Padrón: Que inchadiña branca vela, homenaxe a Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro, a Asociación Cultural Dorna da Arousa e o Concello de Padrón organizan o mércores 24 de xullo, unha homenaxe da cultura marítima e fluvial galega a Rosalía de Castro, co seguinte programa:

15:00 horas. Saída das embarcacións tradicionais da praia fluvial de Vilar (Cordeiro – Valga). Navegación fluvial a vela remontando o Ulla cara ao Sar.
18:00 horas. Arribada ao Espolón, en Padrón, e flamexar de velas diante da estatua de Rosalía. Recepción do Concello no Espolón.
– Música tradicional.
– Ofrenda floral diante da estatua.

Desde o día 15 de xullo estará exposta e aparellada nos xardíns da horta da Casa de Rosalía na Matanza a dorna Rosalía da A. C. Dorna da Illa da Arousa.

O Festival da Poesia do Condado bota um berro de Desobediência! na sua XXVII ediçom

“A Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado presenta o cartel e o programa da XXVII ediçom do Festival da Poesia, que se vai celebrar em Salvaterra de Minho os dias 30 e 31 de agosto. O cartaz, que simboliza o berro de Desobediência ao que se dedica o festival, vai-se apresentar nas ruas de Compostela este 25 de julho.
A organizaçom do festival está a desenvolver umha campanha de crowdfunding (micro doaçons) a través da plataforma Verkami para ajudar a financiar o XXVII Festival da Poesia. A campanha, que atravessa esta semana o seu ecuador, conta com o apoio de múltiples personalidades do mundo da cultura e as artes.
O berro de Desobediência nasce da indignaçom generalizada e do roubo constante ao que nos somete este sistema-farsa. Nasce do desejo de umha vida amável e digna. Por isso vai presidir esta ediçom do festival e servir de fio para os conteúdos da mesma. Estes apresentam-se num programa multidisciplinar que inclui poesia, música, actividades para nenos e nenas, cinema, pintura, desenho, artesanato e debates.
Este ano o recital estará protagonizado polas poetas Aurora Ceibe, Elvira Riveiro, Chus Pato, Celso F. Sanmartín, Nolim Gonzalez, Dores Tembrás, Alfonso Pexegueiro, Séchu Sende, Maria Rosendo, Mario Regueira, e polo brasileiro Márcio-André. Os seus textos serám os protagonistas da Antologia poética que, como cada ano, vai editar a SCD Condado.
Apresentados polo colectivo do Gran Compadre, os grupos que vam protagonizar a noite do sábado som a Banda Hospitaleira do Miño (o regresso do trio composto por Rómulo Sanjurjo, Uxía e Víctor Coyote), a Magnifique Band dos Homes sen Medo (treboada de ventos), Malandrómeda (as verbas incendiárias do Hevi junto com os ritmos acelerados de Caldeirada) e Sacha na Horta (para um fim de festa sem parar de dançar). A festa nom vai rematar aí, pois o festival remata com a pinchada Hevi vs. Caldeirada.
Na sexta-feira, e na única actividade de pagamento de todo o festival, Mónica de Nut vai protagonizar a Noite nas Minas. Já se podem adquirir as entradas contactando com a organizaçom do festival. Durante toda a jornada do sábado Salvaterra vai estar cheia de actividades que se podem consultar, polo miúdo, na página web.
Durante o mês que falta para o festval iram-se confirmando algúns detalhes. A SCD do Condado agradece a difusom desta informaçom.”

