A Coruña: presentación de O outro lado da música, a poesía, de Luísa Villalta
A Coruña: conferencia Florencio Delgado Gurriarán: poeta valdeorrés, republicano e galeguista, por Ricardo Gurriarán
O 12 de xaneiro, ás 19:30, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18, 1º), dentro do ciclo Valdeorras infinda, Ricardo Gurriarán falará sobre Florencio Delgado Gurriarán: poeta valdeorrés, republicano e galeguista. Nesta palestra, Ricardo Gurriarán analizará a figura do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas de 2022 polo seu labor literario e o activismo político e cultural, que constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora –como sinala a Academia–, neste caso, no exilio mexicano. As persoas interesadas deben inscribirse previamente aquí.
Crónica videográfica da VI Xornada de Literatura Dramática (I)
A VI Xornada da Sección de Literatura Dramática. Artes escénicas e comunidade en tempo de distancias foi unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe os seguintes vídeos:
– Inauguración. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG e Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña (non puideron estar presentes representantes das outras entidades):
– Festival Pezas dun teatro do porvir. 1. Retake, de Amparo Martínez Paz:
A editorial Hugin e Munin celebra dez anos traendo outras literaturas ao galego
Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Hugin e Munin son os nomes dos dous corvos compañeiros de Odín que viaxan cada día arredor do mundo para recoller novas e levarllas ao deus nórdico. O nome de Hugin está asociado ao pensamento; o de Munin, á memoria. Hugin e Munin son tamén as figuras que bautizaron a editorial especializada en traducións fundada por Alejandro Tobar hai agora dez anos, pensada para recoller información sobre o vasto mundo literario e achegala á Galiza.
Até non hai moito tempo, unha editorial especializada en traducións era, segundo unha opinión moi estendida, unha aventura sen futuro. En 2005 Rinoceronte Editora inaugurou esa nova vía e a tradución, un elemento de normalización imprescindíbel para calquera cultura, comezou a abrirse paso na realidade cotiá das persoas lectoras do país.
“Cando comezamos, vimos que faltaba unha editorial xeralista de alta literatura”, comenta Tobar en conversa con Nós Diario. “Comezamos con Bukowski e Mark Twain, e axiña incorporamos nomes como os de Mary Wollstonecraft ou Thomas Hardy. Logo, coa incorporación de Xavier Senín e Isabel Soto ao corpo de tradutores, apareceron os franceses: Raymond Roussel, Pierre Loti, Villiers de L’Isle-Adam…”. A lista que proporciona Tobar é longa: nestes dez anos editaron 108 títulos que xa pasaron a formar parte do acervo cultural do galego.
Non obstante, ao mercado, talvez por inercias moi arraizadas, segue custándolle admitir eses novos textos. “Agora mesmo, na Galiza estamos na mesma media que en Europa, arredor dun 20% dos títulos que se editan corresponden a literatura traducida. Foi un avance que se deu de maneira case xeométrica nos últimos anos. Mais se nos fixamos nas tiraxes, no número de exemplares, as cifras cambian. Se unha novela de autoría galega anda entre os 800 e 1.200 exemplares, nós movémonos arredor dos 300, aínda que tamén é certo que as novas técnicas dixitais nos permiten facer reimpresións de poucos exemplares, en función das necesidades de mercado. Falamos dun núcleo de persoas lectoras que medra moi de vagar, mais sen retrocesos. Antes custábanos esgotar os 250 exemplares cos que comezabamos e agora estamos quedando curtos nas estimacións” explica Tobar. (…)”
Bases do IV Premio Laudamuco para textos teatrais
Carme P. G. Granxeiro faise co II Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero grazas á súa obra Estranxeiras
Desde o Concello de Pontevedra:
“A autora Carme P. G. Granxeiro proclamouse gañadora da II edición do Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero grazas á súa obra Estranxeiras. A decisión foi acordada polos membros do xurado por maioría nunha reunión que tivo lugar o pasado 29 de decembro no Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e na que se analizaron un total de 27 traballos recibidos neste certame, que organiza a Concellería de Igualdade en colaboración con Edicións Xerais de Galicia e cuxo galardón conta cunha dotación económica de 3.000 euros.
