Marín: presentación de Sermos Galiza

A quinta feira, 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Marín, decorrerá o lanzamento público de Sermos Galiza en Marín. Participan neste acto Marga Romero, Francisco Carballo e Xosé Lois o Carrabouxo. A Asociación Queremos Galego Marín, organizadora do acto, agasallará os asistentes cunha actuación musical de Carmen Gallego, Laura Romero e César Loureiro.

Vigo: presentación de Vigo. A explosión dos ’80

O xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei), preséntase o libro Vigo. A explosión dos ‘80, con fotografías de Víctor de las Heras e textos de Fernando Franco, publicado en Xerais. No acto, en que participan Manoel Soto, Antonio Sangabriel, Nicolás Pastoriza, Fernando Franco, Víctor de las Heras e Manuel Bragado, terá lugar unha proxección de fotografías do libro cunha selección musical dos ‘80.

Baiona: presentación de Presos e prisións na Galicia de Guerra e Posguerra, de Domingo Rodríguez

O xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Capitanía Marítima de Baiona (Rúa Elduayen, 20, 1º andar), preséntase o libro Presos e prisións na Galicia de Guerra e Posguerra (1936-1945), do historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, publicado en Galaxia.

Gales: seminario sobre aspectos da obra de Xavier Queipo

A Universidade de Bangor (Gales) organiza o venres 2 de decembro arredor un seminario arredor dalgúns aspectos da obra de Xavier Queipo, quen aproveitará a súa estadía no País de Gales para presentar Artico 2.0, e Extramunde, Premio Xerais de Novela 2011. Reproducimos o programa:

Xavier Queipo is one of Galicia’s leading, most original narrative voices. In 2011 he was awarded the prestigious Xerais literary award (which is granted every year by Galicia’s leading publishing house). This one-day symposium aims to bring his work to the attention of Welsh and British audiences, by bringing researchers, students and writer together and encouraging new discussions on the role of the literary writer in contemporary Galician culture.

Venres 2 de decembro. 1-4 pm. Conference Room 3.
13:00 h. Benvida pola Dr Helena Miguélez-Carballeira.
13:15 h. Dr. Cornelia Gräbner: Poetic Disruptions of the Neoliberal Etiquette: The European Constitution in Verse.
14:00 h. Dr Kirsty Hooper: Xavier Queipo’s Glosarios: a model of relational poetics?
14:40 h. Xavier Queipo: Flux and mutability: Membranes and literature.
15:30 h. Mesa redonda (Audience participation will be encouraged!)
16:00 h. Peche.”

Vía Xerais.

Chus Nogueira di que Álvaro Cunqueiro se recoñecía nos contadores de historias e soñadores

Artigo de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“A profesora de Humanidades María Xesús Nogueira explicou onte que Álvaro Cunqueiro identifícase fundamentalmente con dous modelos de personaxes seus: o contador de historias e máis o soñador. Nogueira foi convidada polo club Valle Inclán para falar sobre o escritor mindoniense co gallo de cumprirse o centenario do seu nacemento. A experta atendeu a dúas facetas do autor na súa exposición, que son a de contador de historias e a de creador de personaxes.
Segundo comentou, o creador mindoniense estivo sempre pivotando entre o popular e o culto, entre Galicia e o mundo, mesmo o mundo da fantasía. A respecto do seu catálogo de personaxes indicou que “unha boa parte están inspirandos en xente de Mondoñedo e outra, nas lecturas máis queridas para el da tradición literaria”. En referencia aos tipos clásicos, apuntou que “vai levándoos de libro a libro, como é o caso de Merlín ou Simbad, porque vai creando modelos”. Nesas categorías, citou tanto o contador de historias e o soñador, que identifican ao escritor na súa obra, como outros que poden ser o paxe, o viaxeiro ou os personaxes do teatro. Como contador de historias, “fai un simulacro de literatura popular, de personaxe que está contando, polo que, para moitos, entronca coa tradición oral; eu creo que entronca cun modo de contar que el reivindica como un trazo da nosa identidade”. O que si fai é “anosar personaxes para achegalos a Galicia, aínda que outras veces se mete nas coordenadas da fantasía, como con Simbad”.”

Adelaida Vidal Vizcaya gaña a XII edición do Premio Vicente Risco de creación literaria

No Concello de Ourense, sendo as trece horas do día vinte e seis de novembro de dous mil once, reúnese o xurado nomeado para o Premio Risco de Creación Literaria de Ourense na súa duodécima edición, e que estivo composto polas seguintes persoas: Arturo Lezcano Fernández (envía a súa valoración por escrito), Xulio García Golpe, Constantino Pazos Sobrino, Fernando Méndez e Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco, sendo a Presidenta do Xurado a Concelleira de Cultura, Festas e Festival de Cine, Auditorio e Normalización Lingüística, Isabel Pérez González (sen voz nin voto). O Secretario fai constar o agradecemento a todos os membros do xurado pola súa participación.
Tras unha ampla deliberación, acordouse conceder o XII Premio Risco de Narrativa ao traballo presentado co título: Olladas. O xurado cualifícaa como unha novela na que cómpre salientar un relato minimalista, cheo de realismo e frescura narrativa. Con personaxes moi contemporáneos que apostan polos soños. A trama está sostida por un narrador omnisciente que “todo o sabe”, e no entanto non emite xuízos de valor, deixando que os personaxes teñan autonomía e identidade propias.
O secretario procede á apertura do sobre correspondente, resultando autora da obra gañadora: Adelaida Vidal Vizcaya. En proba de conformidade, subscríbese a presente acta da que eu como Secretario dou testemuño no lugar e data arriba citados.