O instante eterno, documental sobre Xosé María Díaz Castro

O instante eterno é un documental sobre a obra e a vida de Xosé María Díaz Castro, dirixido por Xosé Antón Cascudo. O proxecto botou a andar no ano 2011 co obxectivo de difundir a figura do poeta, de cara á celebración do centenario do seu nacemento en febreiro do 2014.
A pesar da súa indiscutible calidade poética, referendada en Nimbos, a obra de Díaz Castro era case descoñecida para o público até o pasado 21 de xuño, cando a Real Academia Galega o designou como o autor ao que se dedicarán as Letras Galegas do 2014. Precisamente o esquecemento deste tesouro e certos enigmas arredor da figura do poeta constituíron o impulso definitivo para a posta en marcha do documental.
Foi Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a persoa que máis alentou O instante eterno, cedendo a Cascudo gran parte do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois de meses de estudo desta documentación trazouse a idea esencial do proxecto: un poema visual en cinco tempos, coincidindo coas catro estacións da vida de Díaz Castro e un epílogo sobre a pegada estética da súa obra.
Na primeira fase da produción realizouse unha rolda de entrevistas nas que participaron o propio Alfonso Blanco; o poeta e expresidente da RAG Méndez Ferrín; Félix Villares, docente no Seminario de Mondoñedo e estudoso da Escola Poética da Terra Chá; Armando Requeixo, crítico literario, especialista en Díaz Castro; e Raúl Río, amigo e autor do busto do poeta na súa parroquia natal dos Vilares. Hai que destacar tamén a colaboración da poeta Xiana Arias que puxo voz a varios dos poemas do autor.
En canto ás localizacións do filme inclúense os lugares emblemáticos do poeta: Mondoñedo –cuxo seminario era naquel tempo o berce poético da comarca chairega–, Betanzos –vila na que Díaz Castro gañou o certame dos Xogos Florais en 1946–, Vilagarcía de Arousa –onde exerceu de docente no Colexio León XIII trala Guerra Civil– e Madrid –lugar de residencia do poeta durante gran parte da súa vida, quizais o feito que o arredaría dos círculos culturais, e que explica o seu esquecemento–. Mención especial merece a contorna da aldea natal do Vilariño, a carón da Serra de Montouto, límite natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, espazo no que se afunden as raíces literarias do autor e que iluminan dúas das súas claves poéticas: a paisaxe e a lingua.
O obxectivo de O instante eterno é reflexionar sobre o proceso de creación artística de Díaz Castro, explorando un lento pero obstinado labor por acadar a excelencia en cada un dos seus versos, e que explica –en parte– que só publicase un libro en vida. Partindo dunha humilde ascendencia labrega o poeta dos Vilares vaise desprovendo das eivas que lastraban a poesía do seu tempo até escribir Nimbos, unha obra que se revela á vez como relixiosa, existencial e social, construída nunha admirable harmonía entre ética e estética.
Así mesmo, O instante eterno procura amosar as condicións nas que se desenvolvía aquela sociedade marcada pola miseria e a emigración na que medrou o poeta. Neste sentido os mellores guías foron os seus propios versos, xa que en Nimbos se atopa condensada a historia sentimental de Galicia, a nosa cerna identitaria. Desde o presente, afondando na paisaxe humana e biolóxica que contemplaron os ollos do poeta, asistimos a profundas transformacións; o que subsiste, máis alá do efémero, é o que Díaz Castro mudou en eterno nos seus versos.
Antes de iniciar a fase final do proxecto preséntase un teaser do documental, en cuxa realización colaboraron Jessica Rey e Alba Domínguez en labores de montaxe, fotografía e grafismo. Nas próximas semanas completaranse as últimas tres entrevistas con persoas moi vinculadas ao poeta de Guitiriz. A intención é estrear o filme durante a semana do centenario, no mes de febreiro do 2014.”

A ordense Lidia Gómez gaña o Premio Biblos de novela para menores de 25 anos

Desde Sermos Galiza:
“Lidia Gómez Martínez, nacida en Ordes e que se presentou ao concurso con 19 anos, é a gañadora da novena edición do Premio Biblos-Casa Grande do Bachao, fallado na tradicional cea literaria que no serán do 19 de xullo reuniu a máis dun cento de personalidades da cultura galega.
Estudante de terceiro de Filoloxía hispánica o ano que vén en Compostela, o xurado viu no seu proxecto “posibilidades de acadar unha novela de interese na medida en que a forza das personaxes protagonistas e a intensidade dos sentimentos que as moven transcendan o momento histórico no que se sitúan”.
O traballo premiado ten “os elementos necesarios para chegar a ofrecer un retrato singular dunha sociedade de tipo decimonónico, que ela concreta na relación dunha lavandeira compostelana coa súa patrona, a dona dunha curtiduría da Pontepedriña”. Así o decidiu o xurado, integrado pola gañadora da sétima edición do Biblos, Iria Morgade Valcárcel, ademáis de por Tucho Calvo e María Xosé Queizán.
Lidia Gómez Martínez “amósanos a distancia entre dous mundos moi arredados social, económica e culturalmente, cos seus soños e os seus medos condicionados pola opinión da xente. Pero o interese do argumento que debe ser desenvolvido nos vindeiros meses nace precisamente na imposibilidade de manter eses universos estancos, do obrigado contacto e as relacións nos terreos máis cotiáns da vida e dos sentimentos”, continúa sinalando o fallo do xurado. O premio á Colaboración Necesaria coa Cultura foi parar a mans de Narciso Luaces Pardo, quen rexenta canda a súa compañeira, Herminia Cobelo, o Museo Etnográfico de Meixido, en Ortigueira, o lugar onde reside a parella.”

