Lectura de Alba de Gloria no Pico Sacro, 2021

“A Federación Galiza Cultura (FGC), comunica que, de novo e como sempre, organizado pola A. C. O Galo de Santiago e a A. C. Vagalumes da Estrada, realiza ese acto que, sen interrupcións, se leva a cabo desde 2011. Ese ano conmemoramos o 125 aniversario de Castelao, quen acudiu persoalmente até o Pico Sacro no 1924 e, xa refuxiado en Arxentina, simbolicamente volveu a el cando escribiu o Alba de Gloria. A foto do cartaz deste 2021 é (coloreada) a que tiraron como lembranza Castelao e o grupo de amigos que peregrinaron ao Pico Sacro en 1924.
Como desde hai unha década e sempre o sábado antes do Dia da Patria Galega, subiremos de outra vez ás 12 h ao sagrado Mons Illicinus, o sábado 24 de xullo de 2021 para ler no seu cumio ese precioso texto. Porén a celebración do décimo aniversario da subida e lectura do Alba de Gloria, pospoñémola para tempos mellores.
Gardaremos todas as normas que se requiren para acabar co Covid-19.

2021: Programa

12:00 h. Concentración na explanada do aparcadoiro. E desde alí comezaremos a subir o último tramo do monte até chegar a capela.
Na capela, o historiador Héitor Picallo lerá o texto que el escribiu para este acto e cando o remate seguiremos até o curuto.
Izaremos a nosa bandeira na rocha que coroa o Pico Sacro, alí leremos o Alba de Gloria, cantaremos o himno e logo baixaremos até o camiño que conduce as covas.
Xantar-convivio nas táboas das insuas que forma o rio Ulla ao seu paso por Gres (Vila de Cruces).
Para asistir, por razóns de seguridade sanitaria, compre comunicalo ao correo da Federación Galiza Cultura (federacion@galizacultura.gal) ou da A. C. O Galo (comunicacion@ogalo.gal) poñendo o nome e o teléfono dos asistentes.”

Alberto Lema gaña o XXXIII premio de novela Manuel García Barros

Desde Galaxia:
“O xurado do premio de Novela Manuel García Barros, composto por Anxos Sumai, Carmen Ferreira, Carlos Lema, Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario, fallou, na mañá do mércores a trixésimo terceira edición deste premio que foi, por maioría, a parar a mans de Alberto Lema Suárez pola obra Pazo de inverno.
O autor, que compaxina o seu labor político coa escrita literaria, conta xa cunha ampla traxectoria no ámbito editorial onde ten publicados varios poemarios como Plan de fuga e Crónica do chan, e novelas como Da máquina, Unha puta percorre Europa ou Sidecar, coa que acadou o premio Ánxel Casal.
Seleccionada entre un total de 41 traballos presentados, o xurado destacou desta novela a súa capacidade para recrear unha ficción coas fías das loitas de poder. As esferas do empresarial, o político e o periodístico gandúxanse para tecer unha crónica de contraluces hipnóticas. Nesta obra nada é o que parece e os trasfondos e maquinacións dos grupos de influencia acaban por nos revelar un complexo mapa de intereses e pulsións.
Doutra parte, a lograda caracterización dos personaxes, o suxestivo dos diálogos, a habelencia para recrear atmosferas e sucesos, así como a intelixente inserción de recursos parateatrais na narración fan desta obra unha proposta de anatomía sociopolítica dun tempo e de todo tempo.
O premio, dotado cun importe de 9.000€, entregarase a primeiros de decembro nun acto público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada.”

Non cantan paxaros neste bosque. Carlos Negro

Desde Radiofusión:
Carlos Negro vén de publicar en Xerais o libro de relatos Non cantan paxaros neste bosque. Un puñado de relatos que fan honor á literatura tradicional inglesa deste xénero no que Negro se formou como lector. No transcurso do club de lectura Carlos Negro fala tamén das posibilidades que nos proporciona a ficción “para vingarnos dos abusóns e para exorcizar os nosos medos”. A literatura de fantasmas e de terror é moi esixente, ten que ser moi lograda para que faga efecto, por dicilo dalgunha maneira. Negro púxose un reto diante deste libro: “Vou ver se son quen de facelo”. Quixo, ademais, darlles aos relatos un marco actual, con ambientes cotiáns. “Converter lugares neutros como unha estación de servizo, un autobús escolar ou un tobogán, en lugares extraordinarios é todo un reto” afirma Negro.
“Bruno non percibiu como un monte de carne se abalanzaba sobre el, inmovilizándoo contra o chan. Antes de que tivese tempo nin sequera de emitir un berro, unha man férrea premía o seu rostro contra os seixos do escouredo, impedíndolle calquera move-mento…. – Será mellor que non te remexas, coelliño…
Desta maneira comeza un dos relatos do libro de Carlos Negro, “Ventos de Oiá” . Hoxe conversamos co escritor natural de Lalín que nos últimos anos desempeña un intenso labor de achegar a literatura ao público xuvenil a través de obradoiros que realiza por toda Galicia. En 2018 recibiu o premio dos Clubs de lectura por ser o autor máis lido no ano 2017 nas bibliotecas escolares.
Participaron no noso club de lectura, do outro lado, Esther Val, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz.
Pode escoitarse aquí.”

A Coruña: presentación de A (des)memoria, de Clara Vidal

O 23 de xullo, ás 19:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18, 1º), preséntase o poemario A (des)memoria, de Clara Vidal, editado por Medulia. As persoas interesadas deben reservar praza no correo electrónico acab@mundo-r.com

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 23 de xullo

O 23 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 12:00 a 14:00 horas, e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

12:00 h. Fon asina Gazafellos, publicado por Aira Editorial.
19:30 h. Patricia Torrado asina Don Carlos e o misterio dos lucecús, publicado por Baía.
20:30 h. Lois Oreiro asina Os mundos de agora, publicado por Galaxia.