O
sábado 20 de setembro, ás 12:00 horas, na Librería Cascanueces (Rúa Cordonería, 10) da Coruña, preséntase Pasen e miren, de María Canosa, con ilustracións de Dani Padrón, publicado por Bululú. No acto, xunto a autora e ilustrador, participa Pablo Zaera.
Marga Romero: Novos datos para a biografía de Rosalía de Castro
Artigo
de Marga Romero en Sermos Galiza:
“Hai uns poucos anos a Familia Tobío, que ten unha páxina na rede, fixo públicos dous manuscritos de grande importancia da autoría de Luís Tobío Campos, Memorias, que se inicia en 1883 e Crónica de la familia. A Crónica que comeza en Viveiro en 1905 vai anotando datos significativos da familia, o matrimonio, o nacemento de cada fillo e filla, nove, quen van ter a súa correspondente ficha, en que se dá conta das enfermidades da infancia, do crecemento, do peso e dos seus estudos. Hoxe xa non se atopan estes textos na rede, eu léraos daquela, inducida pola biografía do primeiro fillo do autor, Lois Tobío Fernández; lin, sen o facer ben, as Memorias que estiveron aí para o público. Hoxe teño copia destes textos pola xenerosidade da familia. Foi o estudo da escrita do Eu o que me achegou de novo a eles, o que me obrigou a determe nas Memorias e ficar abraiada.
Deixarei para outro momento a análise deste texto, en que o autor decide escribir para lembrar os acontecementos máis notábeis da súa vida. Escritas entre o 4 de novembro de 1883, día en que cumpre 23 anos, e 1938, ano da derradeira anotación que fai referencia ao mal estado de saúde, a nota anterior é de 1931, data da súa xubilación; o autor morre en 1943 en Compostela. Nas primeiras páxinas, achega o vivido máis importante até 1883, despois escribirá o máis notábel por anos. Comeza o relato baixo o título, “Mi nacimiento y linaje”, e é aquí cando fala dos seus devanceiros cando nos proporciona un dato que eu creo de suma importancia, cando fala da súa avoa paterna que aínda vive, María Josefa Martínez, filla de Miguel Martínez e Manuela Viojo: “Un hermano de esta abuela llamado José fué capellan mayor de la colegiata de Iria (y padre natural de la popular escritora Rosalía Castro, de Padrón, esta tal Rosalía tuvo un hermano que murió en la infancia, y está actualmente casada con el historiador Murguía.)”.
Na anotación que corresponde ao ano 1885 sinala que “el 15 de julio falleció Rosalía Castro Murguía, a quién había visitado en el día de la pascua 5 de marzo en Padrón; la tisis puso fin a los días de la insigne cantora de Galicia. (…) El parentesco que comigo tiene fue causa de que yo procurase conocerla, a cuyo fin le había escrito hace como dos años, a cuya carta contesto. Este día (5 de mayo) me regaló su retrato y su última obra En las Orillas del Sar”.
Que o pai de Rosalía de Castro sexa José Martínez Viojo, como semella probado, e que Luís Tobío Campos chegase a visitar a Rosalía de Castro, son datos que non aportan nada novo, mais a existencia dun irmán da poeta morto na infancia, mudaría moito as cousas. Non sabemos o que hai de certo, nestas palabras escritas, tampouco tiña ningunha razón pola que mentir ou fabular, poida que se trabucase e que a súa memoria de 23 anos o enganase. Descoñezo este feito. (…)”
Xurxo Souto: “Fascinoume a casa do Courel con follas de bacallau na fachada”
Entrevista a Lara Rozados no Diario Cultural
Entrevista a Lara Rozados no Diario Cultural da Radio Galega arredor da súa obra O caderno amarelo:
Cuestionario Proust: Begoña Díez
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Begoña Díez:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A empatía.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A empatía, a sinceridade, a inquietude, o sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade…
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade e ás veces o inconformismo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Aprender.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Atopar o camiño á felicidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Renderme.
8.– Que lle gustaría ser?
– Feliz, así de simple e de complicado.
9.– En que país desexaría vivir?
– Postas a pedir, nun máis xusto e igualitario.
10.– A súa cor favorita?
– Depende do momento e do estado de ánimo.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As margaridas de cores, de calquera cor.
12.– O paxaro que prefire?
– O colibrí.
13.– A súa devoción na prosa?
– Kafka, Beckett, Amelie Nothomb, Mary Shelley…
14.– E na poesía?
– María do Cebreiro, Daniel Salgado, Andrea Nunes, Lois Pereiro, Beckett, Sylvia Plath, Vicente Huidobro, Allen Ginsberg, Jean Arp…
15.– Un libro?
