Raquel Castro: “Porque o teatro axuda a facer homes e mulleres libres é preciso integralo na columna vertebral da sociedade: o ensino”

Entrevista de Ana Abad de Larriva a Raquel Castro en Erregueté:
“A resolución do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais 2021 fíxose pública o venres pasado, 25 de xuño, nun acto celebrado no IES Ribeira do Louro, no Porriño, e a obra gañadora resultou ser Casa de feras, de Edgar Costas Sanmartín.
Foi esta xa a cuarta edición dun certame organizado polo IES Ribeira do Louro que conta co apoio do Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, e que naceu “coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario”. Falamos coa dramaturga e docente Raquel Castro, coordinadora do premio, para facer un balance destes catro anos. (…)
– Erregueté (E): O certame xurdiu para cubrir un baleiro en canto a textos que fosen dirixidos a ser postos en escena por rapaces e rapazas?
– Raquel Castro (RC): Si. Podemos pensar que a partir dos doce anos as rapazas e rapaces poden ler e interpretar calquera texto teatral destinado a público adulto. É certo, mais tamén precisan de ver representadas enriba das táboas as súas inquedanzas máis cotiás e ser eles mesmos e elas mesmas os que as poidan levar a escena, sentíndose identificados e identificadas.
– E: Que presenza teñen os textos teatrais no ensino secundario?
– RC: É habitual propoñer literatura xuvenil en narrativa e poesía como lectura nas aulas, mais o teatro é cousa distinta, sempre para o final e, se cadra, algunha representación, mais nunca na listaxe de lecturas recomendadas. Porén é moi necesario traballar o teatro na adolescencia xa que é un momento clave do desenvolvemento e pode ser dunha gran axuda para lograr a autonomía persoal e a integración social.
– E: Que beneficios detectas que achega o teatro á mocidade?
– RC: Traballar o teatro nas aulas permite expresar e comunicar ideas, sentimentos e vivencias. A súa presenza na educación é fundamental xa que contribúe ao desenvolvemento humano ao integrar o uso do corpo e a voz nun espazo e un tempo determinado. Asemade nútrese de linguaxes diversas, como a literatura, a música, a plástica e as linguaxes audiovisuais, o que permite un enfoque interdisciplinario.
A formación escénica activa procesos como a percepción, a atención, a concentración e a memoria. Promove o autocoñecemento e a madurez emocional, aspectos fundamentais para afianzar a propia identidade. A interpretación aumenta a sensibilidade estética e a consciencia corporal, ademais, o traballo grupal promove o respecto ao outro, o compromiso co grupo e a asunción de responsabilidades individuais e colectivas.
E para traballar o teatro nas aulas precisamos ter textos que nos axuden e cos que poidamos compartir, por iso é tan importante este premio porque nos dá ferramentas para traballar nas aulas.
– E: Que balance fas destas catro edicións do certame?
– RC: Logo de catro anos non podo facer máis que un balance positivo deste certame que fornece a biblioteca teatral galega ofertándonos textos de calidade e diversidade temática, dende o absurdo da guerra á violencia de xénero e as liberdades individuais. Porque o teatro axuda a facer homes e mulleres libres é preciso integralo na columna vertebral da sociedade: o ensino.”

Miriam Couceiro Castro: “Unha parte do feminismo ten presente Rosalía e outro identifícase con Pardo Bazán”

