A neve interminable. Notas dun tren”: texto de Ledicia Costas sobre a obra de Agustín Fernández Paz

DesdeLedicia Costas Xerais:
“Reproducimos o texto de Ledicia Costas que leu o xoves 18 de xuño na presentación de A neve interminable, de Agustín Fernández Paz:

1.- A neve e os corazóns conxelados
É a primeira vez que vou nun tren destes rápidos, que fan o traxecto Vigo-A Coruña nunha hora e vinte minutos. Estou cansa de máis e só son as oito da mañá. Onte estiven en Xerais e Celia Torres cedeume un exemplar do novo libro de Agustín. Sácoo do meu bolso e ábroo coma quen abre unha delicada caixa de música. A neve interminable. Agardo a que empece a soar a música, pero en lugar diso teño frío. Leo a cita que inicia o libro, a de Lord Byron: chegou a mañá, e foise, e chegou, e non trouxo o día canda ela, e os homes esqueceron as súas paixóns ante o terror desta desolación; e os corazóns conxelarónse nunha pregaria egoísta que imploraba a luz. Reflexiono no que latexa detrás destas palabras. Todas as historias se tecen cos fíos da vida. E de súpeto hai algo que se activa no mecanismo do pensamento. De xeito inevitable penso nesa historia, que non sei canto terá de lenda. A historia que conta o naufraxio e a morte de Percy Shelley, o poeta romántico inglés. Lembro que lin nalgunha parte, non hai moito, que queimaron nunha praia o seu corpo sen vida e ardeu todo agás o seu corazón, que alguén rescatou das lapas. E finalmente, ese corazón foi parar ás mans de Mary Wollstonecraft, máis coñecida como Mary Shelley, a autora de Frankenstein ou o moderno Prometeo e parella de Percy. Contan que Mary conservou o corazón envolto nun pano de seda, no interior dun exemplar dunha das obras do seu home, e que cando o atoparon estaba completamente murcho. Daquela, o revisor distráeme. Quere picar o meu billete. Sorrí como sempre me sorrín os revisores. Entón penso en que os trens teñen a estraña facultade de facer feliz á xente. Non sei por que, o señor contáxiame parte da súa alegría. Retomo a lectura e, con ela, regresa o frío.

2.- Noite de voraces sombras.
Dispóñome a emprender a viaxe de volta a Vigo logo dun día bastante intenso. Agardo a que o tren inicie o traxecto antes de mergullarme de novo na lectura. Unha vez que empezo, non me deteño ata chegar á páxina 30, momento en que dou un chouto na butaca. Velaquí está!, penso, emocionada. Supoño que fun máis efusiva da conta. Teño dous pares de ollos á miña dereita fitándome con curiosidade. Deben pensar que estou tola. Sorríolles e volvo ao libro inmediatamente. Como se eu os tivese invocado co pensamento que me sacudiu nada máis empezar esta obra, entran en escena Lord Byron, Mary Wollstonecraft, Claire Clairmont, Percy Shelley e Polidori. Agustín rescata aquela mítica noite de 1.816, cando estes cinco amigos asumen o reto que Lord Byron pon sobre a mesa: escribir cadanseu relato de medo, a ver quen conseguía facer o máis terrorífico. Un reto que tamén asumirán os personaxes d’A neve interminable e que sei que me vai levar por unha viaxe que agardo que me deixe sen alento. Igual que me sucedeu en 1.995 cando lin Cartas de inverno, o libro que me abriu para sempre a porta da literatura galega. Curioso que xusto 20 anos despois sexa precisamente eu quen vaia presentar esta nova novela de Agustín Fernández Paz. Vou ao índice e leo o título dos contos, cousa que non fixen antes: A casa azul, Herdanza de sangue, A néboa da vinganza e Un incidente no internado. Sen poder evitalo, de novo o frío. Tápome coa miña cazadora e voume diluíndo devagariño entre as palabras da neve interminable, ata volverme folerpa.

E cae a neve
como caen as lágrimas de sono:
coa elegancia dun gato branco
que corrompe as alturas con insolencia
as folerpas descenden
a rentes da pel do frío
no chan,
pedrazo e diamantes,
flores de xeo que se abren
nun alarde de beleza
e no interior toda a neve
concentrada nun corazón
que latexa á intemperie,
que te bota de menos
neste ano sen verán.”

Na presentación de A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, por Ramón Nicolás

Desdedsc_0130 o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Constituíu un privilexio asistir onte á presentación da última novela de Agustín Fernández Paz na Casa do Libro de Vigo pois, alén desa sorte de atmosfera afectuosa que sempre paira nas presentacións dos libros do autor chairego supuxo, sen que talvez ningunha das persoas que falaron o tivese en mente, unha magnífica oportunidade para falar arredor da relevancia e consolidación da literatura xuvenil entre nós. (…)
Apuntou Manuel Bragado un dos grandes asuntos que circulan na novela e que logo rexurdiría na presentación con certa recorrencia, isto é, a homenaxe literaria que na novela se rende á xuntanza que, xustamente o 18 de xuño de 1816 (hai 199 anos) tivo lugar nunha casa perto de Xenebra, onde pasaban o verán na chamada Villa Diodati, onde xermolaron algunhas grandes obras de Lord Byron, Polidori ou Mary Shelley .
Pola súa parte, Ledicia Costas, alén de dar lectura a un texto inspirado na experiencia da lectura da obra que se presentaba mercé ao que afondou nos mecanismos que se activaron nese exercicio e o que foi descubrindo nas súas páxinas, abriu unha quenda de preguntas ás que Fernández Paz deu cumprida resposta e que xiraron arredor da arquitectura e a andamiaxe da novela, retomándose a relevancia dese encontro de grandes voces literarias arriba aludido no que hai unha recoñecida homenaxe neste libro. Falouse tamén de Bram Stoker e de Lovecraft, sobre a literatura de medo e de terror, arredor do feito de que estas pezas literarias adopten unha perspectiva de primeira persoa para dar conta da experiencia propia e ir creando unha espiral de cara ao agardado estoupido final, para volver –last but no least– a ollada cara á alquimia que xera a literatura infantil e xuvenil e reivindicar a súa necesaria presenza e cultivo.”

