parece que a crise nos está facendo entrar nunha nova fase. (…)
– TlO: Ademais de escritor, vostede é tamén xornalista. Aplica tamén este concepto ao seu traballo e/ou maneira de ver o mundo?
– MV: A túa profesión sempre determina en gran medida a túa forma de ser e de pensar, queiras ou non. Tamén son sociólogo de formación e iso tamén inflúe. Aínda que quixese disimulalo non podería. A novela, trate do que trate, sempre deixa transparentar o carácter e a formación do autor. É algo parecido a un confesionario. O xornalista é un observador e o novelista necesita observar moito, aínda que non tanto en extensión como en profundidade. Tamén é importante a claridade á hora de escribir. O xornalista necesita ser claro e preciso. Eu cando escribo novelas tamén procuro ser claro e preciso e penso que o lector o agradece. A literatura é a arte do concreto. Se te pos abstracto fas filosofía e ademais corres o risco de aburrir. (…)”
Luís Rei Núñez, Días que non foron
Agustín Fernández Paz volve ser candidato aos premios Astrid Lindgren
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Por un chío do propio Agustín Fernández Paz coñezo a ilusionante noticia de que volve ser candidato ao prestixioso galardón Astrid Lindgren. Son moitos os candidatos pero que bo e xusto sería que a concesión recaese na globalidade desa obra literaria tan extensa e talentosa. Moita sorte!”
Vila Nova de Cerveira: recital de poesía galega e música
Bases do VII Premio Arume de poesía para nenos
Parlamento das Letras: Rebeca Baceiredo
Entrevista de Armando Requeixo a Rebeca Baceiredo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rebeca Baceiredo (RB): A resposta que podo dar é pura impresión… Coido que, a pesar do claro ataque contracultural por parte de institucións fascistas (e entendo por fascismo, simplificando, a anulación da diferenza), nalgúns casos estase a conseguir unha relación coa linguaxe cada vez máis elegante, por profunda e libre. Ben, isto é algo que me interesa a min, concretamente, nada máis.
O que penso que sobran son egos, en xeral, en todos lados, dentro e fóra, da literatura e de nós mesmxs. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RB: Do presente literario galego penso (o mesmo que da dimensión cultural xeral): os circuítos de poder (dende fóra, coas seleccións editoriais mimetizando as pautas do centro do sistema; dende dentro, cos propios micropoderes) asolagan a creación de formas-contidos que xeran, de verdade, diferenza. Por unha banda, no que sería a dimensión artística, entendo que esa apertura a novos terreos é o seu cometido; e en tanto que cultura, como acervo de instrumentos conceptuais, tampouco se ten que quedar nesa recompilación, senón que terían que ser empregados, estes instrumentos, para crear outras cousas, para seguir camiñando.”
A cantar os Cantares
Desde Cultura Galega:
“O 150 aniversario de Cantares Gallegos está a deixar un ronsel inédito de novidades discográficas. Músicos de diversos estilos réndenlle homenaxe a Rosalía de Castro a reinterpretar os seus versos. Desde cancións para nenos ata o rock, as referencias multiplícanse e amosan o orixinalidade dos músicos do país. Repasamos estes lanzamentos nunha serie de dúas reportaxes.
