Gañadoras-es do XV Certame de Narrativa Curta do Concello de Curtis

“O xurado do Certame estivo formado por Manuel Rico Verea, Yolanda Castaño e Antonio Piñeiro, xunto á coordinadora do certame, Lucía Aldao, con voz e sen voto. Tras unhas intensas deliberacións, pola calidade de todos os relatos, acordouse que os textos premiados son:
Categoría A:
– 1º premio de 200 euros para o relato titulado Marcianación, de Nee Barros Fernández (Marín).
– 2º premio de 100 euros para o relato titulado Recordos, de Paula Redondo Murillo (Sanxenxo).
Categoría B (adultos):
– 1º premio de 350 euros para o relato titulado Pendentes, de Prince Vidal Rodríguez (Pontevedra).
– 2º premio de 150 euros para o relato titulado Abrente en ERZ, de Eduardo Manuel Campos Coello (Marín).
O acto de entrega celebrarase o sábado 19 de setembro.”

Rosalía Fernández Rial: “A arte e o pensamento veñen de demostrar que son o único que nos pode salvar”

Entrevista a Rosalía Fernández Rial en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): É filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC, performer, escritora, profesora de lingua e literatura… Cal das súas múltiples facetas lle ocupa agora máis tempo?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Todas me ocupan tempo por igual. Sobre todo na actualidade, xa que a educación está nunha conxuntura moi complexa. E a arte e o pensamento veñen de demostrar que son o único que nos pode salvar. Intento abranguelas todas desde un punto de vista poético. O poético entendido nun sentido amplo, non só como poesía escrita, tamén como poesía levada á escena, á existencia, á musica e á educación. A educación literaria debe ter un compoñente poético, utópico e artístico.
– ND: No seu último libro, Árbores no deserto, as súas creacións poéticas parten das reflexións de varias pensadoras feministas. A que se debe a escolla destas autoras?
– RFR: Algunhas foron inevitábeis, como Rosalía de Castro, polo feito de ser muller, galega e poeta. É a identificación e o símbolo máximo do noso país e da nosa literatura. Con outras pensadoras deixeime levar pola pulsión artística máis que por unha clasificación racional. Escollín aquelas coas que atopei unha conexión, un substrato poético. Tamén me deixei guiar pola intuición e por certas curiosidades como que Flora Tristán (unha das 11 mulleres que aparecen) é avoa dun famoso pintor. Todas elas me espertaron unha inspiración e un impulso creativo.
– ND: Como foi o proceso? Quen está máis presente nos poemas, vostede ou as diferentes autoras?
– RFR: Un dos meus principios compositivos é que a miña voz quedase, moitas veces, nun segundo plano. Non a perdo de todo, pero deixo que se transforme por completo. Era necesario facer unha polifonía na que miña voz nunca tapara as das outras mulleres. Quixen cuestionar o eu lírico tan intrínseco á poesía e transformalo nun nós lírico. (…)”

Oriana Méndez gaña o premio Afundación 2020

Desde Nós Diario:
“A escritora Oriana Méndez resultou vencedora da XVIII edición do Premio de Poesía Afundación, co libro de poemas Interna, destacado polo xurado como unha obra caracterizada “por unha voz feminina que mantén un ritmo constante a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu”.
Oriana Méndez, nada en 1984, é licenciada en Filoloxía Galega pola USC (Universidade de Santiago de Compostela) e iniciou o seu labor poético en 2000, na revista cultural A Caramuxa, e continuou noutros colectivos como Burla Negra ou a revista Mealibra.
O galardón, convocado en colaboración co Centro PEN da Galiza e a Xunta, conleva a publicación do libro na colección ‘Arte de trobar’, ademais dun premio económico de 6.000 euros.
A resolución do xurado desta edición, á que se presentaron un total de 27 obras inéditas, deuse a coñecer nun acto celebrado na Sede Afundación de Compostela.”

Crónica fotográfica do Roteiro Literario por Cerdedo con Calros Solla

Estas son algunhas das fotografías da Ruta literaria e etnográfica por Cerdedo, enmarcada nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020, que guiou Calros Solla o domingo 20 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos cortesía do autor).

Cris Pavón participou nos “Encontros de Escritoras/es e críticas/os das linguas de España”

O 17 e 18 de setembro tiveron lugar os “Encontros de escritoras/es e críticas/os das linguas de España” organizado polo Ministerio de Cultura e Deporte, baixo o lema “Soñan os escritores con musas eléctricas? A literatura distópica nas letras españolas actuais”. Entre as persoas participantes estivo Cris Pavón como escritora galega, acompañada por Elia Barceló, David Castillo, Maite Darceles, Pilar G. Almansa, Jorge Carrión, Eloy Fernández Porta, Ana Merino, Aina Tur, Susana Vallejo e Manuel Vilas, coordinadas/os por María José Gálvez Salvador, Directora Xeral do Libro e Fomento da Lectura e Luis García Gambrina. Nesta actividade, un grupo de autores e autoras representativos deste tipo de literatura nas diferentes linguas do estado, e en diferentes xéneros literarios, debateron e reflexionaron, desde diversas perspectivas, sobre a literatura distópica actual.