Compostela: faladoiro Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, por Iria-Friné Rivera Vázquez, o 25 de setembro

“O faladoiro Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, da man da historiadora da arte e escritora Iria-Friné Rivera Vázquez, terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o xoves, 25 de setembro, ás 19 horas. Presentado polo patrón do Museo Xosé Ramón Fandiño, o faladoiro pecharase cun coloquio aberto para debater conxuntamente. A entrada é libre até completar capacidade.
Será unha conversa centrada na exploración das temáticas e influencias presentes na novela de terror e fantasía Un ollo de vidro (1922) de Castelao. Concretamente, afondarase no xeito no que o autor resulta a man mestra que, xunto con Vicente Risco e Camilo Díaz Baliño, estableceu o xénero fantástico e terrorífico tanto na literatura como na arte galega.
Un ollo de vidro é unha sinerxía entre a cultura popular galega e as culturas de Centroeuropa e Europa Oriental materializando o sentido da universalidade, tanto como emancipación cultural como en contribución ao progreso da Humanidade. Como obra conta tanto con referencias a realidade coetánea como con citas históricas (a arte gótica, a arte flamenca), contemporáneas (o Romanticismo Negro), arte nova (cinema, deseño gráfico, ilustración e cartelismo) e vangardas (Expresionismo Alemán). Ao participar de todos este elementos, a obra de Castelao transcendeu o seu imaxinario ata albiscar moita da linguaxe cinematográfica que hoxe en día continúa vixente.”

Coplas do corazón de Antonio Tizón

Entrevista a Antonio Tizón en Radio Fene/Radiofusión:
“A editorial Elvira deu forma ao proxecto de Antonio Tizón e de todo o equipo artístico, coordinado por Eugenia Sanmartín, que o fixo posible. Está inspirado na figura de María Dominga Cordeiro García, unha muller analfabeta que gardaba centos de coplas na súa cabeza, unhas copras que lle cantaba ao seu neto preferido cando se sentaba con ela á beira da súa cama. Foi unha mera casualidade que o libro saía cando a Real Academia Galega lle adicou o Dia das Letras Galegas ás cantareiras. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Roteiro As vellas de Mens na cidade da Coruña, con Icía Varela e Xosé Manuel Varela, o 28 de setembro

O Roteiro As vellas de Mens na cidade da Coruña, guiado por Icía Varela e Xosé Manuel Varela, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

Un paseo por tres espazos coruñeses de vinculación artística coas Vellas de Mens, engalanado con interpretación colectiva do seu enxebre legado musical con pezas como a «pandeirada», o «maneo», o «pasodobre de Mens» ou a «muiñeira punteada» xunto cun «valse» e «chotis», este moi descoñecido.

Terá lugar o o domingo 28 de setembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será o Teatro Colón. Non é necesaria inscrición previa. Admítese que o público asistente leve instrumentos de percusión con ferreñas.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Miguel Anxo Fernán-Vello gaña o VI Premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán

Desde Somos Comarca:
“O Barco acolleu o sábado 20 de setembro unha noite de homenaxe á poesía no Teatro Lauro Olmo do Barco, onde se entregou o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán dotado con 3.000 euros. O galardón recaeu no escritor Miguel Anxo Fernán Vello, que se impuxo coa obra A porta da casa que se abre, nun certame que tamén tivo como finalistas ás autoras Cristina Ferreiro (A casa de barro) e Saray Rodríguez Pérez (Deixará de pasar algún día).
A cerimonia, que este ano tivo carácter solidario e por primeira vez contou cun prezo simbólico de entrada (5 euros), destinou a súa recadación a iniciativas de recuperación ecolóxica nas zonas queimadas polos incendios forestais no verán na comarca.
O nome do gañador foi anunciado polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, nun acto presentado pola actriz Iria Pinheiro e o músico Davide González. Ambos deron vida ao evento cunha posta en escena íntima e artística que combinou poesía, música e moito humor.
Segundo o xurado —composto por Emma Pedreira, Inma Núñez e Aleixandre Lago (gañador da edición anterior)—, a obra premiada destaca “pola súa intensidade lírica, imaxes evocadoras e a súa capacidade de emocionar ao lector”. Durante a súa intervención, Pedreira fixo referencia á traxedia ambiental vivida recentemente nos montes de Valdeorras e expresou o seu desexo de que “o vento semente esperanza e flores no futuro desta terra”.
O público asistente, entre os que se atopaban os alcaldes de Vilamartín, Enrique Álvarez, e Petín, Raquel Bautista, recibiu como detalle unhas bolsas con landras e castañas recollidas polos veciños de Alixo e Rubiá, simbolizando o compromiso coa reforestación e co medio ambiente.
Os poemas finalistas foron recitados en escena polos seus propios autores, agás no caso de Cristina Ferreiro, quen enviou un vídeo por non poder asistir ao acto. No seu discurso de agradecemento, Miguel Anxo Fernán Vello evocou a figura de Florencio Delgado Gurriarán e condenou “o xenocidio do pobo palestino por parte de Israel”. (…)”