Desde
Galaxia:
“Dende o pasado mércores 14 de maio ata o domingo 18, María López Sández e Francisco Castro tiveron ocasión de participar no Europäisches Festival des Debütroman de Kiel que se celebra nesa cidade alemá.
A literatura galega tivo presenza, na semana das letras galegas, neste importante festival que concentra escritores de toda Europa para cinco días nos que partillar ilusións, establecer contactos, falar de libros e edición e, en definitiva, compartir os asuntos do oficio das letras.
María López Sández e Francisco Castro mantiveron encontros co alumnado da Universidade de Kiel, tanto co grupo de estudantes de galego da profesora e investigadora Antía Marante, como co estudantado de español. Ao tempo, e dentro das actividades do Festival, tiveron ocasión de debullar asuntos relacionados coa creación literaria. (…)”
VII Concurso Literario Rosa de cen follas, do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Emboscadas na representación colonial, por María Reimóndez
Artigo
de María Reimóndez en A Sega:
“A pesar de que o ton habitual sobre a tradución en Galicia poida facernos pensar que o máis vital é a escolla de tal ou tal outra palabra e a súa relación ou non cun certo estándar, tradición literaria ou anovación, hai xa décadas que a teoría da tradución retrotrae as súas análises a un marco previo e moito máis amplo ca este. O estudo da tradución comeza coa propia decisión de traducir unha obra e non outra. Este tema que pode parecer abstracto de máis cobra unha corporeidade inusitada cando nos enfrontamos a textos como o que hoxe me ocupa, Emboscadas no gran Norte, da autora catalá Margarida Aritzeta. Resulta sen dúbida intrigante saber por que para narrar supostamente as vidas dos “indios” (e uso o masculino e o termo colonial moi á mantenta) montañeses do Canadá para un público galego xuvenil se escolla traducir unha obra escrita por unha catalá no canto de escoller, dado que vai ser unha tradución de todas todas, algún dos fantásticos textos que dende como moi tarde o século XIX levan producindo as autoras de distintos pobos orixinarios americanos.
Agora ben, con isto non quero dicir que por ser catalá ou galega ou chinesa unha teña que limitar o seu espazo literario a un espazo xeográfico ou cultural concreto e predefinido. Por suposto que se podería argumentar que a visión dunha personaxe “mediadora” pode ter un valor engadido de interpretación para un público que mira tamén dende fóra (pero son o público catalán e galego falante o mesmo? Teño as miñas dúbidas). O importante, ao meu ver, é entender esa mediación como un acto político de tremendo peso, sobre todo entre dous polos opostos da colonización, porque as interaccións desiguais entre culturas resultan sempre un lugar complexo; intentar narrar a outra dende a mentalidade occidental esixe, ao meu ver, un esforzo de autoanálise e autocrítica sen parangón. (…)”
Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño
Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.

Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.
Santiago: Xosé María Díaz Castro: Nimbos de luz, conferencia de Armando Requeixo
O
luns 19 de maio, ás 20:00 horas, no Ateneo de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19), Armando Requeixo pronunciará a conferencia Xosé María Díaz Castro: Nimbos de luz, arredor do autor homenaxeado este 2014 co Día das Letras Galegas. O acto finalizará cun recital poético a cargo dos membros de teatro Ditea.
A Coruña: recital de Alfonso Pexegueiro e Ming Di no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
19 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Alfonso Pexegueiro e a poeta chinesa Ming Di. Máis información aquí: Folleto Di(n)versos maio 2014.
Dez, cen, mil veces Díaz Castro, por Mario Regueira
Artigo
de Mario Regueira en Sermos Galiza:
“A festividade das Letras coincide sempre cunha abondosa aparición de libros e outros materiais sobre a persoa homenaxeada. Dalgunha forma iso é o mellor e o peor que a celebración trae cada ano. Por unha banda, a capacidade de seguir a marcar os ritmos da industria cultural do país, fomentando en ocasións a recuperación de obras descoñecidas, perspectivas pouco exploradas e materiais inéditos. Do outro lado, a débil liña que separa ás veces a homenaxe do oportunismo, algo que se ten manifestado en máis dunha edición da efeméride a través de tensións editoriais e mesmo persoais.
Nesta ocasión, probabelmente esteamos ante un caso especial. Díaz Castro, autor dun único libro, acadou unha ampla popularidade dunha forma tamén pouco habitual, sendo algúns dos seus poemas amplamente coñecidos, mentres o resto da súa circunstancia e da súa obra permanecía nun discreto segundo plano. A concesión do Día das Letras neste 2014 centra a difusión destes aspectos en persoas e entidades que lle foron particularmente próximas ou que mantiveron vivo o interese no guitiricense durante estes últimos anos, alén de pular para que o grande recoñecemento póstumo da cultura galega se fixese efectivo. (…)”
Ourense: encontros de María Canosa con alumnado do Colexio Concepción Arenal
O
luns 19 de maio, ás 12:00 horas, no Colexio Concepción Arenal de Ourense (Rúa Juan Manuel Bedoya, 22), María Canosa manterá un encontro con alumnos de Educación Primaria arredor do seu libro Matías, un pito de campionato, publicado en Galaxia.
No mesmo espazo, ás 16:00 horas, manterá outro encontro con alumnado de 3º e 4º de ESO, arredor do libro Faíscas, tamén publicado por Galaxia.
Vídeo con poema de Isaac Xubín
Vídeo sobre un poema de Isaac Xubín. Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
A Estrada: presentación de Marxinados, de Pepe Carballude
O
martes 20 de maio, ás 20:00 horas, no IES Manuel García Barros da Estrada, preséntase a novela Marxinados, de Pepe Carballude, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Loureiro e Francisco Castro.

