Anxo Fariña: “Facer libros para os máis pequenos saeme fluído e apórtame moita luz”

Entrevista a Anxo Fariña en Chamando á Terra:
“Entrevista de María Solar ao escritor e ilustrador Anxo Fariña, autor da colección Gliz, destinada aos pequenos e pequenas que inician o seu contacto cos libros: O pintor de flores e Onde está Nubebebé? A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”

Cuestionario Proust: Anxo Fariña

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Anxo Fariña:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sensible.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me apoien cando o precise.
4.– A súa principal eiva?
– Pensar demasiado.
5.– A súa ocupación favorita?
– Imaxinar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A ausencia de dor. E, a partir de aí; cociñar para a miña familia, un paseo pola natureza, unha cervexa cos amigos, algo de escalada, ler…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que lle acontecese algo ao meu fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha persoa.
9.– En que país desexaría vivir?
– No meu. Pero con menos lumes, menos hipocrisía, máis coidado pola natureza…
10.– A súa cor favorita?
– Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A do toxo.
12.– O paxaro que prefire?
– Aguia.
13.– A súa devoción na prosa?
– Por épocas. Agora, Murakami e Faulkner.
14.– E na poesía?
– As dos meus amigos escritores/as.
15.– Un libro?
A historia interminable.
16.– Un heroe de ficción?
– Un anti-heroe de cómic: Logan (Lobezno).
17.– Unha heroína?
– Ninfa (un dos personaxes dos Megatoxos).
18.– A súa música favorita?
– Variada e depende da época. Non pode faltar algo de Frank Sinatra e Coltrane.
19.– Na pintura?
– Matisse, Klimt…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os que son quen de sobreporse a enfermidades ou adversidades terribles.
21.– O seu nome favorito?
– Aidan.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A violencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Por desgraza temos moito onde elixir. Franco, Hitler…
25.– Un feito militar que admire?
– Admirar ningún. Como escritor fascínanme moitos episodios bélicos da historia. Sobre todo polas microhistorias dos seus participantes que adoitan quedar no anonimato ensombrecidas polos mandatarios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha mellor saúde.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e en paz.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ultimamente máis melancólico do que me gustaría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Imos aló.”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 1

O martes 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación de Meu avó, rei das pequenas cousas, de João Manuel Ribeiro, publicado por Hércules. No acto, o autor estará acompañado por Armando Requeixo e Laura Rodríguez.
19:00 h. Presentación de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé María Lema Suárez, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación do proxecto Contos Estraños, a cargo de Xosé Duncan e Fernando M. Cimadevila. Na carpa das librarías.
19:45 h. Presentación de Conto x conto, de Anxo Moure, publicado por Baía Edicións. Na carpa infantil.
20:00 h. Fran Rei: A galiña azul, no Palco da Música.
20:30 h. Presentación O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicada por Xerais. Con Mercedes Queixas.
20:30 h. Sinatura de Anxo Fariña na Caseta da librería Lume.
21:15 h. Charla arredor de Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño, publicada por Xerais.