Cambados: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández

O martes 23 de xullo, ás 20:30 horas, no Pazo de Torrado (Rúa do Príncipe, Fefiñáns, Cambados), preséntase Bícame, Frank, a nova novela de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Alba Sotelo e Moncho Lemos.

Agustín Fernández Paz dá pistas na rede sobre a súa próxima novela

Desde Sermos Galiza:
“As máis de setecentas persoas que seguen a Agustín Fernández Paz na rede social twitter xa teñen noticia dalgúns dos elementos cos que un dos escritores máis lidos da nosa literatura está a construír a súa nova novela. O cosmonauta Yuri Gagarin, o home que protagonizou o voo ao espazo que hai máis de cincuenta anos fixo que Rusia se adiantara aos Estados Unidos na coñecida como carreira espacial, será un dos personaxes da nova novela do escritor, tal e como adiantou o narrador.
Fernández Paz comparte nas redes o apaixonante proceso de documentación no que, como el comenta, os datos van cadrando nunha “descuberta constante” no que “a actualidade parece xirar” arredor da novela. Desta maneira, o escritor faise eco da nova película estreada en Rusia sobre Gagarin ou a descuberta máis de 45 anos despois das razóns do sinistro no que o astronauta perdeu a vida. Segundo informacións recentes, Gagarin tería morto nun accidente de aviación a causa dunha imprudencia doutro piloto. A noticia aparece enlazada co comentario: “datos novos sobre un dos personaxes da novela que ando a escribir. Fascinan, estas reviravoltas do azar”. Canda o heroe soviético, Fernández Paz descúbrenos á primeira muller astronauta. Valentina Tereshkova, nacera o 6 de marzo de 1937 e subiu ao espazo en 1963; pode ser que apareza tamén na súa nova obra.
Se de Gagarin é de quen dá o escritor máis pistas e fai intuír unha presenza importante na trama do seu próximo título, Fernández Paz fai fitar aos seus lectores noutros datos que compoñen tamén o ambiente no que, posibelmente, se moverá a historia que nos conte en breve. “Documentándome sobre os anos sesenta para a novela”, comenta nun momento no que atopa un singular vídeo de Violeta Parra ou a historia do deportista Tommie Smith que nos Xogos Olímpicos de México en 1968 agachou a cabeza ao recoller a medalla mentres levantaba o puño cunha luva negra en protesta contra o racismo e apoio ao movemento Black Power. (…)”

Ribadavia: presentación de Morreu o demo, acabouse a peseta

O martes 23 de xullo, ás 21:00 horas, na Igrexa da Madalena de Ribadavia, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, dentro da Mostra Internacional de Teatro. No acto participan Pedro Solla e Comba Campoy.

Anxos Sumai gaña o Premio de Novela García Barros, con A lúa da colleita

Desde Galaxia e Sermos Galiza:
“Hoxe fallouse na Estrada a XXV edición do Premio de Novela García Barros (Ken Keirades) que publicará, como é tradicional, a Editorial Galaxia. Nesta edición, resultou gañadora a obra de Anxos Sumai, A lúa da colleita.
Presentáronse un total de 21 novelas que tivo que avaliar un xurado composto por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Luís Alonso Girgado, Carlos González de Lema Malvar e Carlos Loureiro Rodríguez (secretario).
A novela conleva, ademais da publicación na Editorial Galaxia, un premio de 9000 euros.
O xurado destacou que “é unha novela na que destaca o elaborado traballo de caracterización dos personaxes, nunha historia onde o cuestionamento da identidade e a alteridade se vencella coa memoria e o pasar do tempo. A trama propón fortes doses de intriga, simbolismo e unha arquitectura perfecta, de linguaxe moi visual, que arrastra os personaxes a finais inesperados, pero de implacable lóxica. Todo este mundo, moi cambiante, e recreado a través dunha prosa límpida, da depuración extrema que flúe limpa e imparablemente.”
Segundo se recolle en Sermos Galiza: “(…) Trátase dunha novela especial, de grande tensión narrativa” coméntanos, despois de anotar o grande esforzo que lle supuxo a escrita desta nova obra. “Transcorre nunha praia e é unha novela chea de luz, co mes de agosto e a Ría de Arousa como marco, na desenvocadura dun río. Está chea de sombras personais” afirma a escritora, feliz por un novo recoñecemento que se incorpora a súa sólida carreira narrativa. (…)”

