Entrevista a Antonio Tizón en Radio Fene:
““Lobos doentes é literatura. Non é un manual de autoaxuda nin de psiquiatría. É unha novela. Iso si, se a literatura ademais de ser literaria é útil e serve a nivel pedagóxico pois moito mellor. Por exemplo, lendo a primeira novela autobiográfica o que non entenda o que é un trastorno bipolar vaino entender perfectamente. Ás veces, a literatura, a arte… son máis eficaces que os manuais. Unha novela con personaxes que teñen algún problema mental pode ser máis eficaz á hora de explicar un problema psiquiátrico que un propio manual psiquiátrico”, afirma Antonio Tizón no clube de lectura de Radiofusión ao tempo que recoñece que “despois da pandemia parece algo máis normal falar deste tipo de temas aínda que se fala de enfermidades mentais como a ansiedade ou a depresión leve. Non se fala de enfermidades mentais graves como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar. Cando escribín a miña primeira novela todo o mundo me preguntaba como me atrevía a falar con esa sinceridade dos meus problemas mentais e das barbaridades que se fan nos estados maníacos ou depresivos e como tivera o valor de saír do armario para explicalo con esa honestidade. Daquela o tema estaba moito máis estigmatizado. Agora máis xente está explicando as súas experiencias. Aínda asi, eu doume conta nas presentacións de que existen ideas moi falsas e equivocadas sobre os enfermos mentais. Pensan que son xente perigosa e violenta”. Un dos obxectivos de Lobos doentes é acabar con estes estereotipos e normalizar a enfermidade mental. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: A antesala luminosa
A Coruña: presentación de Lobos doentes, de Antonio Tizón, o 1 de outubro
Desde Radiofusión:
“Un roteiro percorrerá lugares emblemáticos da Cidade Vella da Coruña o sábado 1 de outubro. Servirá como presentación do podcast Lobos doentes, dirixido por Eugenia Sanmartín, e con guión de Antonio Tizón, a partir da novela do mesmo nome que publicará Xerais en xaneiro de 2023. A cuarta novela negra da serie de Tizón -xa se publicaron libros e podcast de Un home estraño, A antesala luminosa e Os incurábeis– desenvolvese nesta ocasión en localizacións como o xardín de San Carlos, o convento dos dominicos, a praza da Fariña ou a rúa Tabernas.
Este é o programa previsto:
– 12:00 h. Libraría Berbiriana. Cidade Vella. Rúa Santiago, 7. A Coruña. Intervencións de Antonio Tizón, Henrique Sanfiz e as libreiras Alejandra e Cristina.
– 12:15 h. Diante da Academia Galega, Rúa Tabernas, 11. Intervención de Xosé Luís Axeitos, membro da Academia.
– 12:30 h. Praza de Azcárraga (antiga Praza da Fariña):
Eugenia Sanmartín canta “Adiós ríos, adiós fontes”.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Eugenia Sanmartín canta “A xusticia pola man”.
– 12:45 h. Viño na Leonesa, Rúa de Santo Domingo, 2.
Intervención de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
– 13:15 h. Xardín de San Carlos.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Intervención de Xurxo Souto.
– 13:45 h. Hotel Finisterre.
Intervención de Anxo Angueira.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Intervención de Cándido Barral.
Antonio Tizón interpreta a Gustavo Gallego.
Eugenia Sanmartín canta “Cal lobos doentes”.
– 14:15 h. Xantar no hotel Finisterre.
Inscricións: sonradiofusion@gmail.com
609828743 / 722118925
As persoas colaboradoras de Son Radiofusión poden formalizar a súa reserva antes do 13 de setembro ás 12 do mediodía ao prezo de 40 euros. Desde esa data abrirase para a cidadanía en xeral cun prezo de 47 euros, incluíndo o correspondente seguro. As persoas interesadas deben formalizar a súa reserva no enderezo electrónico sonradiofusion@gmail.com “
A novela A antesala luminosa de Antonio Tizón convértese en serial radiofónico
Desde Xerais:
“Desde o 1 de xuño, Radio Fene está emitindo o serial radiofónico titulado O caso de Gustavo Gallego. Este serial, que consta de doce capítulos, está guionizado por Antonio Tizón a partir da súa novela A antesala luminosa e realizado polo grupo de teatro afeccionado “A Tenencia”, dirixido por Eugenia Sanmartín.