– Sempre.
16.– Un heroe de ficción?
– Sísifo.
17.– Unha heroína?
– Esther Greenwood.
18.– A súa música favorita?
– Depende do momento…
19.– Na pintura?
– Munch, Eduardo Naranjo…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Rosa Parks, As trece rosas…
21.– O seu nome favorito?
– Gabriela e Xiana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de empatía, gran mal da sociedade.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza e a intolerancia, en calquera ámbito da vida, e a falta de sinceridade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Calquera feito de revolución do pobo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don das linguas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Coa conciencia tranquila de que fixen e dixen todo que quería dicir e facer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A espera.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula.
30.– Un lema na súa vida?
– Somos un segundo na vida das pedras.”
Polafía en Arteixo: Músicas, cantos, contos e historias do Concello de Arteixo, o xoves 18 de setembro
O
xoves, 18 de setembro, ás 19:30 horas, no Centro Cívico Cultural (Paseo Fluvial, s/n) de Arteixo, e con entrada de balde, terá lugar unha nova Polafía, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, e a colaboración do Concello de Arteixo, Asociación Cultural-Deportiva “Polos Camiños de Arteixo”, Asociación Cultural “Monte da Estrela” e Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arteixo.
O acto contará coas intervencións de:
Purificación García Borrazás e Manuel Caridad Martínez (de Armentón).
Carmen Martínez Fuentes (antiga percebeira).
Carmen Furelos (recitadora).
Baldomero Capelán (poeta popular).
Pilar Añón Dopico (narradora).
Xabier Maceiras (historiador).
Francisco A. Vidal (escritor).
Josefina Souto Pan (narradora).
Jesús Miranda Iglesias (construtor de gaitas).
Xosé Iglesias (poeta e mariñeiro).
María Rozamontes (investigadora).
Gonzalo García (presidente da Asociación de Xubilados e Pensionistas).
Isidro Novo (recitador).
Música:
Óscar Miranda Lodeiros.
Proxección:
Durante o desenvolvemento da polafía proxectáranse fotos antigas cedidas pola Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arteixo.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o patrimonio oral, literario e musical. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio. O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber. O que sucede nas polafías é gravado e logo difundido a través da web da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
As polafías teñen unha duración aproximada de 120 minutos.
Sarria: entrega do XIV Premio Fiz Vergara Vilariño a Marcos Abalde
As Pontes: presentación de As señoras cousas, de Helena Villar
O
venres 19 de setembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco das Pontes, preséntase As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro, publicado por Galaxia. No acto, xunto á autora, participa Francisco Castro.
Gondomar: presentación de dun lago escuro
Xosé Neira Vilas, Premio da Cultura Galega 2014
Desde
Galaxia:
“O escritor Xosé Neira Vilas, a Galería Trinta, o actor Cándido Pazó, o Festival de Ortigueira, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), o profesor David Mackenzie, o Grupo Marcelo Macías e o Centro PEN Galicia son os galardoados deste ano cos Premios da Cultura Galega, que constitúen un recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural.
Conformado por representantes das principais institucións culturais e profesionais independentes, baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o xurado dos premios reuniuse onte na Cidade da Cultura de Galicia para determinar, entre un total de preto de 40 candidaturas, os galardóns das oito modalidades que conforman os premios: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua.
Na modalidade de Letras o premiado foi o escritor e académico Xosé Neira Vilas, un dos nomes máis destacados e dos escritores máis lidos da literatura galega actual. Autor de numerosos artigos en revistas e xornais, e fundador da Editorial Follas Novas con Anisia Miranda, Neiras Vilas é un dos narradores que mellor describiu a dureza da vida campesiña e o sentimento de desarraigo do emigrante galego. (…)
Xunto co titular de Cultura e Educación formaron parte do xurado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Maximino Zumalave Caneda, en representación do presidente do Consello da Cultura Galega; Henrique Monteagudo e Manuel Quintana Martelo en representación da Real Academia Galega e da de Belas Artes, respectivamente; e Gloria Pena Uris, secretaria xeral da Universidade de Vigo, por delegación do reitor.
Completaron o xurado tres persoas de prestixio no ámbito cultural como son a profesora e investigadora de literatura galega Blanca-Ana Roig Rechou; o produtor e presidente do Clúster Audiovisual Galego, Andrés Barbé Riesco; e a pianista e directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez González. Actuou como secretaria Cristina Fabeiro, subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural.
Na edición 2014, o premio para distinguir a excelencia cultural en cada unha das modalidades consiste nunha obra do pintor ourensán Antón Pulido, que lles será entregada aos premiados nun acto a final de ano. (…)”



