Entrevista a Marilar Aleixandre e Xesús Fraga: “Queremos esquecer que en Galicia houbo fame, que a xente emigrou”

Entrevista de Héctor J. Porto a Marilar Aleixandre e Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“(…) «Sen memoria estamos incompletos. Pero lembrar é algo que ás veces suscita críticas, e percibes rexeitamento cando falas de cousas do pasado que non son bonitas. As experiencias que enfrontan tanto a novela de Xesús Fraga como a miña son moi duras. E queremos esquecer que en Galicia houbo pobreza, fame, que a xente tivo que emigrar, que houbo cárceres, que as mulleres morrían porque tiñan que abortar clandestinamente… Isto varríase debaixo da alfombra». Defende así a escritora galega Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) a necesidade de recordar: «Hai que mirar cara atrás para poder saber quen somos, de onde vimos, e explicar o noso presente». E ese exercicio de indagación é o que pon en marcha en As malas mulleres (Galaxia, 2021), novela na que rescata o penal coruñés de mulleres da Galera e coa que vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa, cobizado trono no que releva a outro galego, o xornalista de La Voz de Galicia e narrador Xesús Fraga (Londres, 1971), e a súa novela autobiográfica Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020), na que fai outro tanto ao reconstruír a historia da súa avoa na emigración.
Reunidos ambos os dous no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, analizan un recoñecemento que vén de fóra -que se suma ao que acadaran tamén de maneira sucesiva co Blanco Amor– e achega unha desexable visibilidade ás súas obras, vinculadas tamén pola súa tradución ao castelán no selo aragonés Xordica (a de Aleixandre chegará ás librarías nunhas semanas).
A pobreza, a fame, a falta de instrución… Volve sobre o pasado Fraga, que anota que na casa onde vivían nos 50 a súa nai e as súas tías a cociña era de leña e ían por auga á fonte coa sella. A maiores, razoa, lastraba a falta de expectativas. «Ti estás nesa clase social e xa dende dentro interprétase que non hai forma de saír de aí, como unha condena. As miñas curmás e mais eu fomos os primeiros universitarios da familia, non porque os anteriores fosen máis parvos, ou nós máis listos, é que a eles nin se lles pasaba pola cabeza pensar que alguén da familia estudase: eles sabían que o seu papel era traballar no que puidesen e traer á casa un aporte económico, non había opción». Por se fose pouco, a emigración foi o medio que a súa avoa tivo para superar o estigma de muller abandonada polo home, porque «iso era unha tacha como o era a das nais solteiras, ás que marchar lles permitiu empezar de novo e sacar adiante aos seus con dignidade e con cartos». (…)”

Carolina Rubirosa e César Morán: “Os trovadores partían da tradición oral das mulleres”

Entrevista a Carolina Rubirosa e César Morán na Televisión de Galicia:
“Recuperarmos cantigas da lírica medievais que foron escritas hai máis de 700 anos. Agora cobran vida no proxecto Soldadeiras de Carolina Rubirosa. Versos de João Mendes de Briteiros abren o disco, un soño con ritmos vangardistas e coa colaboración do tamén músico César Morán. A entrevista pode verse aquí.”

Elba Pedrosa: “O máis importante para crear é o amor”

Entrevista a Elba Pedrosa en El Correo Gallego:
“(…) – El Correo Gallego (ECG): A túa vida é para non aburrirse. A cantas cousas te adicas?
– Elba Pedrosa (EP): Esa palabra non a coñezo, nin a quero! Pero tampouco son tantas cousas, non o vexo así. Todo o que fago forma parte do mesmo universo, o de “contar historias”. Levo contándoas desde pequena, na casa, na escola, só que agora dei coas linguaxes máis acaídas para min. Gústame moito aprender, teño moitas inquedanzas e tento facer todas as cousas que me dan a vida e me ilusionan. Sen ilusión non paga a pena, porque non habería compromiso nin tampouco implicación.
– ECG: De todas elas, cal prevalece?
– EP: Sen dúbida a escrita e a televisión están entre todas as miñas querenzas maiores. Eu sabía de sempre que por estes lares andaba a resposta, a realización persoal, pero ata hai uns poucos anos non tiven a afouteza de plantarlle cara á miña propia realidade. A vida levoume a unha situación na que tiven que decidir entre seguir a facer o de sempre ou dar un salto ao baleiro. Escollín saltar e penso que non errei. Gozo co que fago, ás veces mesmo sinto que non é traballo. Con todo, dedicarse á cultura é un reto complicado e doloroso, e as máis das veces aturámolo pola paixón que sentimos polo oficio. Hai moitas correntes de aire neste abismo cultural que te fan tremer.
– ECG: Corren malos tempos para o oficio de periodista. Que se pode facer?
– EP: Seguir a tentar cousas novas, darlle outra volta máis, arriscar e insistir coas teimas. Se estás cansa, repousar, durmir sen complexos nin culpas, e volverte levantar. Nunca se pode perder a esperanza, a pesares de todo. Pódense botar sapos e esconxuros, chorar se é preciso. Eu choro moito, moitísimo. Tamén desafogo coas amizades, digo parvadas, e sempre hai alguén que me dá unha palmadiña no lombo e… lista! Sei que hai que empezar un novo día e tentalo outra vez ata chegarmos a meta que ansiamos. Ou preto.
– ECG: A literatura, ficción, claro, é rendible? Dá para comer?
– EP: O oficio vén sendo de sempre incerto e inestable. O factor sorte ten que estar presente na fórmula, xunto co esforzo e o talento. Hai algunhas autoras e autores galegos que viven disto. Mais é certo que resulta agotador aturar a presión, o desgaste emocional e económico. Os artistas estamos en todo momento para facer que os demais pasen mellor a vida, temos disponibilidade total. E está máis que demostrado que a nosa función social é importante, pero sempre temos que estar a demostrar o noso talento, a procurar oportunidades de traballo, a desbotar inseguridades tamén. Disto falo no meu novo libro, Agora que cala a noite, desa precariedade inherente ao eido cultural, desa tolemia conxénita do mundo das artes e da nosa querenza cega polo que facemos. (…)”

Manuel Rivas recibe a Medalla de Ouro ao mérito en Belas Artes

Desde Nós Diario:
“O Consello de Ministras e Ministros aprobou esta terza feira a concesión dun total de 33 Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes correspondentes ao ano 2022, entre cuxos galardoados se inclúe o escritor galego Manuel Rivas.
Ademais, foron galardoadas a escritora Rosa Montero, o músico Santiago Auserón, o actor Javier Cámara, o pintor Augusto Ferrer-Dalmau, a cantante Concha Buika, o produtor musical Jesús López ou a cociñeira María José San Román. (…)”