Os capítulos emitidos poden escoitarse en Radiofusión á carta.”
Non hai espellos nos manicomios, unha historia de superación
Desde Sermos Galiza:
“Non hai espellos nos manicomios é unha obra multimedia arredor da historia de superación persoal do escritor Antonio Tizón, diagnosticado cun trastorno bipolar. A parte audiovisual ten na dirección a Aser Álvarez (Arraianos Producións) e a música orixinal foi realizada por Miro Casabella.
A iniciativa xurdiu para dar saída a unha idea persoal de Tizón: “Xa levo varios anos con este proxecto, que é máis ambicioso”. A obra completa pasa por un conxunto de cinco novelas, das que xa foron publicadas dúas en Xerais: A antesala luminosa e Un home estraño. A seguinte verá a luz o ano que vén. “Aspiro a facer un proxecto completo, que teña unha dimensión social e artística”, pois como afirma o escritor a Nós Diario, a literatura “non ten por que ser útil, pero se o é, moito mellor”.
Nun comezo, a iniciativa ía ser un poemario con CD e música, acompañado dunha longametraxe de ficción. Porén, as restricións temporais, que condicionaron a realización a mes e medio, obrigaron a facer un libro máis sintético e transformaron o filme nun documental autobiográfico de 18 minutos. Un relato en primeira persoa, “desde a honestidade e moi artesanal”, comenta Álvarez. A escolla deste formato, segundo explica, foi que o tema “se presta a unha achega multidispciplinar, na que cada medio aporta unha dimensión distinta”.
Para alén de se enmarcar nunha folla de ruta máis ampla para Tizón, Non hai espellos nos manicomios seguirá “alimentándose e medrando”, sinala Álvarez. Quedan aínda pendentes por colgar na rede algúns materiais extras que non entraron no documental. Ademais, a idea tamén inclúe realizar unha peza máis longa e que sexa propiamente transmedia.
Álvarez considera fundamental contar esta historia para concienciar a sociedade en xeral e para que as persoas que padecen algunha enfermidade mental teñan “ese espello que non existe nos manicomios”. A vida de Tizón convértese de tal xeito nun referente de como vivir con ese “problema que non ten cura”, advirte Álvarez, un reflexo que demostra que “se pode ter unha vida plena”. Ese é o obxectivo de Tizón, que manifesta expresamente do seu relato que “o termo superación non equivale a curación, senón que ten máis que ver coa normalización e a integración”.”
“A perda da inxenuidade con Antonio Tizón”
Entrevista en Radiofusión:
“O inspector de policia Xosé Pereiro e a xornalista Ledicia Muruzábal son inxénuos pero rematan a novela perdendo a inxenuidade. Pereiro está alcoolizado e evolúe como personaxe ata transformarse nun “madero” poderoso. “O marco histórico concreto de 1980, o falso xénero negro e a loucura, son fías que conectan as dúas novelas de Antonio Tizón, A antesala luminosa e Un home estraño. Son independentes pero complementarias. E a serie chegará ao seu remate con outros tres volumes.
“Inventei unha entrevista co ex-alcalde da Coruña Domingos Merino, un home afable, honesto e idealista” afirma o escritor. Tamén aparecen nas novelas Manuel Fraga, Gutiérrez Mellado ou Avelino Pousa Antelo. A corrupción e a impunidade habitan en Un home estraño de Antonio Tizón. O autor quixo tratar con seriedade o tema da enfermedade mental.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 2 de agosto
O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Arantza Portabales asina exemplares de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Presentación de Nube Branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía. Por Baía Edicións.
– 18:00 h. Lucía Cobo asina Muriel, na caseta de AENEA.