Xabier Paz: “Agardabamos a modernidade, pero todo quedou no que a socialdemocracia europea quixo que quedase”

Entrevista de Montse Dopico a Xabier Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai unha certa conexión entre As vidas de Nito e a túa anterior novela Renacer. O intento de recuperar a memoria familiar como eixo do libro, por exemplo.
– Xabier Paz (XP): Se cadra hai un fío común na relación pais-fillos, a importancia do ambiente familiar na construción do individuo. Tamén a especie de revelación que pode ser o amor… en fin, que se poñen en cuestión os valores familiares. Aínda que en As vidas de Nito hai máis humor e é unha novela máis ambiciosa. Porque é unha indagación na natureza humana, a través desas achegas heteróclitas das fichas que escribe Casiano e que lle mostra á neta. Todas debullan algunha cuestión: a vida física, o papel da arte ou da literatura, a relixión…
– P: Por iso houbo quen che dixo que era unha novela densa… Eu creo que só cómpre ler con máis atención algunhas partes.
– XP: É certo que a novela contén moitas consideracións, reflexións que ilustran as distintas facianas da natureza humana, desde o desastre da influencia da educación relixiosa católica á importancia do corpo… Cuestións estéticas e morais diversas, da ética á política ou mesmo a gastronomía… Pero eu creo, como dicía, que tamén hai humor, que pode ser divertida de ler…
– P: O protagonista é un home cun atraso do crecemento que viviu sempre acomplexado. Apuntas á escravitude creada pola moda no capitalismo, pero tamén á creación social do concepto de “corpo normal” que procede xa da Antigüidade…
– XP: É que os seres humanos vivimos en sociedade e iso supón a creación de normas de tipo moral e estético que levan a que o estraño sexa obxecto de mofa, rexouba… E xa era así cos ananos, bufóns, coas persoas como Quasimodo, moito antes do culto ao corpo actual, que é unha escravitude aínda máis forte. Hai moitos nichos de negocio dedicados ao corpo, pero non ao cultivo da mente e do saber. Non hai, por exemplo, academias no sentido clásico, helenístico, escolas situadas á marxe do ensino regrado para o cultivo da mente. O único que hai é para o lecer, que ten un compoñente sobre todo escapista: pastillas, macrodiscotecas… un lecer que non busca o pracer precisamente no enxeño.
– P: Un dos aspectos máis tratados no libro é a decepción da xeración que loitou contra os últimos anos do franquismo. As mentiras da Transición e da democracia e tamén a autocrítica: eran, dis, como intelectuais afastados da realidade…
– XP: Cando a neta lle pregunta a Casiano se está arrepentido de algo, el di que se cadra terían que facer menos cousas e dun xeito máis ordenado. El é un home que non atendeu os afectos familiares, que escolleu a tribo de afectos dos militantes coma el, e que esborrallou cando viu que eses valores de modernización nos que crera non se facían realidade, porque a xente non quería saber nada de afondar na democracia, senón de consumir. E así foi. Ninguén puxo en cuestión nada nin pediu desculpas por nada, aí quedou Juan Carlos despois de ser posto por Franco, aí quedaron os mesmos poderes, aí quedaron as promesas dunha socialdemocracia que pensabamos que ía traer a modernidade, o Estado de Benestar… Tamén hai autocrítica, si, no sentido de que Casiano admite que eran inxenuos, maniqueos… Pero é que por debaixo da ideoloxía está a antropoloxía. Somos animais humanos que conservamos os nosos instintos por moi envolvidos en cultura que andemos. Hai moitas explicacións do mal: a relixiosa do pecado; a do psicanálise (Eros e Tánatos…), pero está aí. Na entrega da xeración de Casiano había tamén soberbia, altiveza intelectual porque pensaban que sabían máis… Agardabamos a modernidade, pero todo quedou no que a socialdemocracia europea quixo que quedase. (…)”