Antonio Reigosa: “As revistas orais buscan novos públicos para a cultura”

Entrevista a Antonio Reigosa en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como surxiu este proxecto das chamadas revistas orais?
– Antonio Reigosa (AR): Modestamente, foi unha idea miña, que lle propuxen no seu día á xerencia da Rede Museística Provincial. O que buscan estas actividades é crear novos públicos para a cultura, ofrecer unha información básica sobre determinados asuntos para espertar a curiosidade e animar á xente a achegarse aos museos, utilizando para iso un formato lixeiro e atractivo. Ás conferencias que se ofrecen son moi curtas, de só dez minutos de duración, e están acompañadas de actuacións musicais, non só para amenizar os contidos, senón tamén porque a música é un elemento fundamental da nosa cultura. (…)
– LVG: ¿Non hai outra forma de acceder a estas revistas orais que non sexa asistindo persoalmente a elas?
– AR: Todas as edicións que se organizaron en Lugo foron gravadas en vídeo e por agora ese material está arquivado. Nalgún momento haberá que decidir o que se fai con esas gravacións, porque estaría ben difundilas en Internet e poñelas ao alcance de todo o mundo. Antes haberá que editalas convenientemente e darlles unha forma atractiva, porque de momento son gravacións en bruto, que non foron montadas nin retocadas de ningunha maneira. Nestes dez anos ofrecéronse conferencias e intervencións de moito interese que sería importante recuperar e divulgar e algunhas teñen un especial valor histórico porque correron a cargo de personalidades culturais que xa faleceron. Agora ben, dámoslle moita importancia ao feito de que estas actividades se ofrezan en vivo e que os espectadores poidan intervir tamén dalgunha maneira, mantendo pequenas conversas cos relatores.”

Abato, videopoesía de Esferobite en colaboración con Antía Otero sobre un poema de Xela Arias

Poema de Xela Arias. Videopoesía realizada por Esferobite en colaboración con Antía Otero para a Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, un evento realizado polo Consello da Cultura Galega o 26 de Marzo de 2014 en Santiago de Compostela.

Lugo: revista oral A voz dos lemavos, nº 2 (24 de maio de 2014)

Desde a Rede Museística Provincial de Lugo:
“O próximo número da revista oral A voz dos lemavos dedicámolo a As artes do viño. Desenvolverase o sábado, 24 de maio de 2014, ás 18:00 horas no Museo Pazo de Tor, Monforte de Lemos (Lugo). Duración aprox.: 1:30 h. Coordina: Antonio Reigosa. Entrada libre e gratuíta.

SUMARIO
– Portada musical: Fox trop Río Douro, Tundal (3’).
– Arqueoloxía do viño: Lagares rupestres na Ribeira Sacra. Nota duns achados, por Iván Álvarez Merayo (10’).
– Música: Foliada de Tenorio, Tundal (3’).
– Poesía do viño (I): Poemas extraídos do libro Do Faro ao Miño, por Xosé Lois García (5’).
– Música: O cantar do arrieiro, Tundal (3’).
– O viño nos museos da Rede Museística: Trasfegando na adega, por Mª Rosario Fernández González (10’).
– Música: Cantares a capela, por Tundal (3’).
– Memoria do viño: Adegas monumentais e monumentos convertidos en adegas. Tesouros de pedra e viño ocultos na Ribeira Sacra, por Luís Díaz (10’).
– Poesía do viño (e II): Poemas extraídos do libro Do Faro ao Miño, por Xosé Lois García (5’).
– As rendas do viño: A importancia do viño na Casa de Tor, por Juan Márquez Barros (10’).
Música: O maio de Viveiro, por Tundal (3’).
– A arte de facer cestos: Conversa con Avelino García Pérez*, o cesteiro de Pincelo (10’).
– Opinión: Intervención do público (5’).
– Epílogo: por Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo (3’).
– Contraportada musical: Sabaxáns, por Tundal (3’).
*Avelino García Pérez, cesteiro de Pincelo, A Sariña (Chantada), elaborará no transcurso da revista oral un cesto tradicional usado para vendimar.