– 19:00 h. Presentación de Gaiola aberta, de Xoán Neira López, publicado por Baía Edicións, en edición de Armando Requeixo. No acto participa, xunto a autor e editor, Belén López Vázquez.
– 19:00 h. Emma Pedreira asina Antídoto na caseta de Alvarellos Editora.
– 19:00 h. Antonio Tizón asina Un home estraño e A antesala luminosa, publicados por Xerais, na caseta de Lume.
– 19:00 h. Antía Otero e María Brenn asinan O branco non pinta!, publicado por Apiario. Ismael Ramos asina exemplares de Lumes, editado tamén por Apiario. Na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:00 h. Enrique López asina Vida sa e outros libros na caseta de Hércules.
– 19:45 h. Presentación de Poesía erótica: Cantar de corpos, de Correa Corredoira, publicado por Baía Edicións. Coa participación de Yolanda Castaño.
– 19:45 h. Presentación de O Lobo con botas, de El Hematocrítico, con Alberto Vázquez e Cristina Ameijeiras, publicado por Xerais (na carpa infantil).
– 20:00 h. Antonio Manuel Fraga asina exemplares de Querido H. P. Lovecraft na caseta de Urco Editora.
– 20:30 h. Presentación de Baleas e baleas, de Luísa Castro, publicado por Galaxia. A autora conversará con Yolanda Castaño e Ismael Ramos.
– 21:15 h. Presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Encarna Otero e Ismael Ramos.
Cuestionario Proust: Antonio Tizón
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antonio Tizón:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
− A bipolaridade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
− A serenidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– A indisciplina, agravada pola confianza desmesurada na inspiración.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Escribir e ler sen pasar noites en branco.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer a destempo, a morte a destempo dos meus seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un bo trobador ou xograr do século XXI.
9.– En que país desexaría vivir?
– No meu país: Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Caravel.
12.– O paxaro que prefire?
– Pardal.
13.– A súa devoción na prosa?
– Xabier Quiroga.
14.– E na poesía?
– Rosalía.
15-. Un libro?
– Follas novas.
16.– Un heroe de ficción?
– O probe emigrante do primeiro poema cronolóxico de Cantares, “Adiós, ríos, adiós fontes…”.
17.– Unha heroína?
– A muller revolucionaria de “A xusticia pola man”.
18.– A súa música favorita?
– A música popular.
19.– Na pintura?
– Igual que na literatura: o realismo simbólico, máxico, tan cotiá como fantástico.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– María Dominga Cordeiro García, a miña avoa, que non sabía ler nin escribir, que tiña o don da elocuencia.
21.– O seu nome favorito?
– María da Alba.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mala educación.
23.– O que máis odia?
– A guerra, a corrupción, a impunidade do poder fronte ao crime.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco, pola súa proximidade xeográfica, por ser o máximo responsábel dun dos maiores xenocidios humanos, políticos, económicos, sociais, culturais e lingüísticos que rexistra a historia da Humanidade.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A elocuencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Con lucidez, coa memoria intacta, cando me chegue a hora, tranquilamente na cama, coma miña avoa, ou sentado ao pé da lareira, coma meu avó; non coma miña nai que, cando morreu, levaba xa moito tempo morta, sen lucidez, sen memoria.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A oscilación.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A folganza, a gula.
30.– Un lema na súa vida?
– Teño moitos, entre os que hai un que descubrín durante o proceso creativo da miña primeira novela, A antesala luminosa, e que podería formularse así: “De todos os misterios da vida, considero que o máis resistente é o amor, porque sobrevive ás maiores calamidades: o paso do tempo, a distancia, a loucura e a morte”.”
Antonio Tizón: “Con estas novelas quedei espido por completo”
Desde Xerais:
“Radiofusión emitiu unha nova edición do programa Club de Lectura para falar co escritor coruñés Antonio Tizón sobre os libros: A antesala luminosa e Un home estraño, publicados por Xerais na colección Narrativa. A entrevista pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”