Bases do XIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
Entrevista a Xosé Luís Axeitos arredor da súa edición da Poesía de Manuel Antonio
Entrevista de Ana Romaní a Xosé Luís Axeitos no Diario Cultural da Radio Galega:
Betanzos: presentación de Perdemos o tren, de Manuel Monge
Lugo: Cilistro na memoria vida de Lugo, no centenario de Celestino Fernández de la Vega
Entrevista a Cris Pavón no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Percorremos coa autora, Cris Pavón, as páxinas de Sangue 12, unha novela vampírica arredor da adolescencia, o feminismo ou as tecnoloxías, que publica Urco na colección Alcaián.”
Cuestionario Proust: Emílio Xosé Ínsua
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Emílio Xosé Ínsua:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A entrega ao traballo e ser moi testán.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade, a integridade, a honradez.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada que elas non agarden de min.
4.– A súa principal eiva?
– Ser algo iluso.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, ver cine, investigar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar tranquilo coa miña xente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro nin amentala, non vaia ser…
8.– Que lle gustaría ser?
– Co que “son” teño abondo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza ceibe futura.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A gardenia.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Blanco Amor.
14.– E na poesía?
– Rosalía, especialmente a de Follas Novas.
15.– Un libro?
– As Décadas de T. L., de Lois Tobío.
16.– Un heroe de ficción?
– O Rañolas de Os dous de sempre.
17.– Unha heroína?
– María Balteira.
18.– A súa música favorita?
– Son policonsumidor.
19.– Na pintura?
– Luís Seoane, Maruxa Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña avoa Consuelo: esforzada vida, amor inmenso, lingua.
Meus pais: un exemplo de entrega impagábel e un afecto intensísimo.
21.– O seu nome favorito?
– O da miña filla, Aloia.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O autobombo e o trato prepotente.
23.– O que máis odia?
– O odio, precisamente.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera das, desafortunadamente, moitas que se caracterizaron por impedir coas súas decisións que outros seres humanos fosen/sexan máis libres e felices.
25.– Un feito militar que admire?
– A orde de “rompan filas”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Contar con graza os chistes. Debuxar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Pracidamente e con dignidade (e o máis tarde posíbel).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Serio e instrospectivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non danan outras persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– Fixo todo o que puido sempre coa mellor intención.”
Ars dedicandi: José Ángel Valente
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia.
Andrea Maceiras gaña o 6.º Premio Meiga Moira, de 2014
O Xurado,
formado polas escritoras Marica Campo e Conchi Regueiro, María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o venres día 19 de setembro de 2014, resolveu conceder por unanimidade o 6.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil á obra presentada baixo o lema Sherezade.
Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada pola escritora coruñesa Andrea Maceiras Lafuente, que leva como título Miña querida Sherezade e proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos.
O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:
«É opinión unánime deste xurado que, na referida obra, sobresaen características tan notorias como a dunha excelente estrutura especular e unha non menor fluidez narrativa. As historias d’As mil e unha noites son a base dun texto que xera repetidas e novidosas narracións por volta da ficción e doutras realidades literarias. En resumo, a obra acaba por ser unha exacta e plural homenaxe ao libro e a lectura».
A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que dez alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.”
Entrevista a Rosalía Fernández Rial
Entrevista
a Rosalía Fernández Rial na revista dixital Palavra comum:
“- Palavra Comum (PC): Que supõe para ti a poesia/literatura?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Primeiro, unha maneira de entender a existencia, de estar no mundo. Vivir como poeta, para min, ha de transcender o acto de escribir e abrirnos novas perspectivas sobre a realidade que nos rodea. Logo, toda manifestación literaria supón, ao meu entender, un xeito especial de comunicación co/a “outro/a”, tanto no proceso de lectura como na transmisión oral ou visual das composicións. E, por último, aínda que non menos importante, a poesía que valoro como tal ten que sublimar a linguaxe, xogar con ela e darlle a volta.
Por outra banda, penso que a poesía ha de servir tamén para verbalizar o inexplicable, aquilo que resulta imposible de racionalizar. Mais non como medio terapéutico, senón como forma diferente de comprensión e cognición. (…)
– PC: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, plástica, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– RFR: Eu creo moi firmemente na interdisciplinariedade e deféndoa en todos os ámbitos do meu traballo. A arte é unha e moitas ao mesmo tempo. Mais penso que sempre vas ter unha que é a “túa”, o teu xeito natural de expresarte e de chegar, desde el, ás demais. É como unha lingua materna inicial que, logo, che abre paso a outros idiomas; sabes cal é a lingua un (L1) porque é a que dominas, a que levas dentro, non só de xeito racional, senón, sobre todo, intrinsecamente, forma parte de ti. Logo, desde aí, podes e debes entender o prisma comunicativo do que formas parte porque só así entenderás por completo a túa propia linguaxe.
Todos os poemarios que publiquei foron ilustrados ou “traducidos” a diferentes manifestacións plásticas –dentro e/ou fóra do libro- por distintos pintores; sempre os levei a escena e, nesas dramatizacións, sempre existiu unha banda sonora, unha música composta ex profeso para tales intervencións. Máis recentemente tamén ando a experimentar co ámbito audiovisual. Desde pequena, cursei acordeón no conservatorio e fixen teatro. Non obstante, entendo todas esas manifestacións desde a literatura, desde a poesía; cando subo a un escenario ou penso pezas teatrais, cando escoito música, cando vou ao Centro de Arte Contemporánea ou cando vexo un filme, se teño que explicar o que sentín, recorro á “lingua materna”, en xénero lírico e en galego. Logo, existen traducións, pero o natural é o primeiro. (…)”




