O
xoves 2 de agosto, ás 20:00 horas, na librería de El Corte Inglés de Vigo, Miguel Anxo Fernández asinará exemplares das súas obras na librería de El Corte Inglés de Vigo, entre elas Lume de cobiza e O sabre do francés, publicadas en Galaxia.
A Coruña: actividades destacadas do mércores 1 na Feira do Libro
Comeza
a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do mércores 1 de agosto son:
– 13:00 h.: Pregón a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– 18:30 h.: Presentación de Os poemas do río, de Cristina Corral e Aurora Cascudo, publicado en Everest Galicia.
– 19:00 h.: Presentación de O peizoque Roque, de Dores Tembrás, publicado en Galaxia. Participan Francisco Castro e Xosé Tomás.
– 19:30 h.: Sinatura de libros de As catro estacións de Vivaldi, de José Antonio Abad, publicado en Kalandraka.
– 20:00 h.: Lectura de Manuel Rivas: Conto inédito de O máis estraño, un capítulo de Todo é silencio e inéditos do libro de próxima aparición en Xerais titulado As voces baixas. Ao remate da lectura, Manuel Rivas asinará exemplares da súa obra.
O Centro Dramático producirá dúas obras de Roberto Vidal Bolaño
Con
ocasión Día das Letras Galegas dedicado a Roberto Vidal Bolaño en 2013, o Centro Dramático Galego presentou a programación especial coa que quere lembrar un dramaturgo fundamental para a escena do país. Deste xeito, o vindeiro mes de abril está prevista a estrea dunha montaxe para público adulto a partir do texto Días sen gloria, que iniciará despois unha xira por todo o país ata xuño. Para o segundo semestre do ano estrearase a obra infantil Touporroutou da lúa e do sol, que pretende percorrer centros de ensino. Para alén destas producións propias do CDG, o programa desta entidade en homenaxe a Vidal Bolaño inclúe tamén un ciclo audiovisual no que se proxectarán as gravacións das diferentes obras do autor, incluíndo un coloquio nun formato que pretende recuperar o espírito dos cineclubes. O programa desenvolverase no propio Salón Teatro e mais na Escola de Arte Dramática de Vigo. Lecturas dramatizadas a cargo de alumnos das aulas de teatro universitarias de Santiago, Vigo e Ourense é outra das propostas do programa. Para rematar, o CDG porá en marcha o Premio Roberto Vidal Bolaño ao espectador, polo que un xurado composto por traballadores do Centro premiará as mellores propostas e suxestións que faga o público do Salón Teatro. (…)” Vía Cultura Galega.
Fornelos de Montes homenaxea a Manuel Lueiro Rey
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Onte estiven por Terras de Fornelos de Montes, o concello no que nacera o 9 de abril de 1916 o narrador e poeta Manuel Lueiro Rey, a quen se homenaxeaba co gallo da Convocatoria do I Premio de Poesía que levará o seu nome e que será fallado alá polo abril próximo. Con tal motivo, tivo lugar un acto literario no salón Multiusos do concello no que participaron diversos oradores amenizados pola Coral San Lourenzo do propio Fornelos, sesión que se viu complementada por un Outlet do Libro Galego que levou adiante naquela vila o grupo de Editores de Compostela e que gozou de grande acollida entre a veciñanza. (…) Cómpre salientar que o acto literario foi todo un éxito, tanto pola centenar asistencia ao mesmo coma, sobre todo, polo feito de ter sido arroupado por numerosos familiares do homenaxeado (algúns dos seus fillos, xenros e noras, amais de netos e sobriños políticos) e, tamén si, por contarse entre o público diversos persoeiros e autoridades que sería longo enumerar, mais que resumirei na persoa de Mariví Villaverde, a heroica escritora galega compañeira de fatigas do chorado Ramón de Valenzuela, unha das voces senlleiras da nosa escrita do pasado século. (…)”
Rianxo: Residencia de Escritoras e Escritores de Axóuxere
“(…)
Intentando que o proceso de investigación nas formas de vida que realicen o creativo se expanda, Axóuxere, co apoio do Concello de Rianxo, pon en marcha un programa de Residencias para Escritores e Escritoras, na casa que a editora dispón na parroquia de Leiro, na aldea de Brión, dentro do Concello de Rianxo, ao lado da coñecida Praia das Cunchas. Esperamos con isto enriquecer o espectro creador contemporáneo, e dar pé a entender que hai sendas comunitarias e de despregue que non fincándose no consumo, produtivismo nin na dependencia material do exterior, permiten realizar unha vida ética, e experiencialmente aberta, en colaboración con outr@s. Agardamos que esta proposta sexa do voso interese, e perdure no tempo.” Toda a información aquí.
Mario Regueira: “A crise é unha guerra económica contra unha parte da poboación á que se tenta culpar con mentiras”
Entrevista
a Mario Regueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Un dos personaxes principais de Outono aquí, Guillerme, non é quen de enfrontarse ao seu propio pasado. Algo semellante pasaba en L’affiche rouge: persoas que fuxían da súa realidade… Por que?