Propostas con premio: Oenach, de Marcos Abalde, por Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Marcos Abalde, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) Oenach, que resultou gañador da décimo cuarta convocatoria do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, cun xurado composto por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, constituirá a súa próxima publicación. Velaquí un diálogo inspirado neste libro.
– Ramón Nicolás (RN): Até o de agora a súa presenza como autor adheríase ao mundo da dramaturxia. Oenach supón algo máis que un cambio de xénero?
– Marcos Abalde (MA): A mim interessa-me umha literatura dissidente no político e também no género. Que nom se saiba muito bem se foi escrita por umha mulher ou por um homem, se é poesia ou teatro. Como nos ensinam os e as trabalhadoras da outra beira do Mediterrâneo, o melhor que podemos fazer com as fronteiras é saltá-las. (…)
– RN: Daquela, cal é a poesía que máis lle interesa hoxe, como lector e como creador?
– MA: Eu tenho umha simpatia natural pola gente rabuda, por isso admiro umha literatura que seja capaz de se confrontar com o tabu, que questione umha língua danada polo fascismo. Umha literatura que se negue a emigrar, quer dizer, que a sua simples presença implique a revolta. Umha literatura ciente de sermos mais um elo dumha cadeia de geraçons emudecidas. Teresa Moure, Patrícia Janeiro, Olga Novo, Chus Pato, Vanesa Sotelo ou Eva Freixeira som alguns dos nomes que estám a expandir esta fraga indomável.”

Vigo: actividades destacadas do venres 23 de maio na Feira do Libro

O venres 23 de maio comeza a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

12:30 h. Inauguración. Pregón a cargo do escritor Pedro Feijóo.
18:30 h. Xavier Vence e Xan Carballa asinarán na caseta da Libraría Andel.
19:00 h. Presentación do libro Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, publicado por Xerais. O autor estará acompañado no acto por Manuel Bragado.
20:00 h. Agustín Fernández Paz presentará o seu libro A viaxe de Gagarin, publicado por Xerais, acompañado no acto por Manuel Bragado.

Roque Cameselle: “O pequeno mago simboliza o coñecemento baseado na razón contra a superstición da Igrexa”

Entrevista de Montse Dopico a Roque Cameselle en Magazine Cultural Galego:
“Bieito Dubidoso é un neno que é quen de deixar a todo o mundo abraiado cos seus trucos de maxia. Mais as súas habilidades non lle gustan nada ao bispo de Tui, que exerce a tiranía sobre os veciños aproveitando a súa superstición. O pai de Bieito é un comerciante de éxito que tenta lidar como pode coa Igrexa, mais que só recoñece, no fondo, o poder civil. Porque as cousas están a mudar naquel Reino Medieval de Galiza. Disto fala o primeiro dos filmes que proxectará o festival de Cans este ano, O pequeno mago, de Roque Cameselle. Falamos co director desta película, e cos responsables de tres curtas de animación que tamén van poderse ver en Cans, Elizabeth Rodríguez, Iván Fernández e Bruno Martínez.
– Montse Dopico (MD): Primeiro veu o libro e logo a adaptación para cinema. Como foi ese proceso de adaptación? Animouvos a facer a película a boa acollida do libro?
– Roque Cameselle (RC): En realidade, o primeiro foi un guión que se converteu en novela. Despois da novela, fixen un novo guión adaptando a mesma historia aos debuxos animados. O problema principal era unha escena de Sara Homedouro que para os nenos considerábase non procedente. Acaba de saír unha edición especial do libro, que editou Xerais, que inclúe o DVD coa película en galego.
– MD: Querías contar unha historia do esplendor do Reino Medieval de Galicia, afastándote dos tópicos da imaxe dun país escuro, triste… E escolliches Tui. Por que?
– RC: Tratándose de describir unha cidade galega no medievo que puidera representar toda a historia de Galicia naquel tempo escollín Tui pola súa condición de raiana con Portugal e porque en pequena escala reproduciuse todos os avatares daquel reino. (…)
– MD: Yolanda Castaño fai a narración, nas voces hai actores ben coñecidos… Queres salientar algo dese equipo artístico e do técnico?
– RC: Na película, como en todas las de animación tradicional, participaron un monte de persoas, máis de trescentas. Destacar entre eles a xente máis salientable é un labor que se me fai imposible. O Pequeno Mago é ante todo unha obra colectiva.”