Betanzos: presentación de Ata que a morte nos separe, de Elena Gallego Abad
A Coruña: Cerimonia de gaivotas por Palestina
O 21 de marzo, ás 19h30, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, con motivo do Día Internacional da Poesía, proponse unha actividade onde a palabra poética ao servizo da causa do pobo palestino coa Cerimonia de Gaivotas por Palestina.
A Cerimonia de Gaivotas é un micro aberto de poesía que botou a andar hai tres anos da man de Branca Trigo e Alfredo “O Hanabi” Vázquez (cofundadores tamén da editorial independente Malafera). De comezo celebrábase en diversos locais de Vigo, pero co tempo, ao acadar participantes doutras zonas de Galiza, a cidade olívica empezou a alternar coa Coruña e Ourense.
Supón un espazo seguro, libre e autoxestionado no que compartir os intereses creativos tanto de poetas xa recoñecides como de afeccionades á poesía, animándose moites deles a recitar en público por primeira vez.
O sistema de funcionamento é moi simple: o micro queda a disposición de quen queira e se anime a participar, no momento que o desexe. Só se establecen dúas normas: ser moderades no tempo, para deixar tempo aes demais, e non lanzar dende o micro mensaxes de odio, para garantir a seguridade do espazo.
Esta actividade realízase en colaboración con UDCxPalestina.
As persoas asistentes levarán de agasallo un exemplar da antoloxía poética de De amor e desamor (2009).
O Porriño: De rota raposa. Poesía escénica con Silvia Penas e Samuel Merino
A Pobra do Caramiñal: recital con motivo do Día Mundial da Poesía
Vigo: presentación de Tacón, punta, tacón, de Anxo Iglesias
Certame Castelao da Insua dos Poetas 2025
Bases do XXV Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño 2025
Tui: presentación de As benfaladas, de María Xosé Porteiro
Maceda homenaxea Francisco Carballo no centenario do seu nacemento
Desde Nós Diario:
“A xornada desenvolvida neste 15 de marzo en Maceda arrancou ás 11 horas na parroquia natal de Carballo, Asadur, cunha ofrenda floral no cemiterio onde está soterrado desde o seu falecemento en 2014.
Os asistentes ao acto desprazáronse ás 11:30 á casa familiar de Carballo, onde o seu amigo e compañeiro de loita nacionalista, Celso Sánchez, deu lectura a un escrito do homenaxeado. Media hora máis tarde, interveu a alcaldesa da localidade, Uxía Oviedo.
A xornada promovida pola Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC) tivo os seus actos centrais ás 12 horas no salón de actos do Concello de Maceda, onde actuou como mantedor o presidente da entidade, Santiago Prol.
O acto arrancou coa actuación musical de Ergutío Cantareiras e a proxección do audiovisual Lembrando a Francisco Carballo, onde se recollen diversos aspectos da súa vida.
A continuación tomaron a palabra a concelleira de Cultura de Maceda, Beatriz Cuenca; o presidente da Fundación Terra e Tempo Francisco Rodríguez; a sobriña do homenaxeado Milagros Calvo Carballo; os antigos cregos Manuel Peleteiro e Antón Gómez; o xornalista Xan Carballa; o ex alcalde de Maceda Bieito Seara; e a portavoz nacional do BNG Ana Pontón.
O acto serviu para presentar o último número da revista Terra e Tempo, dedicado ao homenaxeado e titulado Francisco Carballo. Na fronteira do eclesial e co corazón na Galiza, que ofrece unha completa e detallada panorámica sobre a súa figura, obra e traxectoria.
A publicación recolle a colaboración de amigos, compañeiros de militancia política e especialistas na figura de Carballo, como Francisco Rodríguez, Milagros Calvo Carballo, Antón Gómez, Victorino Pérez Prieto, Pilar Allegue, Xosé Lois Ruiz Vicente, Anselmo López Carreira, Bieito Lobeira, Bieito Seara, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Santiago Prol.”