Pontevedra: VI Xornada de Onomástica Galega, o 16 de outubro

A Coruña: presentación de O reino medieval de Galicia, de Anselmo López Carreira e Xosé Miguel Andrade, e Celtas, castrexos e romanos, de Francisco Xavier González García

Baldo Ramos e Eva Veiga, en creación literaria, e Andrade Cernadas e López Carreira, en investigación e ensaio, obteñen o Premio Antón Losada

Desde o Concello do Carballiño:
“Na Casa do Concello do Carballiño, ás 11:00 horas do día 24 de abril de 2021, reúnense os membros do xurado que a continuación se relacionan, para a selección das obras premiadas segundo as bases publicadas para o efecto.
Asisten:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Afonso Vázquez-Monxardín Fernández.
Polo Consello da Cultura Galega, don Xosé Manoel Núñez Seixas.
Polo Museo do Pobo Galego, don Mª Xosé Fernández Cerviño.
Pola Deputación de Ourense, don Luís Eugenio González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Mar Lorenzo Moledo.
Pola Universidade de Vigo, don Alexandre Rodríguez Guerra.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Biscaínho Fernandes.
Actúa como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández. (…)
Despois das deliberacións sobre as obras, cunha maior profundidade e expoñendo variedade de argumentos, por unanimidade dos presentes decídese outorgar o Premio Antón Losada Diéguez na súa XXXVI Edición e na modalidade de Creación Literaria: Quérote canto (Ed. Galaxia) de Baldo Ramos e Eva Veiga.
O xurado quere salientar neste premio a singularidade escollida polos autores na metodoloxía que se traduce nunha resonancia creativa. Dúas voces asentadas e diversas de lírica de noso que transitan camiños distintos nunha estancia común, conseguen conmover aos lectores de lectoras. Velaí o milagre da poesía.
Despois dun pequeno receso, iníciase a selección na modalidade de Investigación e Ensaio. (…)
Logo de novas deliberacións, e nunha derradeira votación, o xurado acordou conceder por unanimidade o Premio Antón Losada Diéguez, na súa XXXVI Edición, na modalidade de Investigación e Ensaio a O Reino medieval de Galicia (Edicións Xerais) de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira.
O xurado valorou a achega orixinal dos autores ao coñecemento da historia medieval de Galicia, rescatando do esquecemento a existencia do reino de Galicia con rigorosidade e carácter divulgativo, combinando ensaio e investigación en fontes tanto cristiás como musulmáns, con paixón polo pasado temperada polo coñecemento académico e ben fundamentado. (…)”

Anselmo López Carreira: “Sánchez Albornoz e Castelao representan visións contrapostas da historia medieval”