Entrevista de Gloria Montenegro a Miriam Couceiro Castro en Nós Diario:
“Desde que comezou a súa carreira en Socioloxía na Universidade da Coruña, Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) “tiña claro que quería realizar unha tese sobre o feminismo e centrado nas mulleres galegas”, expresa en conversa con Nós Diario. Así foi que na mesma universidade realizou o seu doutoramento en Ciencias da Educación e de aí nace o libro que vén de publicar a editorial Galaxia, A Galiza feminista. Tebras e alboradas.
Na carreira coñece a Rosa Cobo, a súa profesora de Teoría Sociolóxica, quen lle espertou esa inquedanza feminista e “despois decateime de que aquí tiñamos unhas grandes referentes e que facía falta seguir investigando”. Ademais, descubriu, grazas ao feminismo, que “corría o perigo de afogar en min mesma, de non ter unha boa relación co meu corpo e incluso medir os obxectivos da miña vida por outras cousas que non son os propios desexos de liberdade”. A todo isto sumouse a película Criadas e señoras, “onde a protagonista preguntaba a mulleres negras a súa vida e, grazas a este filme, tiven claro que a miña tese tiña que ser baseada en historias de vida, neste caso, en mestras e o que elas me falaban”.
A Galiza feminista ten o obxectivo de “achegar o feminismo a todas as mulleres que, por calquera razón, ou non o comprenderon ou as asusta un pouco, a pesar de precisalo e, por outra parte, encher o feminismo, que tan atomizado está agora mesmo, cun pouquiño de afecto. Un afecto que nos una a todas as compañeiras que estamos nas rúas, nas manifestacións, nos sindicatos, partidos políticos e demais sectores da vida que ás veces viven enfrontados sobre este tema”.
Este libro serviulle a Castro para decatarse de que “existe un elitismo moi forte dentro do movemento, que existe moita intelectualización do discurso, e iso fai que moitas mulleres ‘se boten cara a atrás’ porque non comprenden”. Por iso a autora buscou crear “un nexo entre as academias e as rúas -a realidade das nosas nais e avoas- falando dos dereitos civís, políticos e sociais, da resistencia ao feminismo e as novas tendencias e desafíos, así como tamén realizando unha reflexión sobre o papel que teñen os homes no feminismo”.
De todos os aspectos que trata Castro no seu libro, o concepto de feminismo atomizado é o que máis sinxelo lle resultou realizar. “Este concepto xorde cunha conversa coa profesora María Pilar García Negro, quen trata a polarización do feminismo galego”, conta a escritora. “Hai unha parte que vai máis cara á esquerda e o nacionalismo, tendo o universo de Rosalía de Castro moi presente, e outra parte que se identifica co de Emilia Pardo Bazán. Logo tamén xorden outras historias como a eterna batalla entre as que pensan que a prostitución debería regularizarse e as que non queren nin oír nin falar disto, onde os enfrontamentos son bastante violentos en redes, ou mesmo as mulleres trans, onde existen pensamentos máis abertos e outros que non as identifican como mulleres, aquí tamén se discute sobre a eliminación de xénero”.
Estes son algúns dos aspectos “dos grandes bloques que nos están enfrontando unhas ás outras e ás veces están a darse respostas moi duais cando aínda queda moito por falar entre nós”, asevera Castro.
Malia a existencia desta dualidade e que “aínda queda moito por facer en prol do feminismo”, a escritora alberga unha “esperanza nas novas xeracións”. As rapazas novas “xa non queren ver estruturas tan verticais, queren algo máis horizontal, colaborador e conciliador”.
Sobre a situación actual do feminismo no país, Castro explica que existe un risco “tanto positivo como negativo”. “Calquera tipo de partido político galego ten a necesidade de utilizar o feminismo en todo momento, incluso a dereita precisa dicir que é feminista, malia que poden chegar a deslocalizar o concepto porque as políticas que seguen non son para nada feministas. Todo o mundo quere facer uso del con maior ou menor información ou implicación”.
Para Castro, entre as moitas cousas que quedan por facer a favor do feminismo, o esencial sería que “todas as mulleres nos sentásemos a falar e estabelecésemos unha serie de obxectivos e pautas a seguir que trasladásemos a todas as institucións”. Sobre esta “posíbel utópica reunión”, a escritora gustaríalle realizar unha segunda parte deste libro, mais centrada sobre as mulleres no ámbito rural, “que, como en moitos outros aspectos do noso día a día, é o ámbito que máis esquecido está no noso país”, conclúe.”