– Mario Regueira (MR): Cando concibo as novelas non vexo tanta continuidade, pero é certo que a xente notou iso, e que se cadra poño o foco en personaxes que tentan solucionar os seus conflitos internos, atopar o seu lugar, acomodar o peso do seu pasado cunha perspectiva incerta do seu futuro… Non é algo feito a mantenta de modo consciente, pero si é certo que no meu modo de entender a narrativa ten que ver con darlle moita importancia a eses conflitos internos. (…)
– P: Teresa Moure propón unha visión queer da literatura galega. E cita como un dos exemplos desta perspectiva a túa obra. É certo que a homosexualidade está presente en todos os teus libros, con ese enfoque de superar os binomios dominantes, non si?
– MR: É certo que eu teño unha aposta persoal, e política, de visibilización desa realidade, e de creación dun discurso sobre ela. Porque os seres humanos somos ricos en experiencias, non somos ou branco ou negro, non ten sentido encasillarnos. Aínda que se consideras o que é o queer fóra de aquí, tampouco é tan doado encaixar os meus libros niso, pois está presente máis ben en tramas secundarias… (…)
– P: O silencio é o título do teu novo poemario. Aínda que o silencio e as súas consecuencias están moi presentes no resto da túa obra, non si?
– MR: No caso de Silencio é en concreto a pausa entre os bombardeos. Nas guerras non todo son bombas, non todo é tan ruidoso e evidente, pero hai cousas que ocorren en silencio e producen un efecto tan malo ou peor. E se cadra todo iso é hoxe máis verdade que nunca. A crise é unha guerra económica que se fai contra unha parte da poboación á que se pretende culpar con mentiras, con ideas vagas como que “vivimos por enriba das nosas posibilidades”. En realidade é todo unha gran agresión de banqueiros, políticos… Ninguén nos está bombardeando, pero chegará un día en que lembraremos o que está a pasar como lembraron os nosos pais e os nosos avós os escenarios de despois da guerra. (…)”
Betanzos: inauguración da exposición Querido Balbino, con Xosé Neira Vilas
O
martes 31 de xullo, ás 19:00 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, inaugúrase a exposición Querido Balbino, que conmemora o 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego. No acto, organizado pola A. C. Eira Vella, participará o seu autor, Xosé Neira Vilas.
A distopía tornouse realidade: a ficción científica como metáfora do control total
Reportaxe
en Praza:
“(…) Atl gañou o premio Blanco Amor 2011. E chegou ás librarías ao mesmo tempo que 15.724 de Xesús Constela, a historia dunha Patria asentada na mentira. Galaxia editou, tamén hai pouco, 2044 de Eduardo Santiago. A ficción científica é un xénero cada vez máis desenvolvido na literatura galega. Mais a súa presenza nas nosas letras non é un fenómeno recente. O investigador Jorge Emilio Bóveda prepara un ensaio sobre o tema. “A primeira novela que podería considerarse de protociencia ficción galega foi dun galego afincado en Cuba: Luís Otero Pimentel. O libro titulouse Campaña de Caprecórneca (A Habana, 1898) e describía unha viaxe á lúa na liña das dos precursores da ciencia ficción moi anteriores a Xulio Verne”, explica. (…)
“Pero non veríamos un rexistro concreto do xénero ata 1926 cando Rafael Dieste publica no seu libro Dos arquivos do trasno un conto titulado 11926, na liña de A máquina do tempo de H.G. Wells, facendo comezar, ao meu ver, non exactamente o xénero da ficción científica en galego senón o subxénero da utopía negativa (distopía) ou a ucronía, que non estouparía ata os anos setenta coa obra Elipsis e outras sombras de Xosé Luís Méndez Ferrín”, engade. (…)”
O Carballiño: coñécense os premiados na Insua dos Poetas
“O
vindeiro sábado, 28 de xullo, terá lugar na Insua dos Poetas (Esgueva, O Carballiño) a IV edición da Festa da Palabra, dedicada este ano a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento e no cincuenta aniversario de Longa noite de pedra. Na xornada, que dará comezo ás once e media da mañá, descubrirase a escultura Irmaus, do artista ourensán Manuel Penín, e realizarase a entrega dos premios Sete carballas da Insua dos Poetas, que onte deu a coñecer o xurado. Nas principais categorías os galardonados foron Víctor Campio, en literatura; Alfonso Sucasas, a título póstumo, no apartado de artes plásticas; Antonio González, párroco de O Irixo, en medio ambiente; a Asociación Ourensana de Hemofilia en Acción Social; e o Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires no ámbito da Emigración.” Vía La Voz de Galicia. Crónica posterior do acto no mesmo xornal e en Galicia Hoxe.
Mini e Mero levan o premio Día da Galiza Mártir
“A
Fundación Alexandre Bóveda decidiu homenaxear este ano o traballo a prol da memoria histórica de Xosé Luís Rivas Mini e mais Baldomero Iglesias Mero. Os dous investigadores e músicos recibirán o vindeiro 17 de agosto en Pontevedra o premio Día da Galiza Mártir. O galardón recoñece, segundo a fundación, a preocupación por investigar a represión franquista así como un importante traballo de divulgación mediante cancións coma Romance de cego á caída de Manuel Ponte ou Comandante Moreno ou As Cunetas ou o disco Silencios na memoria, realizado co grupo A Quenlla e que está centrado nesta temática.” Vía Cultura Galega.