Ourense: actividades destacadas do martes 3 na Feira do Libro

O martes 3 de xuño comeza a Feira do Libro de Ourense (na Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

20:00 h. Inauguración da Feira. Pregón da escritora Yolanda Castaño.
21:00 h. Recital e coloquio arredor do libro A segunda lingua (XI Premio Fundación Nova Caixa Galicia), da escritora Yolanda Castaño.

Compostela: presentación da triloxía Ámote Leo A., de Rosa Aneiros

O mércores 4 de xuño, ás 17:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, publicado por Xerais. A autora manterá unha conversa coas persoas integrantes do Club de lectura “IES Caldas Letras” do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis. Ámote Leo A. Terminal de… chegadas? é o terceiro volume da triloxía Ámote Leo A.

Tabela dos Libros de xuño, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega outra volta a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»

Cuestionario Proust: Marilar Aleixandre

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Marilar Aleixandre:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Talvez o perfeccionismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O espírito crítico.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me acompañen no camiño (ás veces por causas perdidas).
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade adopta moitas formas, o amante, os libros, camiñar polo monte entre os abruñeiros en flor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a capacidade de razoar.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gústame ser o que son, escritora e investigadora sobre o pensamento crítico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Eu vivo aquí en Galicia porque é onde quero vivir.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor do abruñeiro, ou a cerdeira, as maceiras, a rosa ventureira, as flores de cinco pétalos desas árbores (da familia da rosa).
12.– O paxaro que prefire?
– O animal que prefiro é o lagarto arnal, supoño que vale por estar emparentado cos dinosauros e as aves.
13.– A súa devoción na prosa?
– Conrad.
14.– E na poesía?
– Sylvia Plath.
15.– Un libro?
Dart (é o nome dun río) de Alice Oswald.
16.– Un heroe de ficción?
– Corto Maltés.
17.– Unha heroína?
– Scout Finch, a protagonista de “Matar un reiseñor” de Harper Lee.
18.– A súa música favorita?
– Uns días a sonata para piano e violín en si bemol K378 de Mozart, outros Lester Young ao clarinete (mellor que ao saxo) tocando “I cover the waterfront”.
19.– Na pintura?
– O autorretrato de Kazimir Malevich, o autorretrato de Egon Schiele (“Poeta”).
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Rosa Luxemburgo, que pagou coa vida ser crítica co seu país e o seu partido.
21.– O seu nome favorito?
– Kalypso (é o nome dunha amiga grega).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Choromicar, facerse a vítima.
23.– O que máis odia?
– O machismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco, pois tiven que aturalo.
25.– Un feito militar que admire?
– A deserción.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Mentres estou durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Esgazada entre varios proxectos que quero facer a un tempo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula.
30.– Un lema na súa vida?
– Rebelarse contra o establecido para mudalo.”

Gondomar: visita de Anxos Sumai ao Espazo Lectura

O martes 3 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, remata a tempada 2013-2014 do Sete Vidas cun libro de Anxos Sumai. Nesta ocasión a autora estará na biblioteca a partir das 21:00 horas para falar da súa novela A lúa da colleita cos lectores e lectoras da súa obra que queiran acudir.

Ramón Villares: “A cultura ten un inxusto sambenito de ser un lugar de subvencións”

Entrevista a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
Ramón Villares Paz acaba de ser reelixido presidente do Consello da Cultura Galega. Será o seu derradeiro mandato ao fronte desta entidade, uns anos nos que as novas tecnoloxías e a acción exterior estarán moi presentes.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Enfróntase á terceira etapa de xeito distinto ás dúas primeiras?
– Ramón Villares (RV): Cada etapa é distinta. Agora hai outro contexto histórico. A primeira foi de reorganización interna; na segunda fixemos unha tentativa de sobrevivir en tempos de crise; e esta terceira vai estar presidida por unha maior presenza na rede e unha recuperación ou un impulso da acción exterior.
– LVG: ¿É o de agora outro contexto histórico pola crise?
– RV: Non soamente. Na cultura temos cambiado moito, pero non nos damos moita conta. Coas novas tecnoloxías e a rapidez da información, hai moitas máis posibilidades de que un poida estar presente, crear, facer un blog, un documental, e iso muda a nosa forma de entender a cultura. Tamén cambian os públicos, que xa non son estáticos nin cautivos que veñen a unha sala pechada a escoitar unha conferencia. (…)
– LVG: Se saímos da crise, ¿cultura e institucións sairán reforzadas?
– RV: É probable. A crise obriga a todos os sectores a medir mellor os seus obxectivos e priorizar. A cultura non é dos que peor utilizou os seus recursos. É unha oportunidade para depurarse e funcionar mellor. A cultura ten un sambenito de que é un lugar de subvencións, que é un floreiro. É profundamente inxusto, xa me dirás qué pasa coa agricultura, a pesca ou a automoción. Habería que substituír a PAC (política agraria común) pola PEC (política europea da cultura).”

Tui: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O luns 2 de xuño, ás 20:00 horas, na sala Félix Rodríguez da Biblioteca Municipal de Tui, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Helena Pousa.

Pontevedra: relatorio arredor de A voz quebrada. Da memoria histórica e do terror fascista, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O martes 3 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa Oliva, 24), terá lugar un relatorio, organizado polo Ateneo de Pontevedra, arredor do libro A voz quebrada. Da memoria histórica e do terror fascista, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto intervirá, xunto ao autor, Xosé Álvarez Castro.

Finalistas dos Premios Xerais 2014

Desde Xerais:
“Nas reunións celebradas na tarde do 30 de maio polos xurados dos Premios Xerais 2014 no castelo de Soutomaior declaráronse as finalistas de cada un dos tres premios literarios convocados pola editorial.
O xurado da XXXI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e nove obras, formado por Avelina Rodríguez Gil (Profesora), Susana Pedreira Buján (Xornalista), Montserrat Dopico (Xornalista), Marta Fernández Alberte (Profesora), Benxamín Rioboo Sanluís (Libreiro) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: Sebastian Nell, Dende o conflito e A mirada de Ismael.
O xurado da VI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e catro obras, formado por Cristina Novoa Fernández (Asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), Dolores Sans Boga (Profesora), Mariña Castro Fontao (Alumna de 3º da ESO), Minia Monteagudo Vilavedra (Alumna de 4º da ESO), Sabela Salgueiro Couto (Alumna de 1º de Bacharelato) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: O Gran Reino, Silencio e Genet.
Por último, o xurado da XXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e catro obras, formado por Eulalia Agrelo (profesora e Presidenta de ELOS-Galicai), Romina Bal Botana (licenciada e filoloxía galega e blogueira), Nuria Díaz Berride (Ilustradora), Miguel Vázquez Freire (profesor), María Isabel Vázquez Rosales (mestra) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas Animais con ánima, Último voo, Escarlatina e Amencerá canda o sol.
Os tres xurados determinarán as obras gañadoras na súa segunda reunión, a celebrar o sábado 7 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.”