Entrevista a Anselmo López Carreira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Con que obxectivo se publica este libro [O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria]? Como xorde?
– Anselmo López Carreira (ALC): Foi unha proposta que Isidro Dubert fixo a Xerais. É unha colección sobre a historia de Galicia e o noso libro é a primeira achega. Non é unha historia do reino de Galicia, senón un libro de divulgación sobre a existencia do propio reino e sobre o seu tratamento historiográfico, é dicir, sobre o seu esquecemento.
– ND: Ao comezo falan dunha polémica: Sánchez-Albornoz repróchalle a Castelao a súa castelánfobia e Castelao a Sánchez-Albornoz o seu excesivo castelanismo. Por que é significativa?
– ALC: Os dous representan visións contrapostas da historia medieval de Galicia. Castelao non é historiador: bebe do que escribiran Risco ou Vilar Ponte, pero ten claro que Galicia ten unha historia de seu e reivindica, a través dela, a nacionalidade galega. Sánchez-Albornoz é a versión historiográfica da Xeración do 98, moi castelanista.
– ND: Sánchez-Albornoz recoñece que se chamaba Galiza a todo o noroeste da Península e Modesto Lafuente que ao reino de Asturias se lle chamaba Galiza. Mais iso non muda nada…
– ALC: Ambos os dous recoñecen ese feito, pero en notas ao pé de páxina. Eles sabíano. As crónicas árabes chamaban a todo o noroeste Galicia, pero a historia oficial feita por Modesto Lafuente e despois por Sánchez Albornoz, xa no século XX e con máis fontes, opta por chamarlle reino de Asturias e reino de León.
– ND: A documentación, en realidade, é interpretábel, alén dos motivos ideolóxicos. Aparecen expresións moi distintas para definir os reis e os seus territorios.
– ALC: É interpretábel, si, pero os motivos ideolóxicos pesan moito. Cando se comeza a facer unha historia académica normativa, a mediados do século XIX, non hai aínda unha historia de Galicia. O traballo de Murguía e Vicetto chega despois. A historia de España herda unha interpretación que vén de moi atrás, do século XIII, relacionada coa unión do reino de Castela co de Galicia-León e co proceso de hexemonización de Castela.
Os historiadores do XIX traballan coas crónicas do século XIII, sobre todo as feitas na corte de Afonso X, ou coas do XIV e XV, que salientan a historia de Castela por enriba dos demais reinos. Non é así no caso de Catalunya e Aragón, que teñen unha historiografía de seu moi potente. Ademais, Galicia pasa a ser xa o territorio da Galicia actual: non é a antiga Gallaecia, que tiña a capital en León. Modesto Lafuente continúa a tradición historiográfica do século XIII, que era a que había. Sabían que houbera un reino de Galicia, pero para eles era un título baleiro de contido.”

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Anselmo López Carreira

Estas son algunhas das fotografías da Ruta sobre o Vigo medieval, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020, que guiou Anselmo López Carreira o domingo 11 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020

Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Hai inscrición previa, de balde, até cubrir 24 prazas para cada roteiro.
A inscrición farase no correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando o nome da ruta, os nomes das persoas participantes (un máximo de 4 prazas por reserva) e un número de teléfono de contacto. Será obrigatorio o uso da máscara. Pedimos responsabilidade a quen faga as reservas para que poidan participar o maior número posíbel de persoas interesadas na actividade.

Os roteiros son os seguintes:
Baiona. 6 de setembro, Iria Misa: Roteiro arredor de Segredos no Solpor. De 11:30 a 13:00. Punto de partida: Praza de Abastos de Baiona, Rúa Carabela Pinta, 9.
Vilagarcía de Arousa. 13 de setembro, Marcos Calveiro: O xardineiro dos ingleses. De 11:30 a 13:00. Partida: Cemiterio dos Ingleses. Avenida de Pontevedra.
Cerdedo-Cotobade. 20 de setembro. Calros Solla: Ruta literaria e etnográfica por Cerdedo. De 11:00 a 13:15. Partida: Praza da Igrexa de Cerdedo (Antiga Praza da República). Traslado en vehículo particular nalgún punto da ruta.
Ponteareas. 27 de setembro. Manrique Fernández. Ruta literaria por Ponteareas. De 11:30 a 13:00. Partida: Casa do Concello de Ponteareas.
Pontevedra. Previsto para o 4 de outubro (adiado pola situación sanitaria na comarca de Pontevedra). Xosé Monteagudo. Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos. De 11:30 a 13:00. Partida: Praza da Peregrina.
Vigo. 11 de outubro. Anselmo López Carreira. Ruta sobre o Vigo medieval. De 11:30 a 13:00 h. Partida: Fronte á Casa do Concello de Vigo, no pé das escaleiras da subida ao Castro.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Anselmo López Carreira: “O reino suevo foi esquecido pola sobredimensión do mundo visigodo”

Entrevista a Anselmo López Carreira na Televisión de Galicia:
“Anselmo López Carreira combate tópicos historiográficos da arte medieval galega en Arte e escritura na Galicia medieval (Séculos VI ao X). Un libro publicado por Xerais que reflexiona sobre a importancia da nomenclatura na interpretación da historia. A entrevista pode verse aquí.”