Entrevista a Xosé Henrique Rivadulla en El Correo Gallego:
“(…) – El Correo Gallego (ECG): Gustaríame, en primeiro lugar que me falase da orixe deste libro, Chorente.
– Xosé Henrique Rivadulla (XHR): Este é un libro de relatos cunha singularidade, que están escritos dende hai moitos anos… arredor de 2006, porque eran unha colaboración no programa ‘As quimbambas’, da Radio Galega (RG). E este magazine acababa diariamente cun conto meu. Eses relatos quedaron aí, por sorte non se destruíron, e non sei moi ben por que, pero un día fun ver que me dicían eses relatos agora, despois de tantos anos. A min traíanme moitos recordos daquel tempo e iso suscitou que tivera ganas de editalos. Tamén me preguntaba se esa boa sensación que me causaran a min lla ía causar a alguén máis. Dinllos a Francisco Macías (editor de Positivas) e el considerou que si, que había e editalos. Por iso digo que é singular, porque son contos que non naceron para ser editados e ademais estiveron moito tempo sen pensar neles e agora saen á luz.
– ECG: A obra tamén ten unha estrutura un tanto curiosa…
– XHR: Os relatos naceron breves porque consideraba, que ao seren lidos na radio, o oínte podía perder a atención, que é o normal se é longo. Lidos na radio, cada un deles, tiñan unha duración duns dous minutos. Pensei tamén que estes contos tiñan que ter unha unidade, non era preciso que fosen todos distintos, así que se creou un pequeno universo. Todo pasa arredor unha vila que se chama Chorente, na radio non se chamaba así, e tamén arredor dunha lagoa, que é a que protagoniza o primeiro conto, o seu nacemento. Ao seren breves, moitas veces, o que se contaba necesitaba máis extensión e iso facía que esa historia se fose continuando noutros días. Hai por exemplo un relato, protagonizado por un almirante, que se chama o almirante Gagá, que chega a vivir a Chorente, sen que se saiba moi ben por que, xa maior. Pois ao longo de moitos días fomos contando a súa historia, a súa morte, a súa conversión en fantasma e a súa volta á vila, porque anque non estaba vivo seguíalle gustando estar alí. Así que, efectivamente teñen unidade, pero para quen o queira considerar así, tamén se pode ver coma unha novela, porque tamén conta a historia de toda unha vila con personaxes que se repiten. (…)”
Betanzos: presentación de De Galicia a Mauthausen, de Alba Garrido Fernández
Marta Dacosta gaña o IV Premio de poesía Filomena Dato
Desde Nós Diario:
“A poeta Marta Dacosta proclamouse gañadora do IV Premio de poesía Filomena Dato coa obra Papaventos abismados. O certame está convocado Concello de Bergondo e dotado con 2.500 euros e a publicación do volume na editorial Apiario.
O xurado, integrado por Alejandra Pérez Máquez, presidenta; e Antía Otero Rodríguez, Oriana Méndez Fuentes e Rosalía Fernández Rial como vogais, deliberou onte a vitoria do conxunto poético de Dacosta.
O xurado destacou á hora de outorgar o galardón a este conxunto poético a valoración da “temática da demencia, a vellez, o coidado e a preparación para a perda”. Na mesma dirección, significou a forza da súa escrita. (…)”
A Coruña: presentación de A pioneira, de Héctor Pena
Arteixo: novo roteiro literario con Xabier Maceiras, o 14 de outubro de 2023
Paula Carballeira. Teatro e memoria
Allariz: IX Festival Internacional de Poesía Poemagosto
Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2023. A dramatización na formación da identidade lectora
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A dramatización na formación da identidade lectora é unha actividade coordinada por Isabel Mociño, Carla Míguez e Verónica Pousada Pardo (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).
Vaise desenvolver o 25 e 31 de outubro e o 8 e 15 de novembro, ás 18:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. O programa pode descargarse aquí.
As persoas interesadas poden inscribirse, de balde, aquí.
Rcoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso).
A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O programa é o seguinte:
25 de outubro
Inauguración
Raquel Castro
Aprender sentindo, o teatro máis ca un xogo nas aulas
31 de outubro
Paula Carballeira
Breves instrucións para ler teatro
8 de novembro
Antón Cortizas
E se a escola fose un teatro? A tradición oral como recurso educativo
15 de novembro
Carlos Labraña
Non dramatices!!! Censura e autocensura no teatro infantil
A Coruña: curso de galego “Para avanzarmos na calidade do idioma. Curso de lingua”, por Xosé Manuel Sánchez Rei
Desde a A. C. Alexandre Bóveda:
“Os venres 6, 13, 20 e 27 de outubro, de 18:00 a 20:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º) da Coruña teremos unha nova edición do curso de galego, Para avanzarmos na calidade do idioma, impartido por Xosé Manuel Sánchez Rei.
O curso está pensado para aquelas persoas que, empregando o galego de forma habitual, desexan mellorar as propias destrezas orais e escritas. Organízase en varios módulos (ortografía, fonética, morfosintaxe, léxico etc.) de forma a incidiren nos aspectos que identifican una praxe lingüística de calidade.
As persoas interesadas en participar neste curso, poden inscribirse a través deste formulario.”









