Antón Riveiro Coello: “Acaso a literatura non é unha marabillosa mentira aceptada por todos?”
Entrevista
a Antón Riveiro Coello en Noticiario Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Como é Antón Riveiro Coello como escritor? Como define a súa obra?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Coido que son un escritor curioso, atento, sempre na procura de historias. E a miña obra non é outra cousa que a orde de todas esas curiosidades. (…)
– NG: Tocou todos os xéneros, máis narrativa sen dúbida, pero tamén houbo algo de poesía… Que lle permitiu cada un deles?
– ARC: A poesía é unha iluminación, un abismo para min e ponme moito respecto. Eu son fundamentalmente narrador e síntome máis cómodo na novela e no relato que na poesía. De aí que as miñas experiencias na poesía adoiten ser narrativas. Limaiaé é un libro de poemas limiaos que xurdiu dun compromiso cos amigos e do que estou satisfeito porque foi unha viaxe moi especial pola memoria da Limia e o seu río. (…)
– NG: Son importantes os premios para a Literatura? Para o sector como tal?
– ARC: Precisámolos para a normalización dunha literatura. Dicir que hai moitos premios ou moitos escritores é o mesmo que protestar porque un bosque ten moitas árbores. Os premios cumpren varias funcións como a de confirmar carreiras, abrir camiños ou facerlles publicidade aos propios libros o que pode poñer medras nas vendas do sector. A min os premios servíronme para o máis importante, que non é outra cousa que atopar unha editorial de prestixio como Galaxia. De feito, dende o ano que gañei o García Barros nunca máis me volvín presentar a un premio porque o fundamental xa estaba conseguido.
– NG: Xa para ir rematando, como valora a situación da literatura actual Antón? Mirando cara a literatura galega, como diría que se atopa?
– ARC: Hai un nivel de altura. A verdade é que, malia a invisibilidade á que nos condenan e á situación pola que está a atravesar o galego, a nosa literatura nada ten que envexar a outras literaturas. A parte de fenómeno da poesía, sempre tan frutífero no noso país, ou da literatura infantoxuvenil, nos últimos anos eu salientaría a diversidade e a consolidación dunha xeración de narradoras tan interesantes como Teresa Moure, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Inma López Silva, Berta Dávila, María Reimóndez, Eva Moreda, Uxía Casal, Rexina Vega, Iolanda Zúñiga e moitas outras. (…)”
Xulio Xiz: “Xosé María Díaz Castro era ante todo un amigo”
Cuestionario Proust: O Leo
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a O Leo:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A capacidade crítica.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– A irresolución.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pensar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ter tempo para pensar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter tempo para pensar.
8.– Que lle gustaría ser?
– Honesto.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza ceibe. Se non, Brasil ou New York, tamén Londres.
10.– A súa cor favorita?
–
11. – A flor que máis lle gusta?
– A borraxe.
12.– O paxaro que prefire?
– A laverca.
13.– A súa devoción na prosa?
– Kafka, Cortázar e Ferrín.
14.– E na poesía?
– Ferrín, os haiku, Ronseltz, Daniel Salgado, Pavese, Pessoa, Catulo, Lois Pereiro, trobadores galaico-portugueses…
15.– Un libro?
– A Correspondencia de Manuel Antonio, que agardo convenientemente re-editada (non reimpresa).
16.– Un heroe de ficción?
– Bartebly.
17.– Unha heroína?
– María a Balteira.
18.– A súa música favorita?
– O punk.
19.– Na pintura?
– Duchamp.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Leo (en masculino e feminino).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O asoballamento.
23.– O que máis odia?
– A humillación.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Alberto Núñez Feijoo.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución dos Caraveis.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A empatía.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Loitando.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Contente.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O desleixo.
30.– Un lema na súa vida?
– Só se consegue o que se ama con indiferenza (Cesare Pavese, nunha lectura taoísta).”
Concentracións de Queremos Galego!, o sábado 17 de maio ás 12:00 horas
O sábado 17 de maio, ás 12:00 horas, terán lugar 8 actos centrais de Queremos Galego! Neles será lido o manifesto Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!, feito por Marica Campo. Os lugares concretos son os seguintes:
– A Coruña: A carón do Teatro Rosalia de Castro (confluencia das rúas Real e Rego de Auga).
– Ferrol: Praza de Armas.
– Foz: Praza do Conde de Fontao.
– Lugo: Xardíns de San Roque (diante da estatua de Xoán Montes).
– Ourense: Alameda (diante da estatua de Eduardo Blanco Amor).
– Pontevedra: Praza da Peregrina.
– Santiago: Porta Faxeira.
– Vigo: Manifestación con saída de Vía Norte.
Guitiriz: acto da Real Academia Galega no Día das Letras Galegas
Adolfo Caamaño gaña o XXIII Certame Manuel Murguía con A geisha no bosque
Adolfo Caamaño
coa narración titulada A geisha no bosque de bambú é o gañador da XXIII edición do certame de narracións breves Manuel Murguía. Os finalistas foron os escritores Pedro Larrañaga e Antón Vázquez. O premio está dotado económicamente con 3.700 euros e a publicación da obra gañadora..
O xurado, formado por Modesto Fraga Moure (membro da AELG), Margarita Fernández Ledo (profesora do IES de Pastoriza), Juan Tallón Salgado (gañador da anterior edición) e coordinado por Julio Mancebo, decidiu nunha xuntanza realizada o 26 de abril elixiu os 3 finalistas, que recibiron un pergamiño artesanal manuscrito e elaborado en pel natural.