É ben certo que unha obra fundacional para as letras galegas como é Cantares Gallegos só cumpre 150 anos unha vez. No entanto, e aínda que pode ter influído, este aniversario non explica por si só a proliferación de versións musicais da poeta. O interese editorial nunhas hipotéticas boas vendas apóiase nun público que semella ter interese na música en galego e nos seus intérpretes. Canda a isto, cómpren tamén músicos dispostos a lle meter man a uns versos moitas veces xa cantados e tentar achegar algo novo. Deste xeito, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, recoñece a pegada dos editores e dos axentes culturais nesta xeira de lanzamentos, pero insíreos tamén nun maior interese xeral da sociedade pola autora. “A conmemoración de Cantares foi decisiva. Toda a sociedade, aínda que xa o estaba a facer, puxo de novo os ollos sobre Rosalía con máis intensidade. Fixérono por exemplo desde a creación literaria, pero de xeito especial, a creación musical voltouse con Rosalía”. (…)”
Participación galega na Feira do Libro de Frankfurt
Desde a Asociación Galega de Editores:
“Brasil desembarca fachendoso en Fránkfurt, sabendo que protagoniza a feira do libro máis importante do mundo nun intre fundamental da súa historia, anos de recuperación identitaria, revolucións sociais, economía emerxente e moito, moito bagaxe de traballo intelixente para ser e estar no mundo. Máis de sete mil stands e 170.000 profesionais están acreditados na Feira do Libro de Fránkfurt do ano 2013. Galicia conta cun stand de 16 metros cadrados, deseñado por Escenoset e patrocinado pola Xunta de Galicia, non que se exponen os libros dos editores que traballan este ano no evento: Baía Edicións, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Kalandraka e MCSports. A Asociación Galega de Editores leva concertadas diversas citas profesionais con asociacións de editores de diversos países, entre os que está a edición iraní. (…)”
Vigo: presentación de A batalla polas pensións (1981-2013), de Xabier Pérez Davila
O venres 11 de outubro, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), en Vigo, preséntase o ensaio A batalla polas pensións (1981-2013). De como a clase capitalista quere privatizar os bens comúns e de como as clases traballadoras se opoñen, de Xabier Pérez Davila, publicado por Estaleiro. No acto, xunto ao autor, participan Serafín Otero e Miguel Mosqueira.
Lugo: Letra das Festas: O San Froilán de hai 50 anos, o 10 de outubro
O xoves 10 de outubro, ás 19:30 horas, no Círculo de las Artes de Lugo, nun acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, terá lugar a Letra das Festas. Historias do San Froilán de hai 50 anos, onde se falarán de músicas, atraccións e espectáculos, persoeiros, anécdotas… A entrada será libre e gratuíta.
– Participarán doce persoas nacidas ou residentes en Lugo desde hai moitos anos:
Adela Figueroa, profesora e escritora.
Alfonso Blanco Torrado, crego e activista social.
Xerardo Pardo de Vera, avogado, actor e antigo batería do histórico grupo de música pop “Los Pekenikes”.
Manuel Pajón, músico, baixo desde 1969 a 1980 da “Calú 96”, histórica orquestra de Lugo que amenizou o San Froilán moitos anos.
Mª Concepción López Fernández, que achegará lembranzas de cando era a nena.
Pilar Yáñez Lombardía, foi mestra ata que unha enfermidade a deixou sen vista con apenas 49 anos.
Felipe Arias, arqueólogo e historiador, director do Museo do Castro de Viladonga.
Xesús Regueiro, responsable da Galería Sargadelos de Lugo
Jorge Chao, foi concelleiro do PP e directivo do baloncesto en Lugo moitos anos.
Higinio Martínez Fernández de la Vega, funcionario xubilado, avogado, sobriño-neto de Celestino Fernández de La Vega.
Suso Arrizado, antigo traballador na térmica das Pontes e en Alúmina, dedicado ao sindicalismo nacionalista desde mozo.
Xosé López, mestre xubilado, natural de Guntín, que lembra as súas visitas ao san Froilán cando era neno.
– A fermosa fotografía que ilustra o cartel de convocatoria deste acto (Comendo o polbo no San Froilán de 1970) é da autoría do veterano fotógrafo Carlos Valcárcel.
– Na parte musical interveñen Sito Sedes, unha das voces con máis personalidade da música galega do último medio século, acompañado ao piano por Sergio del Castillo, músico cubano afincado en Galicia desde 1994, que interpretarán temas de moda das décadas dos 50 e 60 do pasado século.
– Coordinan e presentan: Isidro Novo e Antonio Reigosa (sección de literatura de tradición oral da AELG).