Tal e como subliña a concelleira Yoya Blanco, o xurado destacou na obra gañadora o feito de ser “unha representación LGBTIQA realizada con sensibilidade, na que se reclama o rural como un espazo de liberdade e reivindicación”, ao tempo que valorou “a dignificación das relacións interxeracionais presentes na novela” e “o emprego de novas formas de linguaxe, como a utilización do pronome neutro”. “Tamén valoraron a construción coral de personaxes, cunha interesante galería de personaxes secundarios tratados con sensibilidade e delicadeza. Para o xurado, Estranxeiras é unha obra de lectura áxil, apta para un público amplo, con referentes á cultura LGBTIQA+ en libros, filmes, música… Presentes ao longo da obra”, apunta a edil de Igualdade.
Segundo sinala a socialista, ademais da obra gañadora, “o xurado tamén quixo destacar a calidade de dúas pezas presentadas ao certame: a da obra de narrativa xuvenil A nave e a do poemario Feitas ao sisel”.
Blanco lembra que o Premio Pinto e Maragota “está destinado a visibilizar e dignificar a diversidade de sexo e de xénero” e que “o xurado estivo integrado por representantes do Concello, a comunidade educativa e a editora Xerais: Anxos Rial Vidal, mediadora de lectura e docente no IES Sánchez Cantón e membro do Comité de Igualdade e do Grupo de Apoio LGBTIQ+ do instituto pontevedrés; Denís Vicente, docente e coordinador de Igualdade e Apoio LGBTIQ+ no IES As Barxas e membro fundador da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia; Nee Barros, escritore e activista LGBTIQA+, e Vanesa Prado, funcionaria da Administración municipal e secretaria do xurado”. (…)”
70 minutos con Marica Campo, Emma Pedreira e Kathleen March
Cuestionario Proust: Francisco Castro, desde Lecturafilia
Entrevista a Francisco Castro en Lecturafilia:
“O principal trazo do teu carácter? A constancia.
Que calidade aprecias máis nun home? A sensibilidade.
E nunha muller? A intelixencia.
Que agardas das túas amizades? Amor.
O teu principal defecto? Tendo a afogar, ás veces, en vasos de auga.
A túa ocupación favorita? Facer música.
O teu ideal de felicidade? Estar coa miña xente tirado no chan mentres arde a leña na cheminea.
Cal sería a túa maior desgraza? Que os que me queren deixen de quererme.
Que che gustaría ser? Un dos membros dos Beatles.
En que país desexarías vivir? Onde vivo. En Vigo, en Galicia.
A túa cor favorita? O negro, coma Johnny Cash.
A flor que máis che gusta? As orquídeas.
Que paxaro prefires? As rolas. Lémbranme á infancia.
Os teus autores/as favoritos en prosa? Borges, Philip Roth.
E poetas? Borges. O Celso Emilio de amor, máis que o cívico. Walt Whitman.
Un heroe de ficción? Non teño.
Una heroína? Non teño.
O teu músico ou música favorito/a? Claramente, os Beatles.
O teu pintor ou pintora preferido/a? Salvador Dalí.
O teu heroe ou heroína na vida real? O meu pai.
O teu nome favorito? Naia.
Que hábito alleo non soportas? O hábito de moita xente de conducir poñéndonos en perigo aos que conducimos ben.
Que é o que máis detestas? A deslealdade.
Unha figura histórica que che poña mal corpo? Santiago Abascal.
Un feito histórico que admires? A revolución cultural xuvenil dos anos 60 do século pasado.
Que virtude desexarías posuír? A tranquilidade.
Como che gustaría morrer? Coa cabeza no meu sitio e de súpeto, sen enterarme.
Cal é o estado máis común do teu ánimo? Optimista.
Que defectos che inspiran maior indulxencia? A falta de atención.
Tes unha máxima ou lema de vida? Si: relativiza. Mañá sae o sol de novo.”
O XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense é para Antonio Seijas, por Teoría do fin – Eurínome
Desde o Concello de Ourense:
“Antonio Seijas Cruz (Ares, 1976) é o gañador do XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense pola obra Teoría do fin – Eurínome, “un texto dunha alta solidez formal en que cada un dos capítulos tecen unha rede entre as leis físicas que inflúen no devir do universo e que as inciden na alma humana”, en palabras do xurado desta edición.
Formado pola gañadora da edición do ano 2020, Lorena Conde, o crítico literario César Lorenzo e o secretario da Fundación Vicente Risco, Xosé González, o xurado escolleu a obra de Seijas de entre as 56 presentadas -25 máis que na pasada edición- porque “pousa o pé na física para alcanzar unha fenda pola que entrar con axilidade no metafísico”.
O premio Cidade de Ourense é de 6.000 euros máis a publicación da obra.”