Ourense: actividades destacadas do 3 de xuño na Feira do Libro 2021
O 3 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Victoria García (autora) e Laura Cortés (ilustradora) asinan As formiguiñas fiandeiras, publicado por Hércules.
– 20:00 h. Xabier Domínguez Pérez e Alba de Evan asinan Maxia de pedra, publicada por Xerais.
– 21:00 h. Carlos da Aira (autor) e Alexandre Folgoso (fotógrafo) asinan Punto de ignición, publicado por Saurobuks.
Pontevedra: “365 días en galego. Xela Arias. Letras Galegas 2021”
Compostela: Paula Carballeira presenta E continuaremos a contar
“Cultura segura, cultura resiliente”
Pacios, Castro de Rei: presentación de O mundo nun puño de remol, de Xosé Crecente Vega
O próximo 3 de xuño ás 18:00 h, coincidindo coa celebración dos 125 anos do nacemento de Xosé Crecente Vega, organízase a presentación do libro O mundo nun puño de remol, publicado pola editorial Espiral Maior a iniciativa Comisión Crecente Vega e co apoio do Concello de Castro de Rei. O acto terá lugar en Castro de Rei, no entorno do Carballo de Luxís, parroquia de Pacios.
O programa indicativo é o seguinte.
18:00 h – 18:05 h Apertura a cargo do Alcalde de Castro de Rei.
18:05 h – 18:15 h Intervención dun representante da Comisión Crecente Vega.
18:15 h – 18:20 h Intervención Musical
18:20 h – 18:30 h Intervención do editor do libro.
18:30 h – 18:40 h Intervención do Presidente da Real Academia Galega.
18:40 h – 18:45 h Intervención Musical
18:45 h – 18:55 h Intervención do Conselleiro de Cultura.
18:55 h – 19:00 h Peche a cargo do Alcalde de Castro de Rei.
19:00 h – 19:05 h Voz e guitarra. Cantar do muíño, Eladio Santos, de Eladio y los Seres Queridos.
Ourense: actividades destacadas do 2 de xuño na Feira do Libro 2021
Saúde e Terra!, Yolanda Castaño
Entrevista a Anna Figueiredo
Entrevista a Anna R. Figueiredo en Writers of Dreams:
“(…) – Writers of Dreams (WD): Consideras a literatura un traballo, ou algo máis?
– Anna R. Figueiredo (ARF): Considero a literatura unha arte, iso non creo que deba imbuíla do misticismo nin nada parecido, hai moito de técnica na creación literaria, e de aprendizaxe, polo menos desde o meu punto de vista. Mais considero que a literatura non pode ser, ou non debe ser, un traballo en cadea no que se produzan obras idénticas unha e outra vez. Si que creo que a literatura dun lugar está vinculada á realidade dese lugar e que a través da óptica de quen a habita, ou escribe desde ela, a interpretación do mundo é diferente. Polo que aínda que dá traballo, que son horas, que hai que perfeccionar a técnica na creación e a paixón pola aprendizaxe doutras fontes literarias e artísticas, non creo que sexa só un traballo. Porén, como dá traballo e tamén é un traballo, considero que a industria cultural e literaria debe ser considerada de xeito respectuoso e digno no eido laboral e de patrimonio do creador ou creadora. (…)
– WD: Cales dos teus libros teñen un significado máis fondo para ti e cal é ese significado?
– ARF: Sen dúbida Os bicos feridos, en primeiro lugar porque malia ter publicado e ser premiada pola creación de relatos, foi a miña primeira novela. A primeira escrita e rematada, a primeira que considerei que podería ter un futuro fóra do ordenador. Os Bicos para min é un berro da necesidade da arte, contra a apatía na que esiximos unha hipertecnificación ou impoñemos unhas espectativas demenciais na mente da mocidade e lles obrigamos a buscar esas metas alén das nosas fronteiras. No xeito no que cremos que o que está lonxe é mellor e tamén é, para min, unha homenaxe a esa cultura dos Smith, Clash, Covent Garden e do amor por Londres e a música na que os que somos as primeiras xeracións das familias dos setenta, as primeiras que puidemos cursar estudos universitarios nesa época do chamado estado do benestar, medramos. Nós medramos escoitando Follow me, Muzzy, Morrisey, Nirvana e soubemos cantar as cancións e identificarnos coa dor inmensa das letras de Dead can dance ou as aparentes incoherencias de The Stranglers, coa raiba adolescente dos Undertones. Medramos naquel caldo musical e cultural que nos definiu seareiros dos electroduendes, e quixemos ser heroes, quixemos que a nosa vida adulta fose aquela coa que nos permitiron soñar entre os corredores color verde hospital dos institutos públicos. Asemade a súa existencia achegoume a persoas das que agora non sabería separarme.
– WD: Como ves o futuro da literatura, e o máis importante, o futuro da mesma en galego?
– ARF: Vou empezar pola segunda, como os irmáns Marx. Coido que a literatura galega goza de boa saúde, e esta frase que pode parecer ambigua coido que se reflicte na gran calidade e cantidade de propostas literarias das que podemos gozar no noso idioma. Con todo sorpréndeme que na narrativa moitas das autorxs “máis novas” non baixamos dos 35 anos e iso é algo que me sorprende (se ben autorxs que escriban poesía si que hai de todas as idades). Pregúntome o por que desta razón. Por unha banda penso que é posible que, coma min, a vida e a supervivencia do día a día fagan que adíen a pulsión por escribir a cando teñan máis tempo ou cando xa non teñan medo a romper barreiras e loitar pola arte na que cren, formarse, traballar. E seguro que se poden pensar en outras opcións pero iso, que serían causas, non resolve o problema. Encantaríame que máis persoas de vinte, vinte-e-tantos se mergullasen a escribir en galego, sexa en folios, apps ou ordenadores, do mesmo xeito que observamos grandes obras en castelán como Panza de burro, por exemplo, ou en inglés son Sally Rooney.
En termos xerais coido que a literatura sempre estará presente e agardo que algo así tamén lle pase ao teatro. A humanidade sempre precisa das ficcións, para entender o mundo, para asombrarse, para distraerse, para coñecer outras realidades, ou para dialogar con unha propia. Se ben é certo que a oferta que temos hoxe en día é tan ampla que un pode chegar a perderse, por sorte contamos con libreirxs marabillosxs que poden aconsellar e guiarnos, ou grupos de amigxs que, do mesmo xeito que nos aturan falando entusiasmadamente da última película que acabamos de ver (estou nun momento revival de películas e case non vexo series) tamén poden caer na tentación de ler connosco ou deixarse aconsellar nas lecturas. Regalemos libros, algún acabará caendo. Eu non perdo a esperanza. (…)”