Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 1 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. María Canosa asina As pombas de Bastián e Unha fábrica de bicos, publicados por Xerais, e  H2… Oh!!!, ilustrado por Luz Beloso, publicado por Galaxia, xunto ao resto da súa obra.
18:30 h. Yolanda Castaño asina Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
18:30 h. Presentación de Tempos de pandemia, de Xavier Seoane e Xulio García Rivas, publicado por Espiral Maior. Participan, xunto aos autores, Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Presentación cruzada de A señorita Bubble e Os minimortos, de Ledicia Costas, e Vaia cabuxiño!, de El Hematocrítico, publicados por Xerais.
19:30 h. Xavier Seoane asina Tempos de pandemia, publicado por Espiral Maior, Cancións para Ana Lúa e Dicionario irreal para un país imposible, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
19:30 h. David Pintor asina A Coruña, publicado por Kalandraka.
20:30 h. Ledicia Costas e El Hematocrítico asinan as súas obras.
20:30 h. Presentación e sinatura de Destempo, de Silvia Bardelás, publicado por Barbantesa, con Ana Romaní.

Pablo Nogueira gaña o XVIII Premio Pura e Dora Vázquez de narración

Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987) é o gañador do XVIII Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros e que convoca a Deputación de Ourense. O xurado, reunido esta mañá no Pazo Provincial, destacou da obra premiada, O clube de coleccionistas de selos (presentada baixo o pseudónimo “Catro latas”), “a súa perspectiva inclusiva e que da visibilidade á diversidade funcional entre a infancia”, salientando tamén “a posta en valor do medio natural e a necesidade do seu coidado, así coma a figura do avó e as relacións interxeracionais”.
O xurado sinala a grande calidade das obras presentadas, destacando do traballo de Nogueira que se trata dunha obra “cunha escrita moi coidada, na que emprega moitas referencias a personaxes históricos e literarios, o que promove a posibilidade de diversificar os itinerarios lectores e o fomento da lectura. Elo converte á obra nun bo recurso literario para mestres e o seu traballo na aula”. O xurado, presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, estivo formado por David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio, Isabel Mociño e Ana Malingre (secretaria).”

Dicionario irreal para un país imposible. Xavier Seoane

Desde Radiofusión:
““Hai unha densidade aquí tan grande como en Inglaterra, porque o noso pobo foi moi maltratado pola historia e as reviravoltas eran en moitas ocasións unha arma de defensa diante dos impostos abusivos e de tanto atropelo”. “Eu mesmo teño máis humor do que aparento, e admiro moito aos humoristas, xente moi intelixente, que ven os calcetíns do revés e nos revelan todo”. Os animais non rin, ou cando menos, nós cremos que non rin, pero o ser humano ten que fuxir do humor cruel, ácido e terrible. Gústame o humor á inglesa e á galega: “Por un lado xa ves e polo outro que queres que che diga” é toda unha declaración de principios, unha demostración de cintura. O humor non é máis que unha mistura de cultura e de intelixencia, indicaba Ramón de la Serna.
Un editor ten que ser moi valorado, porque del ven a nosa cultura e o mundo tipográfico é onde se asenta a cultura colectiva dun pais, apunta Xavier Seoane. Un libro difícil de clasificar canto a xénero, onde se mistura a poesía, o ensaio e moitas outras cousas. A Arcadio López Casanova parécelle un volume transversal. “E un mosaico con moitas teselas que en composición amosan a imaxe do pais”. “Utilicei a ironía e o humor para falar o que me petaba, de calquera palabra, dos tópicos de Galicia” indica o escritor. “Este é o libro galego máis orixinal e atractivo dos publicados o pasado ano” afirma o editor Manuel Bragado. “Palabras que, como as pedras no medio dun regato, serven para atravesar ese caudal de vida que é Galicia, e nomeadamente, a súa cultura”. Fala así Ramón Rozas no xornal El Progreso do Dicionario irreal para un país imposible” de Xavier Seoane publicado por Xerais. Falamos no clube de lectura de Radio Fene Radiofusión deste libro. Participaron Esther Val, Antonio Tizón, Henrique Sanfiz e Xavier Seoane.”
Pode escoitarse aquí.