Padrón: Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües 2024, do 6 ao 8 de xuño


PROGRAMA

Xoves 6 de xuño – Padrón, Casa de Rosalía
19.00 “A beleza do cazador e a fin do mundo”: Miguel Rodríguez Monteavaro e Andreia C. Faria conversan e recitan. Modera Chus Pato.
20.00 Recital de Bernardo Atxaga, Andrea C. Faria, Pol Guasch, Brenda Mondelo, Andrea Nunes e Miguel Rodríguez Monteavaro.

Venres 7 de xuño – Santiago, Claustro do Museo do Pobo
19.00 “Un mestrado en tesoiras e navallas: dime un nome, un son, un final”:
Andrea Nunes e Pol Guasch conversan e recitan. Modera Chus Pato.
20.00 “O arquivo da saudade e o baile da gadaña”: Brenda Mondelo e Bernardo Atxaga conversan e recitan. Modera Anxo Angueira.

Sábado 8 de xuño – Santiago, Auditorio do Museo do Pobo
12.00 Recital de Bernardo Atxaga, Andrea C. Faria, Pol Guasch, Brenda Mondelo, Andrea Nunes e Miguel Rodríguez Monteavaro.
13.00 “A lluz Orión e a nova lluz”, un espectáculo de poesía, música e imaxe en galego de Asturias dirixido polo poeta Miguel Rodríguez Monteavaro, co artista sonoro Andrés Rodrigues e co cineasta Iván Torres. Baséase no texto homónimo do propio Monteavaro (A lluz, Orión e a nova lluz, 2024, Editorial Disbauxa).

[ENTRADA LIBRE ata completar capacidade]

Anxo Angueira: “Serei un soldado máis en defensa do proxecto da Academia”

Entrevista de Héctor Pena a Anxo Angueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Falando do presente, que representa, nun tempo como o actual, ser membro dunha institución como a Real Academia Galega?
– Anxo Angueira (AA): Para min é un orgullo, un gran recoñecemento. Pero por outra parte é unha responsabilidade, pois a Academia é un dos grandes fitos históricos desa Galiza emerxente, desa Galiza que vai contra a asimilación castelanista. Xa o dixen no meu discurso, o que quero é colaborar para defender a independencia da Academia, o prestixio da Academia e o horizonte para a que foi creada, que é a defensa insubornábel da nosa lingua e a nosa cultura.
– ND: Que agarda do futuro, do tempo que ten por diante na institución?
– AA: Non o sei, acabo de entrar nela (ri). Eu ofrezo o meu traballo, o meu esforzo, o meu tempo… todo o que poida para servir e para traballar. Eu son un obreiro, considérome un traballador máis desa gran obra que historicamente realizamos todos, eu son un soldado máis da Academia e onde faga falta alí estarei para defender o proxecto orixinal, que é un proxecto común e compartido a pesar de todas as diverxencias.”

Xurxo Alonso García gaña o Certame poético Rosalía de Castro do Concello de Padrón

Desde o Concello de Padrón:
“O pintor e poeta vilagarcián Xurxo Alonso García é o gañador da décima edición do Certame poético Rosalía de Castro que organiza o Concello de Padrón. Alonso García presentouse ao certame baixo lema Acta de Sospeita cun traballo do que o xurado destacou que se “trata dunha visita renovada a través do xenio epistolar ao horror fascista de 1936”.
Nado en Bos Aires en 1956 e residente en Vilagarcía dende os oito anos, Xurxo Alonso recibirá un premio de 1.500 euros e o seu poema (que se presentou sen título a este certame) será publicado na colección de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón.
O xurado destacou que a obra de Xurxo Alonso “está dotada dunha lingua patrimonial moi rica e mantén unhas constantes estilistas de boa factura”, motivo polo que lle concederon este premio nun certame ao que se presentaron outros 43 traballos.
Licenciado en Bioloxía, Xurxo Alonso é pintor e poeta. Como poeta é autor de nove libros e recibiu, entre outros, os seguintes premios: Avelina Valladares, Johán Carballeira, Francisco Añón, Bouza-Brey, Concello de Carral, Cidade de Ourense, Díaz Castro, Torre de Caldaloba e Lueiro Rey.
Como pintor, Alonso García realizou máis de setenta exposicións individuais e obtivo premios como a Bienal Cidade de Pamplona, Bienal de Pontevedra, Premio Gredos e Bienal Eixo Atlántico.
O xurado deste X Certame poético Rosalía de Castro reuniuse na casa consistorial de Padrón, presidido polo alcalde, Anxo Arca. Forman parte do mesmo Anxo Angueira, profesor titular da área de Filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Vigo, presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico da Real Academia Galega; Manuel Lorenzo Baleirón, escritor e mestre no IES Macías o Namorado de Padrón; Miriam Ferradáns Ferradás, poeta e graduada social; Inés Mosquera Calvo, tradutora, intérprete e escritora, e Rita Bugallo González, escritora e profesora de educación secundaria de Lingua galega e literatura. Actuou como secretaria, con voz pero sen voto, a animadora cultural do Concello de Padrón, Beatriz Lorenzo Vázquez.”

Torreboredo, Souto, A Estrada: “O mar en terra” 2024

Programa completo para o sábado 4 de maio. Torreboredo 27 Souto, A Estrada.