Homenaxe A Escritora na súa Terra a Concha Blanco: Discurso de Concha na descuberta do monólito conmemorativo

O discurso na descuberta do monólito conmemorativo pode ser descargado aquí, ou ben ser lido a continuación:

“Bo día a todas, a todos.
Sra. Alcaldesa e demais membros da Corporación Municipal. Representantes da Real Academia Galega, da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, de Gálix e outras autoridades presentes.
D. Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e outros compoñentes da directiva.
Pilar Sampedro, autora da laudatio.
Familia, veciñanza e amizades chegadas desde diferentes puntos da xeografía. O meu máis sincero agradecemento por estardes hoxe aquí acompañándome neste acontecemento.
No discurso que escribín e que lerei dentro duns minutos no Salón de Actos da Casa de Cultura, respondendo a Pilar Sampedro, agradézovos polo miúdo máis cousas. Estades convidados a escoitalo. Gustaríame que tamén alí estivésedes presentes.
Dígovos que hoxe son unha persoa feliz.
A palabra “felicidade” é un substantivo abstracto que ten xénero feminino, polo que está en perfecta sintonía comigo.
Se a procuramos nun dicionario aparece con este significado: “Estado de alegría e benestar moi grandes” ou “estado de ánimo de plena satisfacción”, que vexo sinónimos.
Así estou eu hoxe, posuidora da felicidade.
Sei que a felicidade eterna non existe en vida, pero si existen “momentos felices”, coma illas refuxio nun océano axitado. Coma oasis nos desertos. Momentos felices coma este. Hoxe non pararía de repartir e de recibir bicos e apertas, pero este perigoso virus tennos atados e reprimidos. Unha mágoa!

Elixín como árbore para plantar no xardín desta praza, un pradairo/acer, aínda que o coñezamos máis polo seu nome castelán de “arce”.
Inclineime polo pradairo porque, a pesar de non dar froito nin flores vistosas, é unha árbore fermosa que consegue que reparemos nela, que loemos a súa beleza.
Sérvese tan só das súas follas, que van cambiando de tonalidade ao longo das estacións do ano. Coma quen saca o mellor de si mesmo, explotando asisadamente o seu potencial.
Ao pradairo ata lle podiamos aplicar calidades humanas: é versátil, discreta, de dimensión moderada…
Unha persoa moi querida no mundo da cultura, cando soubo desta homenaxe, deume os parabéns e díxome algo moi fermoso. Díxome: «Por que todas e todos, desde os principios da túa andaina literaria, sabiamos que ti, Concha, eras de Cee?»
Como eu descoñecía a resposta, continuou: «Porque levabas ese nome, o nome da túa vila, tatuado na fronte.»

Pois agora tamén o levo tatuado no corazón.

Non podemos negar que a praza… a praza … (deixádeme que o diga publicamente e en alta voz, por 1ª vez) a Praza Concha Blanco quedou preciosa! Os meus parabéns a Gumersindo, pola realización deste monólito.

Que gozada escoitar a este grupo da Banda de Música de Cee, co seu bo facer e dirixida ademais por outro veciño de Lires, o incrible Fernando Fraga. Ademais son capaces de facernos sentir alegría e vida social da que nos últimos tempos tan necesitados estamos.

Eles vannos acompañar ata a Casa de Cultura co seu pasarrúas. Moitas grazas!

Concha Blanco
Praza Concha Blanco
Cee, 12 de xuño de 2021

Bases do XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

Desde Galaxia:
“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
1. Poderán participar todas as persoas que o de sexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 200.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico. A exposición do tema do ensaio deberase realizar exclusivamente mediante a escritura, sen empregar gráficos, cadros, fotografías ou elementos semellantes.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicando no sobre XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 2 de novembro do ano 2021 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros (suxeito aos impostos que lle sexan de aplicación), que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección “Ensaio” e na cuberta salientará, ao par da editorial, a Xunta de Galicia, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, nomearanse de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 5 de xullo

O 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Paula Carballeira asina E continuaremos a contar, publicado por Através, e Pan con chocolate, publicado por Xerais.
18:00 h. Álex Alonso asina Granito, publicados por Xerais.
19:00 h. Moncho Iglesias asina Cheira, publicado por Através.
19:00 h. Aser Álvarez asina Anacos do rural, publicado por Arraianos.
20:00 h. Amadeo Cobas asina Só nin se ri nin se chora, publicado por Elvira.
20:00 h. Suso Bahamonde asina Instrucións para matar un oso, publicado por Belagua.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 6 de xullo

O 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Beto Luaces asina Vicus, publicado por Bolanda.
20:00 h. Alberto Avendaño asina, entre outras obras, A tropa contra o virus, publicado por Xerais.