Vigo: presentación de A neve interminable, de Agustín Fernández Paz

OAgustín Fernández Paz 2 xoves 18 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Ledicia Costas e Manuel Bragado.

Crónica videográfica da Gala das Letras e a entrega dos Premios AELG 2015 (II)

DentroConviteGalaLetrasAELG2015a da Gala das Letras que tivo lugar o sábado 9 de maio no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, déronse a coñecer as persoas e entidades gañadoras dos Premios AELG 2015.

Esta é a crónica videográfica do acto, onde se recollen as seguintes intervencións:
Premio de Teatro.
Premio Blog literario.
Premio de Ensaio.
Premio de Narrativa.

Agustín Fernández Paz premiado polos clubs de lectura

Desdpremio_clubs_de_lectura_2015e Brétemas, blog de Manuel Bragado:
“Foi un acto moi emocionante o de onte cando recollín en nome de Agustín Fernández Paz o premio que os clubs de lectura lle outorgaron como o autor máis lido nas bibliotecas escolares galegas. Nun longúisimo aplauso sentín o afecto e o recoñecemento intenso que varios centos de profesores e profesoras implicados nesa revolución lectora silenciosa, por ventura en marcha nas escolas e institutos galegos, expresaron á figura do mestre Agustín. Sei que este premio é dos máis valiosos que pode recibir un autor como Agustín que desenvolveu toda a súa obra coa intención de contribuír á formación do lectorado literario en lingua galega e a consolidar as comunidades de lectores e lectoras arredor das bibliotecas e comictecas escolares, fose de aula ou de centro. O das bibliotecas escolares en Galicia é un traballo compartido fecundo, probablemente a experiencia de innovación didáctica máis relevante introducida no sistema educativo público. As nosas beizóns para a Consellaría de Educación, para as profesionais responsables da Asesoría de BE e para todo o profesorado comprometido nos seus proxectos.”

Radiocrítica 01-06-2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 1 de xuño en Ames Radio (accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de E os domingos un croissant… de Ursula Heinze (2:00), de Elos, de Rosalía Fernández Rial (9:23), da Historia da literatura infantil e xuvenil galega, coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou coa colaboración de Eulalia Agrelo Costas, Pilar Bendoiro Mariño, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González, Marta Neira Rodríguez e Isabel Soto (15:10) e das Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz (23:04).”

O río subterráneo de Agustín Fernández Paz

DesdeAgustín Fernández Paz o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Onte pechamos as actividades por este curso escolar do Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro II”, do IES Valadares (Vigo), constituído por profesorado, pais e nais do alumnado e persoal non docente cunha visita agardada que nos fixo sentir como un grupo de lectoras e lectores privilexiados. Acudiu Agustín Fernández Paz á nosa chamada e fíxoo ao fío da lectura d´A viaxe de Gagarin, libro que foi merecente hai ben pouco tempo do premio á mellor obra narrativa polas persoas que constituímos a AELG.
Con todo, antes de se referir á súa última novela, Fernández Paz abordou temas, ao meu parecer, extraordinariamente interesantes como a compoñente de filiación irracional que rodea o acto da escritura, a influencia que recibiu, da man de seu pai, para converterse nun lector voraz deixando breves pero substanciosas reflexións como a que apunta á súa interpretación de que “quen ten ganas de ler ten tamén ganas de escribir”, aínda que o resultado desa vontade non se manifeste, sempre, publicamente. Transitando por estes camiños afirmou, asemade, como, no seu caso, a práctica da creación literaria foi roubándolle tempo á actividade docente pois, ao seu entender, a literatura é moi esixente: “un burato negro de tempo”. Alén de recrear, con exemplos que circulan polos seus libros, esa imaxes, experiencias ou feitos sorprendentes que, por veces, desencadean un relato ou unha novela, centrouse na vinculación que existe entre A viaxe de Gagarin e mais Non hai noite tan longa desvelando, dalgún xeito, eses ríos subterráneos que percorren as dúas propostas e que ás veces non é doado ver mais que, no fondo, van alimentándoo todo.
O autor vilalbés, nunha extraordinaria intervención na que insistiu na necesidade que sente de contar moitas cousas vinculadas con realidades experimentadas e outras imaxinadas, falou da memoria e do franquismo, da adolescencia e do espertar político entre outras cuestións que deron paso a un fértil diálogo, desvelando tamén o proceso da abondosa documentación que esixiu esta novela -usada sempre externamente e que lle outorga unha ancoraxe sólida ao que se quere contar-, sen esquecer enumerar algunhas das claves da insistente e teimuda dinámica de continua refacción e puimento que conduce da idea orixinal á versión final que onte puidemos ter na man, amosándonos un dos manuscritos da propia novela.
Un serán fantástico o de onte, non teño dúbida, deses que evocaremos ao longo de moito tempo. A nosa gratitude, Agustín!”