Ourense, 26 de novembro de 2011

Luís Martínez-Risco Daviña.

A Coruña: homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz no seu bicentenario

“Hai agora cen anos a Real Academia Galega rendía homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) cunha ofrenda na súa vila natal e dedicándolle ao intelectual o número 50 do seu emblemático Boletín. Naquel exemplar de setembro de 1911 escribían enormes eloxios ao poeta e político de Viveiro Manuel Murguía, entón presidente da RAG, e Uxío Carré Aldao. Tamén se recuperaban para os lectores da época discursos e poemas de Pastor Díaz, mesmo unha curiosa peza en francés titulada Vie et mort. Un século despois, a Academia mantén viva a súa memoria e volverá lembrar ao autor de Alborada. Nesta ocasión a homenaxe non terá lugar no Viveiro de Pastor Díaz, senón na sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11). A Academia contará tamén coa colaboración da Universidade, que se sumará aos actos programados para o 1 de decembro. A xornada arrancará ás 17:00 horas cunha ofrenda floral na rúa Nicomedes Pastor Díaz, na que intervirán o sucesor de Murguía na presidencia da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, e a poeta Luz Pozo Garza. Ás 18:00 h. terá lugar o acto central da homenaxe na sede da RAG, na coruñesa rúa Tabernas. Luís Caparrós, vicerreitor da UDC e editor da poesía de Pastor Díaz, analizará o seu labor poético, faceta literaria na que afondarán tamén o investigador Emílio Xosé Ínsua e o académico Henrique Monteagudo. O doutor Fausto Galdo, pola súa banda, lembrará a relación do intelectual coa súa vila natal e, por último, o académico e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández dará conta da intensa actividade política do deputado Pastor Díaz.” Vía La Voz de Galicia e Cultura Galega.

Sela, Arbo: Homenaxe a Evaristo de Sela

“Evaristo González Fernández (Sela, 1917-Vigo, 1994) foi catedrático de grego de ensino medio e, entre outros labores, traduciu ao idioma galego as dúas grandes obras da literatura clásica: A Iliada e a Odisea, publicadas a finais dos anos 90 polo Consello da Cultura Galega e distribuidas por Editorial Galaxia na colección Clásicos Greco-Latinos, que dirixiu durante anos o profesor Manuel Díaz. O pasado domingo 27 de novembro, na aldea da Granxa, na parroquia de Sela, concello de Arbo, á beira do río Miño, no sur de Galicia, amigos e veciños lembraron ao autor nunha sentida homenaxe que congregou a numeroso público. Ademais dos organizadores do acto, a Asociación Cultural Evaristo de Sela (Agapito Valado e Manuel Álvarez), falaron o profesor Xesús Alonso Montero, o catedrático de grego da Universidade de Santiago, Juan José Moralejo; o escritor e director de Galaxia, Víctor F. Freixanes; o alcalde de Arbo, Xabier Simón, e a filla do homenaxeado, Stella Maris González. Rapaces e rapazas do concello leron poemas de Evaristo de Sela e os versos de Homero en lingua galega, traducidos por aquel. “É un acto de xustiza, en memoria dun home autodidacta, nado na aldea, que co seu esforzo estudou os clásicos grecolatinos e, en tempos moi difíciles, quixo poñer na lingua dos seus os versos do gran poeta grego”, explicou na súa intervención Alonso Montero.” Vía Galaxia.

Un ano sen Francisco Fernández del Riego

Artigo en La Voz de Galicia:
“A frutífera vida de Francisco Fernández del Riego apagouse a tarde do venres 26 de novembro do 2010. Hoxe hai un ano que a cultura galega perdeu ao seu patriarca das letras, un home entregado sen fisuras á causa da cultura galega dende ben mozo, ata que as forzas lle fallaron aos 97 anos e a parca o atopou prostrado na súa casa da viguesa praza de Compostela, cidade na que residiu na meirande parte da súa vida. (…)
Na Casa da Cultura Galega, que acolle á Fundación Penzol, inaugurouse o venres 25 de novembro a exposición No niño novo do vento, Cen anos con Álvaro Cunqueiro, que remata en Vigo o seu periplo por Galicia. Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia, organizadora da mostra coa Xunta e a Penzol, lembrou ao que foi cofundador da histórica editorial: “Don Paco é un personaxe que marca unha época na cultura galega fundamental, que representa a toda unha xeración arredor dos fillos de Otero Pedrayo e a República e que mantén o espírito da dignidade. O tempo converteraos en xigantes”, dixo.”