Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil 2023

A AELG colabora coas Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil 2023, actividade da Universidade da Santiago, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Esta actividade enfócase como continuación dos Cursos de Formación. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil, dado que desde 2020 non se puideron levar a cabo no seu formato habitual anterior.
Está orientada á formación do futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria, e a todo tipo de mediador/a, no seu quefacer profesional no marco de ámbitos básicos como son a formación artístico-literaria e a comprensión e expresión escrita e lectora.

Terán lugar estes tres encontros:

– O 30 de outubro, de 12:00 a 13:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Aprender as palabras para cambiar o mundo, con Paula Carballeira.

– O 6 de novembro, de 12:30 a 14:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Do falado ao escrito. Literaturas de ida e volta, con Antonio Reigosa.

– O 8 de novembro, de 19:00 a 20:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela: Encontro con Antonio Reigosa.

– O 14 de novembro, de 16:00 a 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela: Encontro con Antía Yáñez Rodríguez.

As actividades serán presentadas por Carmen Ferreira Boo e Marta Neira Rodríguez.

Mondoñedo: homenaxe a Andrea López Chao

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2023

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2023 conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2023 respectivamente a Mercedes Vázquez Saavedra e Xan do Vilar, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que terá lugar en Lugo, o 27 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.

No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Espín de Doncos, quen lerá a laudatio de Xan de Vilar, e Aser Álvarez, quen lerá a laudatio de Mercedes Vázquez Saavedra.

Pontevedra: VIII Xornada de Onomástica Galega. A onomástica e a cultura popular, o 21 de outubro

A Coruña: actividades do 4 de agosto na Feira do Libro 2023

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2023 en Lugo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Lugo do Día de Rosalía de Castro 2023, que tivo lugar o 23 de febreiro, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no Parque de Rosalía de Castro, diante do busto de Rosalía. O acto contou coa lectura do Manifesto da AELG escrito por Carme Adán e a lectura pública de poemas de Rosalía. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (grazas ás entidades colaboradoras e a Marcos López, de Viva Lugo, polas fotografías).

O director Manuel Lourenzo recibe o galardón Cunqueiriano de Honra

Desde Nós Diario:
“O dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourenzo Pérez, recibiu esta terza feira o Premio Cunqueiriano de Honra que outorga o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Un recoñecemento xusto e merecido a Lourenzo, natural da localidade veciña do Valadouro e que acumula unha “ampla traxectoria vital vencellada á dramaturxia e á literatura cunha fonda pegada de Álvaro Cunqueiro“. Ambos os dous, o de Mondoñedo e o de Valadouro, son coñecedores da forza da palabra, escrita ou recitada, e da riqueza do galego.
O incerto señor Don Hamlet, “peza dramática en tres xornadas”, de Álvaro Cunqueiro, resoou esta terza feira no salón de plenos do Concello de Mondoñedo en voz de Manuel Lourenzo, acompañado no recitado por Armando Requeixo, durante a entrega deste premio.
Lourenzo colle así o relevo dun galardón que en edicións anteriores recibiron persoeiros como Víctor Freixanes, Rexina Vega ou César Antonio Molina, entre outros nomes.
A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, Abel Vigo pronunciou a laudatio do homenaxeado. (…)”

Manuel Lourenzo Pérez recibe en Mondoñedo a distinción de Cunqueiriano de Honra

O martes 28 de febreiro o dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourenzo Pérez recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2023. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00 h., onde estará acompañado por autoridades locais e autonómicas. Converterase, así, no sétimo homenaxeado dende que se instituíu este galardón.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.
Neste 2023 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria como cunqueiriólogo do dramaturgo Manuel Lourenzo.
A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, será Abel Vigo quen pronuncie a laudatio do homenaxeado. (…)