Posición da AELG sobre a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da RAG

Declaracións de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, sobre a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín:
“Lamento a dimisión do Presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, candidato da AELG dende hai 17 anos ao premio Nobel de Literatura, pola súa obra, e firme defensor do idioma galego e que se concretou presidindo unha Academia que tramitou o recurso a un Decreto que contiña medidas agresivas para o noso idioma e a súa planificación educativa.
Facemos un chamamento á responsabilidade dos académicos para que a institución á que teñen a honra de pertencer non sexa instrumento de intereses alleos á nosa cultura e ao noso idioma, que nada teñen que ver co fin para o que foi creada a Academia no seu día. E facémoslles un chamamento a que se manteñan firmes na defensa do ensino en galego e do noso idioma, como se fixo nesta última etapa. Sería lamentábel que se apartase, como fixo no pasado, dos seus labores fundacionais.”

A Pobra de Trives: V Congreso Manuel Luís Acuña. Nos tempos en que Acuña era bacharel, os 1 e 2 de marzo

O venres 1 e sábado 2 de marzo celébrase na Casa da Cultura da Pobra de Trives o V Congreso Manuel Luís Acuña, baixo o lema Nos tempos en que Acuña era bacharel, organizado polo Concello da Pobra de Trives, a Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e Nova Escola Galega, baixo a coordinación de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
A inscrición pode realizarse aquí.

PROGRAMA

Venres, 1 de marzo
16:45-17:00 h. Reparto de material. Presentación da exposición de libros.
17:00-17:15 h. Inauguración oficial.
17:15 h.
* Narciso de Gabriel: Historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galiza.
* Xoán Carlos Domínguez Alberte: Terra de Trives, 37 – Valentín Paz‑Andrade, 39: coordenadas do nacemento dun poeta.
* Francisco García Sánchez: Anos dez en Trives. Música d’Os Trintas.
* Rosa Cid Galante: Breve revisión á situación educativa do primeiro terzo de século XX no partido xudicial da Pobra de Trives e as primeiras mulleres que acceden aos estudos superiores.
* José Luis Fernández Díaz: A música e o ensino da música en tempos de Manuel Luís Acuña.
* José Fernández Fernández: Solpor escolar na terra do ilustre mestre Manuel Luís Acuña: situación escolar actual na Pobra de Trives, introducindo elementos evolutivos de reflexión dende o pasado; relatorio da experiencia da escola de Trives.
* Gregorio Ferreiro Fente: A obra poética en galego de Valentín Paz-Andrade.
* Mercedes Queixas Zas: O feito lingüístico diferencial. Apuntamentos ao redor da galeguización do ensino galego na Revista Nós.
* José Manuel Vázquez López: “La Gota de leche” en Lugo e o papel da muller.
* Marília Julieta Rodrigues Gomes Ruivo: O professorado em tempos de Salazar.
* Carlos Callón: Continuidade e innovación na concepción lingüística de Valentín Paz-Andrade.
* Delfín Caseiro Nogueiras: O papel dos inspectores na conformación da norma culta do galego.
20:30 h. Concerto de música blues e rock do grupo Triblues (Praza do Reloxo).
21:30 h. Representación d’A natureza no reino da escuridade (inspirada nos tempos en que Manuel Luís Acuña era estudante en Trives), de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Grupo de teatro A Illa, do IES da Pobra de Trives.

Sábado, 2 de marzo
10:00 h. Xosé Manuel Cid Fernández: Os mortos do 36. 75 cabo de ano do asasinato de Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río.
10:30 h. Ramón Nicolás Rodríguez: Manuel Luís Acuña. Poeta de culto, figura popular.
11:00 h. Ana Cebreiros Iglesias: A incorporación da muller ao ensino secundario e superior.
11:30 h. Debate.
12:30 h. A Voz da experiencia: ex-alumnos de Acuña na Academia Bóveda e ex-alumnos de Bacharelato de Trives (anos do franquismo).
16:00 h. Documental As Silenciadas (de Pablo Ces), baseado na experiencia das mulleres na guerrilla antifranquista.
17:15-18:00 h. Aurora Marco López: As mulleres na guerrilla antifranquista.
18:15-19:15 h. Xesús Alonso Montero: Lingua e Literatura galegas entre dous séculos.
20:00 h. Clausura e concerto de voz-percusión a cargo de Xiana Lastra e Juan Collazo.

Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (XI)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Reproducimos nesta Axenda os vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.

Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía. Presentación de Ángel Núñez Ramos

Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía. Intervención de Ángel Núñez Ramos

Gustavo Pernas acada o XII Premio Teatral Maruxa Villanueva

Desde Cultura Galega:
“A súa interpretación en Snakizados (Ancora Producións) acaba de valerlle a Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959) o XII Premio Teatral Maruxa Villanueva, concedido polo Concello de Padrón con 1.200 euros, diploma e un busco de bronce de Maruxa Villanueva. O xurado destacou do galardoado a traxectoria multifacética así como a súa firme vontade de resistencia en “tempos agresivos para as artes escénicas”.”

Ribeira: crónica do Día de Rosalía 2013

Desde a A. C. Altofalante coméntannos o seguinte sobre o acto do Día de Rosalía en Ribeira:
“O acto de Rosalía que celebramos o sábado 23 de febreiro na Casa do Pescador en Ribeira ás 19:00 horas foi todo un éxito, superando con creces o aforo e obrigando a varias persoas a presenciáreno en pé. Participaron na lectura xente de todo tipo, desde unha nena de 6 anos até unha anciá ou unha moza estadounidense. Entre os lectores estiveron tamén Quico Cadaval, Carlos Callón e Santi Páramo. Ao comezo do acto lemos o Manifesto da AELG.” Aquí van tres fotos do acto:

Convocado o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

“O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con varios medios de comunicación escritos, convoca o IX Premio a artigos xomalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013 cos seguintes obxectivos:
– Incentivar a reflexión sobre a situación social da lingua galega.
– Crear espazos nos medios para fomentar o uso do idioma galega.
– Promover o uso do galega na prensa escrita.
Os interesados/as poden descargar as bases ao completo nun documento en pdf nesta mesma convocatoria.
Destino: Poderán participar neste concurso de xeito individual todas aquelas persoas que o desexen, sen límites de idade, nacionalidade, profesión, etc.
Prazo: O último día para entregar os artigos é o 11 de abril de 2013, tanto no Rexistro do Pazo da Cultura como en calquera oficina de correos.
Adxudicación: O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida capacidade no ámbito ao que se refire a convocatoria e por un secretario ou secretaria, con voz e sen voto, en representación do Concello de Carballo. Outorgarase un único premio de 1.000 euros brutos e a publicación do artigo en todos os medios colaboradores.

Toda a información aquí.

Xosé Luís Méndez Ferrín dimite como presidente da Real Academia Galega

Desde Praza, Sermos Galiza e El País:
Xosé Luís Méndez Ferrín presentou a súa dimisión como presidente da Real Academia Galega. Este domingo remitiu unha carta na que informaba da súa renuncia, que se formalizará no próximo plenario da institución, que se convocará en breve. O escritor tamén renunciará á súa condición de membro numerario da RAG. No texto agradece a todos os membros da Executiva ao Secretario e “á maioría dos académicos e académicas polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente”. Porén, explica que algúns “académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”. Méndez Ferrín pecha a súa carta de renuncia cun “Viva e floreza a Academia Galega! Viva Galicia ceibe!”.
Este luns o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, denunciou nunha entrevista en La Voz de Galicia un intento de “colonización” da institución por parte do ILG e do Consello da Cultura. E a Mesa pola Normalización Lingüística pediu “explicacións” por supostas “presións” para que a RAG “non presentase o recurso en defensa do galego no ensino”. Na entrevista Axeitos denunciaba “a colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva”.
Referíase ao ILG e ao Consello da Cultura Galega e engadía que “segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda”. A respecto destas declaracións o comunicado da Mesa esixía que ILG e Consello desen “explicacións urxentes” e que “se hai xente nesas institucións máis interesada en facerlle a pelota a Núñez Feijóo que en defender o galego, o que deberían facer é dimitir canto antes, porque están a prexudicar tanto a esas institucións como ao conxunto da cultura galega. A corrupción ética tamén é reprobábel”. (…)”