Xabier López: “É unha novela que vai encadeando historias, pode ser entendida como moitas novelas”

Entrevista a Xabier López en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como é esa novela que se sae do habitual?
– Xabier López (XL): Creo que o xurado foi valente nese sentido, porque escolleu unha novela pouco convencional. É unha novela fragmentaria pero non minimalista. Creo que diría o contrario: que é maximalista. É unha novela que vai encadeando historias, pode ser entendida como un libro de pequenas novelas, pero tamén ten unha continuidade.
– LVG: ¿Cal é o fío argumental de todas as pequenas novelas?
– XL: Son cen anos da historia de Galicia, desde finais do XIX ata finais do XX. Pero o que a novela conta en conxunto, o que teñen en común as novelas é a narración de dominacións e sometementos de tipos diferentes, desde o autor sometido aos lectores, pasando pola a guerra de Cuba ou Sidi Ifni, chega ata os anos oitenta.
– LVG: Unha historia de Galicia e de dominación. ¿Cre que Galicia é un país sometido?
– XL: Non é nese sentido. O sometemento ou a dominación son historias universais, pero estas son historias universais contadas desde o punto de vista galego, contadas desde aquí.
– LVG: ¿Como cre que resultará a proposta para os lectores?
– XL: A estas alturas está todo inventado e creo que a proposta é máis que asumible para os lectores e que mesmo permite que cada lector escolla como quere participar na novela.”

Antonio Fraga: “A miña preocupación é que o libro non resultase condescendente nin brando para os rapaces”

Entrevista a Antonio Fraga en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Debutar cun premio como o Merlín que significa?
– Antonio Fraga (AF): Primeiro unha sorpresa moi grande. En segundo lugar supón un respaldo moi grande porque me gusta moito escribir e aínda que non sei se podo adicarme a isto, si que me axuda a seguir escribindo, a fixarme unha actividade diaria.
– LVG: ¿Por que comezou pola literatura infantil?
– AF: É un xénero que me gusta. Creo que lin máis literatura infantil de adulto que de neno, pero é un xénero no que me gusta escribir. Pero tamén empecei por casualidade: a miña cuñada quedou embarazada e pensei en escribir algo para a súa filla, para regalarllo cando nacera. Gustoume a experiencia e seguín.
– LVG: ¿Como describe a historia coa que gañou o premio Merlín?
– AF: O primeiro é que é unha historia que non quere ser condescendente cos rapaces. Non quería abrandar as cousas, nin falarlles como se non fosen capaces de entender algunhas decisións duras. Estiven moi preocupado por iso mentres escribía porque quería evitar caer nese tipo narracións.
– LVG: ¿Cre que na literatura infantil se abusa dese tipo de relatos?
– AF: Creo que depende dos autores. A quen eu tiña medo mentres escribía era a min mesmo, a caer involuntariamente nesa escrita.”

Xosé Carlos Caneiro: “Sigo escribindo sobre personaxes límite que viven en situacións límite”

Entrevista a Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que reunir textos tan diversos [A máscara de Ulises]?
– Xosé Carlos Caneiro (XCC): Hai dous motivos, o primeiro é xuntar a narrativa breve que fun facendo e ver como encaixa. O outro é que moitos deses textos corrían o perigo de perderse se non acaban nun libro.
– LVG: ¿Que encontrou ao colocalos xuntos nun volume?
– XCC: O primeiro foi unha evolución estilística. Hai unha gran diferenza de xeito de escribir aínda que os argumentos sobre os que escribo vanse mantendo: personaxes límite que viven en situacións límite. No libro evitei a orde cronolóxica para situar os relatos porque quería esa mestura de épocas e de estilos. (…)
– LVG: ¿Cales son os cambios?
– XCC: Estou escribindo con menos adxectivos, con menos cualificativos. Creo que é unha escrita menos barroca, máis simple. Facendo un pouco de autocrítica diría que a miña literatura anterior tiña ouropel de máis. No que estou traballando agora é en eliminar ese exceso. Pero non é fácil.
– LVG: A súa relación cos lectores ou co mundo cultural parece difícil. ¿Por que cre que é así?
– XCC: É unha relación de amor e odio. Hai xente que me quere ben e xente que me desquere moi ben. Como se non houbera termo medio. Pasa tanto cos libros como cos artigos. Co mundo cultural pásame igual, tamén é de amor e odio. Pero xa o teño asumido, parece que ten que ser así e non me preocupa.”

Máis de catrocentas voces soaron en Bonaval-Compostela na xornada No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Foi un concerto único, cálido e particularmente emotivo arredor da figura de Rosalía de Castro. O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, organizaron a xornada No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía celebrada o 7 de xuño nunha ateigada igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Máis de catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantaron os poemas Maio longo, Rosa de abril, En Cornes e Negra sombra, acompañados polo grupo de metais Hércules Brass e dirixidos por Maximino Zumalave. A xornada veu sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos (1863). Pola mañá os nenos e nenas participantes visitaron a Cidade da Cultura, onde realizaron o ensaio xeral. O concerto debía celebrarse na Praza da Quintana, mais as previsións meteorolóxicas aconsellaron levalo a Bonaval fuxindo da chuvia que, cumpridora da predicción, non faltou á cita. (…)
O acto foi presentado e conducido pola escritora Fina Casalderrey e acolleu tamén as intervencións de Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, e de Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Á igrexa de San Domingos de Bonaval acudiron asemade o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, e a Xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, entre outras autoridades e representacións. (…)”

Vídeos da Gala das Letras 2013 (VII): entrega dos premios Bos e Xenerosos e Mestres/as da Memoria

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Intervencións na entrega dos premios Bos e Xenerosos. Pódese ver nesta ligazón.
– Intervencións na entrega dos premios Mestres/as da Memoria, con Antonio Reigosa. Pode verse aquí.

Ourense: actividades literarias destacadas do sábado 8 e domingo 9 na Feira do Libro

O sábado 8 e domingo 9 de xuño remata a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 8
13:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
19:00 h. Teatro Antroido representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.
20:00 h. Presentación do libro A máscara de Ulises, de Xosé Carlos Caneiro, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Víctor Freixanes, director da editorial.

Domingo 9
20:00 h. Presentación do poemario Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado por Redelibros.
20:30 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado por Redelibros.
A partir das 19:00 horas, os autores asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.