Bases do X Premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro
“O Concello de Mondoñedo, coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, convoca o X Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que se rexerá polas seguintes bases:
PRIMEIRA. Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presentea súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG.
SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarando deserto o premio.
TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.
CUARTA. Deberán presentarse catro copias en tamaño DIN A4 impresas a dobre espazo.
QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título.
En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior,o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ao disposto nesta base.
SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 15 de setembro de 2021, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación:
X Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
SÉTIMA. O Xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e mais un representante do concello con voz e sen voto que actuará como secretario, fará pública a súa deliberación a comezos de outubro de 2021.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada aos autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no outono.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
De desexar o autor facer uso dos textos premiados para a súa publicación, deberá solicitar permiso ao Concello de Mondoñedo. De serlle concedido, o autor comprométese a facer constar na publicación, expresamente, que os textos foron distinguidos no Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
UNDÉCIMA. Os premiados será invitados, expresamente, ao seguinte recital de Mondoñedo é Poesía que se celebra na cidade cada 1 de maio.
DUODÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
DÉCIMOTERCEIRA. A deliberación do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”
II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV 21): programa previsto para o 26 de marzo
Presentación de Diario dun enterro, de Gonzalo Hermo
I Premio de relato curto en prol da igualdade do Concello de Melide
“O ocultismo na vida e na obra de Vicente Risco”, con Félix Castro Vicente
Desde a Televisión de Galicia:
“O escritor, investigador musical e etnógrafo ourensán Félix Castro Vicente profunda na relación de vicente Risco co mundo do ocultismo e no Arquivo de Memoria Histórica de Salamanca, atopou algunhas das epístolas que este mantivo con Manuel Treviño, quen fora o fundador da Rama Teosófica madrileña. Tamén da conexión co Grupo Marco Aurelio de Pontevedra. Todo reunido na obra O ocultismo na obra de Vicente Risco. Do doutor Alveiros á Porta da Palla, co que acadou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. A entrevista pode verse aquí.”
Vídeo da presentación de Esquizoide, de Antón Patiño, no CGAC
Conferencia-coloquio Carvalho, Lingua e Terra
“Lugar: Emitirase esta actividade pola canle de youtube de Galiza Cultura
Data e hora: xoves, 25 de marzo de 2021, ás 20 h.
Interveñen: Mª Victoria Carballo Calero, Mª Pilar Garcia Negro e Manuel Castelao. Mª Pilar García Negro é escritora e profesora da UDC, especialista en sociolingüistica e literatura galega. E Manuel Castelao Mexuto é catedrático de lingua e literatura galega e investigador. Mª Victoria é catedrática de Arte na Universidade de Vigo e filla do profesor Ricardo Carvalho Calero.
O movemento asociativo leva reivindicando desde hai décadas unhas Letras Galegas a Carvalho Calero. Cando ao fin se concederon, unha pandemia fixo que nin no ensino nin nas asociacións puidéramos celebrar como quixéramos esta conmemoración. Aprazámola unha e outra vez agardando mellores circunstancias, mais non podemos adiar por máis tempo a nosa homenaxe e difusión, tan necesaria, deste persoeiro a quen tanto debe a nosa lingua e cultura. Por iso, coincidindo coa data do seu pasamento, o día 25 de marzo, propomos unha xornada de recordo e espallamento da súa vida e obra (cancelo: #CarvalhoLinguaETerra).
Desde a Federación Galiza Cultura, en colaboración coas Deputacións da Coruña, de Lugo e de Pontevedra, convocamos ás asociacións culturais e aos centros de ensino a xornada Carvalho, Lingua e Terra. Para iso, editamos unha banda deseñada sobre a súa vida, obra e pensamento da autoría de Pepe Carreiro que ademais de imprimir e distribuír gratuitamente, imos poñer a disposición pública en PDF na nosa web.
Ademais, ese día, o xoves 25, ás 20:00 h. emitiremos o vídeo sobre Ricardo Carvalho Calero coa Intervención de María Victoria Carballo-Calero Ramos e a conferencia de Manuel Castelao Mexuto e Mª Pilar García Negro, e posteriormnte, ás 20:40 h. celebrase en liña un coloquio cos conferenciantes e representantes das asociacións cultura.
Emitirase esta actividade pola canle de youtube de Galiza Cultura.”
Nus (Xerais), de Manuel Gago
Xurxo Souto: “Levo vinte anos reivindicando que A Coruña e Vigo son o mesmo”
Desde Xerais:
“A emisora Radio Vigo, da Cadena Ser, emitiu unha entrevista co escritor Xurxo Souto sobre o libro: O retorno dos homes mariños, publicado por Xerais na colección Narrativa. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón.”